«Xandra naceu dun reto persoal»

paula vázquez CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

BASILIO BELLO

A escritora e profesora Mercedes Queixas acaba de publicar unha obra na que personifica a unha landra

04 abr 2018 . Actualizado a las 01:02 h.

De raíces larachesas e docente en Coristanco, Mercedes Queixas (A Coruña, 1968) vén de publicar o seu primeiro libro infantil: Xandra, a landra que quería voar, unha chamada de atención a cativos e maiores para manterse no ar e non caer no inconformismo. «Mesmo sendo adultos, non debemos renunciar á capacidade de soñar», lembra a escritora.

-Esta é a primeira vez que publica para nenos. ¿Como xurdiu a idea?

-Xurdiu hai moito tempo, a partir dunha petición da miña filla máis nova. Díxome por que non escribía cousas importantes e interesantes para nenos e nenas, no canto deses textos serios e aburridos que eu facía. Entón tomeino coma un reto persoal. Partindo deses relatos que ás veces lle lía a elas cando eran cativas, pregunteille que conto lle gustaría que escribise. Pediume que contase a historia dunha landra que quería voar. E así foi.

-O libro fala dos soños e da posibilidade que, como seres humanos, temos de conseguilos. Para lelo non hai un límite de idade...

-Creo que cando o escribín realmente pensei en min, ou en calquera persoa adulta. De feito, nunha das presentacións máis recentes, cando lle preguntei aos cativos por que lles parecía que eu escribira este libro, un díxome directamente «porque ti tamén querías voar». Sentinme absolutamente espida, tiña razón! Eu compúxeno porque preciso soñar. Mesmo sendo adultos, creo que nunca debemos renunciar á capacidade de aspirar a algo.

-Unha historia para crer e soñar, ter esperanza e nunca perderse. ¿Uns valores que se perden cada vez máis nesta sociedade?

-Si, estou segura de que me enriqueceron moito todas as lecturas de libros infantís que eu compartía coas nenas. Non nos podemos conformar con que as cousas teñen que ser así porque veñen dadas, porque todo o mundo as fai ou porque é o que se leva. Podemos ter diferentes desexos e traballar para acadar outros obxectivos. Con esta obra, quero compartir un convite que moitas veces me fago a min mesma, a voar e a non caer no inmobilismo e inconformismo. Debemos ter a nosa maneira de ver o futuro e o noso propio dereito a traballar por el. Este libro é algo así como unha chamada de atención, e paréceme fundamental transmitirllo ás crianzas.

-Xandra conta coas ilustracións de Paula Pereira. ¿Vostede tamén participou no proceso creativo?

-Eu entregueille o texto, e cando ela mo devolveu coas súas ilustracións foi cando me convencín a min mesma de que podía haber un libro. Antes non, para min só era un texto gardado nun arquivo. Ela tiña moitas ganas de experimentar co ámbito da ilustración infantil. A obra é un reto das dúas. Meu, á hora de construír un texto, e dela, á hora de artellar o plástico, de facer que esas palabras tivesen unha iconografía.

-O luns celebrouse o Día do Libro Infantil. ¿Cal cre que é a importancia do fomento á lectura desde a infancia?

-É fundamental. Cando nace unha criatura, ao igual que existe a prioridade da alimentación física, eu creo que temos que ter á par unha manutención formativa, espiritual, mental...Un neno ou unha nena que desde o principio está en contacto cos libros, será moito mellor para si mesmo e para o mundo. O libro ten que estar sempre presente e ao alcance de todos. E logo, cadaquén, xa escollerá.

-¿Ten algún texto ou autor de referencia á hora de poñerse a escribir neste ámbito?

-Teño moitos, pero quen me merece o respecto maiúsculo son aquelas autoras e autores que pensan nunha escrita para axudar a formar e transformar a sociedade, aqueles que traballan dunha maneira vocacional na literatura infantil e xuvenil. Son piares fundamentais na construción da nosa sociedade, construír un texto para os máis pequenos é moi difícil.

-¿Que tal a experiencia cos cativos?

-A experiencia xenial, e creo que é por iso polo que cada vez me poño máis nerviosa [ri]. Os cativos palpitan doutro xeito. Non teñen que ser politicamente correctos nin enganan a ninguén. Sabes que aquelas caras de sorpresa ou colaboración na contada son así. E eu sinto esa empatía.