Aquela experiencia educativa no Xosé Pichel: novo reencontro

Xan Fernández Carrera

CORISTANCO

«Este domingo 18 de febreiro volvemos a xuntarnos coa xeración de alumnos de Coristanco aos que lle impartimos clase durante os oito cursos da antiga etapa da EXB (1978-1986)»

17 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Este domingo 18 de febreiro volvemos a xuntarnos coa xeración de alumnos de Coristanco aos que lle impartimos clase durante os oito cursos da antiga etapa da EXB (1978-1986). Unha experiencia moi gratificante para o profesorado que tivemos a sorte de participar naquel proxecto experimental. Pero tamén unha proba arriscada, naqueles primeiros anos de democracia nos que aínda non existía unha lexislación que permitira experiencias innovadoras con respecto á escola tradicional que imperaba nas aulas. Aínda non se aprobara ningunha norma sobre a implantación da lingua galega no ámbito escolar, pois a Lei de Normalización Lingüística data do ano 1983.

A meirande parte do alumnado que se acababa de incorporar ao centro Xosé Pichel, non tivera a oportunidade de acudir a unha escola infantil, e con seis anos, no fora aínda escolarizado anteriormente. Polo tanto, era preciso impartir uns coñecementos previos, antes de comezar cun método de lecto-escritura.

Desde un primeiro momento intentamos manter empatía cos escolantes, achegarnos ao medio do que procedían, ter en conta a bagaxe cultural que traían e valorar os seus intereses; e a partir de aí, iniciar a aprendizaxe, considerando que a nosa función ía ser a de orientar, aconsellar, conducir ou motivar, pero os verdadeiros protagonistas do proceso de aprendizaxe serían eles.

Unha das nosas primordiais preocupacións era a acollida que tería esta nova metodoloxía por parte dos pais do alumnado. Como lles explicaríamos que non iamos utilizar un método de lectura silábico, como habitualmente se viña facendo, e co que eles aprenderan a ler, senón un método global; que a lingua vehicular dentro e fóra da aula ía ser o galego, unha lingua desprestixiada e impropia para a función docente; ou que non íamos utilizar libros de texto nas diferentes materias?

Nós eramos conscientes que a moitas familias lles resultaría difícil comprender todos estes cambios, máxime sendo introducidos por un profesorado novo, acabado de chegar ao centro. Por iso era de agardar que estas novas técnicas didácticas lles creasen desconfianza e inseguridade, pero tiñamos claro que se non contabamos co consentimento dos pais dificilmente poderíamos introducir todas esas innovacións, tendo ademais en conta que a maioría do profesorado do centro continuaba a practicar un ensino tradicional e era reaccio a modificar o seu método.

Mais os cativos desde o primeiro momento mostráronse receptivos ao noso enfoque metodolóxico, sobre todo ao ver que a súa lingua e o seu mundo estaba presente dentro da aula, o que lles daba seguridade, confianza e aumentaba a súa autoestima. O feito de que viñeran a gusto e motivados á escola para nós era fundamental e facía que a aprendizaxe fose máis doada, e ao mesmo tempo servía para validar e defender o método diante dos seus pais e converter aos alumnos nos mellores garantes da nosa innovación didáctica.

Superado o primeiro trimestre de curso e vendo que o método de lecto-escritura estaba a dar bos resultados, que os cativos comezaban a ler sen silabear e a comprender o significado das primeiras frases. A escribir oracións con sentido, coas que expresaban experiencias vividas, e ademais, que durante todo este tempo non tiveramos ningunha reclamación por parte das familias, coas que mantiñamos unha constante comunicación, o tema dos pais deixou de ser preocupante.

Acabado este primeiro curso e tralos magníficos resultados acadados, xa que practicamente promocionaron todos os alumnos ao curso seguinte, a nosa aposta por continuar con esta nova metodoloxía e co mesmo alumnado nos vindeiros cursos era xa firme. Experiencias semellantes tamén se estaban a poñer en práctica noutros centros da comarca. Todo o profesorado participante se coordinaba para preparar e intercambiar coñecementos e materiais escolares de aplicación na aula, pero tamén para organizar xornadas ou encontros de formación e compensar as deficiencias de formación recibida nas escolas de maxisterio. En Carballo chegaron a organizarse durante tres cursos estes encontros, nos que participaron ensinantes de toda a bisbarra.

Con aqueles alumnos que compartimos tantas horas de clase, que realizamos múltiples actividades dentro e fóra da aula, seguimos a manter lazos de amizade, o mesmo que sucede entre eles, unha amizade que naceu da intensa convivencia mantida durante aqueles anos de infancia e adolescencia, nos que a escola autoritaria fora substituída por outra participativa e cooperativa, e na que, como manifesta o pedagogo italiano Mario Lodi, “as actividades estaban motivadas polo interese e non pola nota, a colaboración pola competición, a recuperación en lugar da selección, a actitude crítica en vez da recepción pasiva e a norma en lugar da imposición”.

Unha escola, en definitiva, centrada no alumno e non nos contidos, que desenvolva a súa personalidade e transmita valores como a solidariedade, a participación, a tolerancia, o respecto e o esforzo. Unha escola, que en colaboración coa educación familiar, conduza a unha formación integral do alumnado. Mais aquela nova escola non trunfou, quizais por medo a que levara a un cambio social que non interesaba, e foi substituída por outra que deixou de ser educadora, no mellor sentido da palabra, para converterse cada vez máis en instrutora e transmisora de coñecementos, afastándose da esencia da educación como é a transmisión de valores, na que os sentimentos e as emocións perderon presenza, contaxiándose da frialdade que impera na sociedade actual, aínda que disfrazada da modernidade que supuxo a introdución das novas tecnoloxías. Mais nós seguimos a reclamar aquela escola da empatía co alumnado, das emocións, da proximidade nas relacións humanas, da confianza e sinceridade entre pais, alumnos e profesorado.

Con este novo encontro queremos continuar a reforzar os vínculos de amizade que xurdiron das relacións mantidas durante aqueles frutíferos anos de escola entres os propios alumnos, e tamén entre eles e nós. Farémolo a través da palabra, lembrando momentos que quedaron gravados na memoria, pero tamén a través da visión de fotografías e materiais, que algúns destes exalumnos atoparon en caixas ou carpetas arrombadas no faiado ou nalgún álbum de fotos gardado nun andel da casa dos seus pais.