Coristanco e a sanidade

La Voz

CORISTANCO

02 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Defensora sempre dos servizos públicos, paréceme sangrante o que está a ocorrer co Sergas, concretamente no Centro de Saúde de Coristanco, algo quizais difícil de explicar para quen non está a sufrir o mal funcionamento do servizo pola mala xestión de Sanidade.

Levamos anos coa praza vacante de matrona, a titular xubilouse e para abaratar custes a Xunta evita ocupar o posto. O problema xurde cando os usuarios temos que facer uso e nos desprazan a concellos limítrofes como Carballo e Cabana, por exemplo. Pensaredes que ese non é o problema, hai medios para o desprazamento, pero a cuestión é que, cando realmente necesitas asistir a unha consulta e descolgas o teléfono e pides por favor unha cita para a matrona no teu centro de saúde, sorpréndense eles mesmos e a nós tamén, cando estando en agosto, nos ofrecen cita para o 5 de outubro. Unha simple consulta dun servizo diario, non unha especialidade nun hospital.

Pediatra

Como en Coristanco non debemos ser como calquera outro cidadán, estivemos xullo e agosto sen pediatra. Aínda que a través das manifestacións se fai presión mediática, pouco resultado ou presión se fixo ante a consellería, porque quizais políticamente non interesa que chegue o servizo ao cidadán para poder privatizar todo, suposicións persoais.

Non querendo utilizar o servizo de pediatría en Carballo, dado que defendo o uso no noso municipio, chamei para pedir para setembro: sorprendéndome de novo, cando ofrecen a máis próxima para o 21 de setembro.

Pregúntome, políticos que vos presentades como defensores do pobo, como loitadores dos intereses xerais e traballando por e para o cidadán sen intereses persoais nin particulares: ¿Onde estades? ¿Que facedes? Realmente, sabedes que posto ocupades? Porque é sangrante que non se perciba un ápice de interese para solventar o problema sanitario no noso Concello. O problema de todos, se os servizos van a menos, a Administración local vai a menos e autonómica vexo que lle convén a situación para minorizar os servizos e aumentar a privatización, pero, ¿quen se lucra de todo isto? Oxalá algún día teñades intereses verdadeiros cara os cidadáns, de quen vos servides e vos beneficiades.

Raquel Andrade. Coristanco.