
Nova sesión de regueifa semanal coa coristanquesa Lupe Blanco: ¡le a súa retranca!
26 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Bos días para todos,
cada un sabe o que fai
aquí esta a regueifeira
porque outra non a hai.
Vamos empezar daquela
sen dicir barbaridades
que hai que darvos as noticias
que están de actualidade.
A cousa está complicada
volvemos con outro conto
a política está de moda
un alcalde sae absolto.
Chámase Ramón Varela
tiña unha causa pendente
pero xa pasou o xuízo
e o home é inocente.
O home é inocente
hai que dicilo primeiro
tamén vexo que nos barcos
fanlles falta mariñeiros.
Andan sen xente no mar
non che é unha marabilla
a ver se alguén se anima
para cubrir esas plantillas.
Senón témolo moi fácil
xa vos dou eu unha pista
o mellor para gañar cartos
é facerse electricista.
A culpa xa non é miña
de que volva a cantar
é que aló en Coristanco
sempre hai de qué falar.
Saen á luz as facturas
cando nunca mellor dito
pagan setenta mil euros
e quitáronlle o pico.
Antonio non escatima
queda un moi abraiado
debe ser que o electricista
cambiou todo o alumeado.
Noraboa a ese obreiro
se iso lles foi cobrar
ao concello a Coristanco
da gusto ir traballar.
Agora cambio de tema
isto si me sabe a gloria
déronlle a Pazos de Merexo
premio Mestre da Memoria.
E xa vou ir rematando
xa cantei dalgún asunto
ter coidado ca regueifa
que lle cae a todo o mundo.