«Aquí vivimos de costas á terra»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

ANA GARCIA

A Fundación Juana de Vega dedica todos os seus esforzos a mellorar as oportunidades no rural, por mandato da fundadora. Cóntao o director, José Manuel Andrade, natural de Corcoesto (Cabana)

07 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

José Manuel Andrade Calvo (Corcoesto, 1975) é o director da Fundación Juana de Vega, creada en 1872. Esta coruñesa liberal deixou o seu patrimonio para o desenvolvemento do rural e niso continúan, aínda que dun xeito «adaptado ás necesidades do século XXI, que non son as mesmas que no XIX».

-Pero o mundo rural, antes e agora, segue a estar por debaixo do urbano en moitos sentidos, hai menos facilidades.

-Pero unha das cousas que conecta coas facilidades son as tecnoloxías da información e as vías de comunicación. Agora a zona rural está perfectamente conectada coas cidades, de feito hai moita xente desta zona que vai traballar á Coruña e volve. En media hora estás en calquera punto dun núcleo urbano desde unha vila cabeceira de comarca.

-O que si hai son moitas menos oportunidades de traballo.

-Iso é certo, hai menos oportunidades de traballo e a poboación concéntrase en espazos urbanos, e as empresas de tódolos ámbitos están preto das cidades...

-E era así tamén cando vivía Juana de Vega...

-Si, era así, pero o rural segue presentando oportunidades e cada vez serán máis, porque imos cara ao 2050 cunha previsión de crecemento da poboación de 9.500 millóns de habitantes, son xente que hai que alimentar e por iso hai multinacionais que están comprando terra en moitos sitios de mundo, de boa produtividade. Aquí vivimos de costas á terra. Desde 1960, cando se produciu ese proceso de desagrarización abandonouse o campo e así, desde 1985 ata a actualidade, perdéronse en Galicia 306.000 hectáreas de superficie agraria. Mentres tanto importamos alimentos de orixe vexetal. Só o ano pasado, por datos do Instituto Galego de Estatística, compramos fóra 200 millóns de euros de cereais. A pesar da terra que perdemos, aínda temos, segundo un estudo que estamos a facer na Fundación Juana de Vega, 146.000 hectáreas de moi boa produtividade en estado de total abandono. Temos traballos sobre os aspectos da mobilidade da terra e cales son os factores que dificultan que se poña a traballar. Son diversos, pero un deles é, loxicamente, a estrutura da propiedade. Máis da metade da poboación de Galicia, 1,6 millóns de persoas, son titulares de parcelas rústicas. Cada un deles ten unha superficie media de 0,25 hectáreas, pero tenas repartidas en 7,7 parcelas. Iso dá a imaxe da complexidade que temos coa terra en Galicia e da dificultade que supón mobilizala. Desde a Fundación temos impulsado o Observatorio de Terras Rústicas en Galicia, coas consellerías do Medio Rural, Facenda, Medio Ambiente e coa Universidade de Santiago. Trátase de monitorizar continuamente canta terra se move en Galicia, a que prezo e para que. Acaba de empezar e a idea é ofrecer solucións a este problema.

-Pero tamén teremos fortalezas.

-Hai sectores como o do viño, que é punteiro grazas a desenvolver un produto diferenciado e de calidade. A marca Galicia vende e nós temos dous proxectos ligados a iso. Un deles é para a recuperación das variedades de oliveiras autóctonas e o outro, de 1,5 millóns ata o 2020, sobre a identificación e caracterización de 86 variedades autóctonas de interese agrario. A idea é telas rexistradas a nome de tódolos galegos para que se poidan cultivar produtos diferenciados de valor engadido. Son apostas de futuro.

-Pero se queres poñer nunha etiqueta orixe Coristanco, Pataca de Galicia non o permite.

-Moitas veces a burocracia impide valorizar produtos recoñecidos no mercado. Hai que pelexar por eses cambios administrativos. Nós temos un programa de apoio ao emprendemento no que cada ano axudamos a 10 persoas que teñen a idea de poñer en marcha unha empresa no sector agroalimentario a levalo adiante coas mellores garantías... Venme á cabeza o caso dunha persoa que criaba capóns e quería desestacionalizar a venda e ofrecelos todo o ano a un mercado como o francés, que demanda todo o ano ese produto. Atopouse con que non permitían un matadoiro para aves en explotacións familiares, algo que está permitido en Francia, por exemplo. Outro proxecto era para a valorización e aproveitamento da carne de caza. En Galicia temos unha calidade excepcional, non como en Castela, con animais alimentados con penso. Aquí é salvaxe, ben valorada, pero non se pode aproveitar. Esa carne acaba tirada. Era un proxecto con veterinarios, todo certificado, pero houbo problemas con Sanidade, pero en Estremadura, permítese.

-¿Que se pode facer?

-Necesítase modificar e flexibilizar a lexislación e adaptala ás realidades do rural. Porque os requisitos son os mesmos para un gran matadoiro que para un pequeno, e iso non pode ser. Somos nós mesmos os que estamos a poñer trabas ao desenvolvemento rural, ao mesmo tempo que lle estamos a poñer moitos cartos públicos en numerosas iniciativas como a incorporación de mozos. Outro problema é que as competencias están repartidas.

Oposición lóxica e emocional á mina

Na casa de Corcoesto había gando, dos avós, aínda que o pai traballaba na construción e a nai é ama de casa. Ningún dos catro irmáns vive en Cabana. José Manuel considera que iso é normal, «estamos nun mundo globalizado e a xente, loxicamente, ten que andar polo mundo».

Estudou un ciclo de administración de empresas en Ponteceso e despois foi á Universidade da Coruña, onde agora é tamén profesor, pero cando viu unha ameaza para o seu Corcoesto natal axiña tomou partido. «Estiven en contra da mina, creo que era un despropósito tanto para o Concello de Cabana como para o resto da comarca. Foi un grande acerto que non se levase a cabo ese proxecto», asegura.

Para el, esa loita en contra da mina de ouro tivo moito de emocional. «É o lugar onde naciches, onde viviches a túa infancia, onde viven teus pais, e que se presente un proxecto desa natureza, que non respecta nada do que alí hai e que deixa unha herdanza envelenada para centos de anos, loxicamente, claro que é algo emocional», explica.