carballo / La Voz

As Festiletras teñen espazo para as emocións. As mulleres reinaron onte no berce de Pondal. O salón da Fundación foi escenario da entrega dos premios Bicos de Mel para tres «literatas», Sara Vidal García, de Neaño; Teresa Castro Pardiñas, de A Campara, e Carmen María Taibo, de Coristanco. Recibiron o recoñecemento de mans da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. Pola mañá, as mulleres tamén protagonizaron unha intensa xornada de Aldeas Singulares.

Abriu a sesión a prodixiosa voz de Irma Maceiras, con Xaquín Rama á guitarra. As figuras de Eduarda Pondal e Rosalía de Castro ían dando paso ás «literatas». Marité Lema, Nataly Asorey, Diana Pastoriza e Concha Blanco ían dándolle voz a cociñeiras, palilleiras, mestras, Rexubeira de Bergantiños e peixeiras. Silvia Losada interpretou unha peza de Asunción Antelo. Lupe e Alba María reproduciron unha vella regueifa. Lorena Pose, Carmen Isabel, Rosa Rodríguez Vidal e Natalia Lema seguiron dándolle voz a mineiras de Balarés e mariscadoras do Anllóns, entre outras, mentres que Isabel Fernández interpretou Lela. Mabel Montes, Tanía Carreira, Olga Campos e Priscila Méndez foron altavoz doutras mulleres. Susana López Abella dixo que actos coma o de onte son importantes para a sociedade, lembrou como a propia Rosalía recibía burlas, como que lle chamaban «bachillera» e acabou proclamando que «ninguén é dono de ninguén».

Emotivas estiveron as galardoadas. Sara Vidal, coas súas orixes como ferreira. Teresa Castro fixo alarde de copleira e Carmen Taibo lembrou á súa avoa nun longo poema. Remataron Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, acordeón e violín. Logo, regueifa.

Os proxectos das aldeas singulares sementaron unha esperanza para o rural

 

 

As mulleres tamén lle deron alma ao encontro de Aldeas Singulares de este ano. Foron elas das que falaron de proxectos existentes e ideas necesarias para que o rural renaza. Así, presentadas por Verónica Couto e coa presidenza Tamara Lema foron sucedéndose testemuñas como as da musicóloga Andrea González, de Mamá Teresa, de doces artesáns de Arzúa, un negocio familiar que colleu pulo coa volta á tradición, as salchichas de chocolate, a recuperación da fariña de millo e outras elaboracións sen conservantes nin colorantes. Ou Elena Ferro, de Eferro, que transformou os zocos tradicionais en elementos de moda actual e foi conquistando as pasarela máis esixentes e converteu a sede de Merza nun lugar de peregrinación. Mercedes Cachaza, presidenta do Consello de Maiores de Paderne, contou o abano de actividades que levan feito, ata a conquista da UNED sénior. Verónica Guardado, que levou o premio en materia de igualdade da Deputación, por sementar paridade no rural. Leva a cabo os seus proxectos no colexio de Canosa Rus (Coristanco), onde é quen de mudarlle hábitos aos nenos.

Lucía Abarrategui ten un proxecto de radio para rescatar o patrimonio inmaterial no entorno de Xermade e outros lugares. «A radio fornece a reflexión», dixo nun momento. Alicia Rey tratou sobre produtos fitosanitarios ecolóxicos e a súa experiencia cos maiores. E logo veu unha das mulleres máis apaixonadas na defensa do rural, Ana Corredoiro, de Vacas do Ulloa. Unha bióloga metida a granxeira, porque é a súa vocación, para producir leite ecolóxico. Denunciou que semella que queiran converter as granxas en súbditos da industria e romperlle esquemas aos labregos, xerándose unha brecha na transmisión de coñecementos sobre o traballo e a vida no rural. «A tradición ten futuro», dixo nun momento. E ten que ser a pauta de comezo para a transformación. Unha compañeira súa empezou con sete vacas e acabou facendo cosmética.

Rosa Arcos, presidenta de Mulleres Rurais de Galicia, falou de ideas de futuro e da necesidade de darlle outra volta ao rural.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

As mulleres reinan no berce de Pondal