Paxariños

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CORISTANCO

09 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai cigoñas polas terras de Coristanco, seica, e xa as había entre Andoio e Rodís o ano pasado. Vanse movendo cara a nosa comarca, será que lles gusta, igual que antes o fixeron moitas rapaces alleas, como denuncian unha e outra vez os cazadores, ou se van quedando os cormoráns, como se laian os pescadores. Unhas e outros comen crías cinexéticas e troitas e chocan cos intereses destes dous colectivos.

Son todas aves grandes e vistosas, mais eu prefiro as cativas e anónimas, as de sempre. As que nos avisan dos cambios de estación aínda que chova ou faga sol. Xa chegaron as andoriñas e os cirrios, tan semellantes que adoitamos confundilas. Son os paxaros máis fascinantes do mundo rural. Cada ano por este tempo aparece unha primeira avanzadilla, como de exploradores, aos lugares nos que tanto eles como os seus antecesores coñecen dende hai (no caso que sei) máis de 40 anos. Seguramente moitísimos máis. Proceden da friaxe buscando a calidez. Eu xa nin son capaz de atopar as catro fincas que teño polo monte a quince minutos andando, e estes paxariños voan miles de quilómetros a gran altura sen perderse a dan co seu refuxio de sempre. Fascinante. Estes días revisan os seus vellos niños, fan os novos, territorializan para as súas familias, limpan as arañas e os insectos da corte, e preparan a estancia para os compañeiros inminentes. Todo cunha organización e disciplina que non lle atopo a ningún adolescente. Podería estar horas mirando o seu traballo e voos acrobáticos, pero iso é só para ascetas, románticos ou xente con tempo, e daría que falar. Xa haberá tempo ata setembro, cando marchan caladiños.