A regueifa medrou e agrandou familia

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

Máis de mil nenos e nenas de Galicia tomaron onte parte na Regueifesta, organizada dende Baio e Vila de Cruces

03 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«O que pasou hoxe no Auditorio de Galicia... foron mil nenos e nenas de todas as provincias...», contaba Manuel Maseda onte da terceira edición da Regueifesta. El foi un dos dinamizadores deste festival da improvisación oral celebrado en Santiago, e promovido dende o instituto Maximino Romero de Baio que dirixe, así como dende o Marco do Camballón de Vila de Cruce. Foi unha festa interxeracional -dende nenos de 8 anos a mozos de 20- que deu cabida a momentos tan espectaculares como o do folión da Pobra de Trives. Onte, sobre o escenario, fíxose un percorrido polas diferentes manifestacións do repente tradicional galego, contectándoas tamén con xeitos máis modernos, co freestyle. «Non só houbo regueifa de Bergantiños, senón tamén brindos do Courel, bombas de Vilariño de Conso ou altos dos Xenerais do Ulla», contou Maseda. «Amosouse que a regueifa é unha parte da improvisación oral. Penso que foi un salto moi importante, reunir a toda esta xente foi como facer familia, a regueifa medrou neste sentido», dixo Maseda. Da comarca, acudiron estudantes de Baio, Carballo e Vimianzo. Medrou, tamén, coas presenzas de delegacións vascas (bertsolaris) e catalás (glosardors).

Mediante unha serie de probas, a capacidade de improvisación quedou demostrada nuns e outros -Maseda di que os alumnos de Baio o fixeron «xenial»- e arredor de temas como o feminismo, a igualdade, a ecoloxía e a lingua. Música e proxeccións acompañaron o festival, que tivo representantes de Ames, Carballo, Santiago e Teo, impulsores do programa Enreguéifate no que se inclúe. Tamén acudiu Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística. A Regueifesta foi o contexto no que se entregaron os premios do certame de regueifas en vídeo Enreguéifate. Para Coristanco e Malpica viñeron parar dous da categoría xeral.

Bertsolaris e glosadors, hoxe, pola comarca

As delegacións catalás e vascas que onte participaron no festival de improvisación oral en Santiago achegaranse hoxe á comarca da man do instituto Maximino Romero de Lema de Baio. Así, o inicio da ruta está previsto para as 11.00 horas nas Torres do Allo, pero irán logo ata o castro A Cidá de Borneiro e, posiblemente, tamén ata o mar de Soesto. A mañá rematará cunha comida conxunta no centro baiés.

Taller con Lupe Blanco e Alba María nos colexios de Zas

Hoxe • A regueifa está a vivir en Bergantiños un rexurdir innegable. Boa contribución ten feito a coristanquesa Lupe Blanco. Hoxe, xunto con Alba María, tamén regueifeira, achegarase ata o CPI de Zas (11.00 horas) e ata o CEIP Labarta Pose de Baio (12.45) para impartir un taller de improvisación oral aos estudantes. Demostracións, historia, outras tradicións... de todo falarán.