Os proxectos das aldeas singulares sementaron unha esperanza para o rural

La Voz

CORISTANCO

20 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As mulleres tamén lle deron alma ao encontro de Aldeas Singulares de este ano. Foron elas das que falaron de proxectos existentes e ideas necesarias para que o rural renaza. Así, presentadas por Verónica Couto e coa presidenza Tamara Lema foron sucedéndose testemuñas como as da musicóloga Andrea González, de Mamá Teresa, de doces artesáns de Arzúa, un negocio familiar que colleu pulo coa volta á tradición, as salchichas de chocolate, a recuperación da fariña de millo e outras elaboracións sen conservantes nin colorantes. Ou Elena Ferro, de Eferro, que transformou os zocos tradicionais en elementos de moda actual e foi conquistando as pasarela máis esixentes e converteu a sede de Merza nun lugar de peregrinación. Mercedes Cachaza, presidenta do Consello de Maiores de Paderne, contou o abano de actividades que levan feito, ata a conquista da UNED sénior. Verónica Guardado, que levou o premio en materia de igualdade da Deputación, por sementar paridade no rural. Leva a cabo os seus proxectos no colexio de Canosa Rus (Coristanco), onde é quen de mudarlle hábitos aos nenos.

Lucía Abarrategui ten un proxecto de radio para rescatar o patrimonio inmaterial no entorno de Xermade e outros lugares. «A radio fornece a reflexión», dixo nun momento. Alicia Rey tratou sobre produtos fitosanitarios ecolóxicos e a súa experiencia cos maiores. E logo veu unha das mulleres máis apaixonadas na defensa do rural, Ana Corredoiro, de Vacas do Ulloa. Unha bióloga metida a granxeira, porque é a súa vocación, para producir leite ecolóxico. Denunciou que semella que queiran converter as granxas en súbditos da industria e romperlle esquemas aos labregos, xerándose unha brecha na transmisión de coñecementos sobre o traballo e a vida no rural. «A tradición ten futuro», dixo nun momento. E ten que ser a pauta de comezo para a transformación. Unha compañeira súa empezou con sete vacas e acabou facendo cosmética.

Rosa Arcos, presidenta de Mulleres Rurais de Galicia, falou de ideas de futuro e da necesidade de darlle outra volta ao rural.