«Xogando, eu era un neno alemán»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

Ana Garcia

Pasa as «datas sinaladas» na súa terra, Carballo, pero non é un fanático do Nadal

07 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O humorista Rober Bodegas (1982) adoita pasar «como mínimo as datas sinaladas» no seu Carballo natal. Noiteboa, Fin de Ano e mesmo Reis. Non é el hoxe o entandarte do espírito navideño -si o era algo máis de neno, por aquilo «da expectación dos regalos e de crer nas figuras do Nadal»-, pero en todo caso esta non é mala época de todo «porque hai máis festivos e trabállase menos». Máis alá dese «razoamento práctico e frío», o encanto que Rober lle ve a este tempo radica en que «todos os que estamos fóra eliximos as mesmas datas para vir de visita». Nadal é para Rober colegas e bares, «e ademais están máis poboados». Vamos, que non se emociona ao tolo, mais tampouco se deprime.

-¿Cachou algunha vez aos Reis?

-Non, ese tipo de traumas lembraríaos... Aínda que ao mellor agora renego do Nadal por ter un deses..., pero creo que non. Os Reis da miña casa sempre foron bastante ninjas. Non viñan de madrugada, senón pola mañá cedo, sobre as oito, e un ano espertei antes de que chegaran. Só pensei que tiña que seguir durmindo aínda que fose aficialmente de día. Decidín darlles outra horiña: esa foi a miña reacción, por máis que si tiña marcado o de «¡Si despiertas no vienen!».

-¿Algún regalo que sempre quixera e non lle trouxeran?

-Nada especial... Tampouco era eu de... Miña nai cando lea isto dirá: «¡¡É que non pedías!!». Si lembro un ano no que anunciaban na tele un ferrocarril de Playmobil. Levaba estación, depósito da auga... Todos os accesorios. Vese que o tren en sí era moi caro, e non mo puideron mercar, pero si me trouxeron a estación, o depósito... O día antes déronme unha explicación de por que os Reis non podía traer o tren, e eu entendina. Disfrutei eses accesorios, pero agora de adulto teño ese recordo dun regalo pouco congruente. ¡É coma se che regalan un surtidor e non che regalan o coche! ¿Como foi posible que me parecese ben que me regalasen eses complementos e non o que fai que teñan sentido? Ademais, eu de pequeno era moi coherente para xogar. Igual despois estudei arquitectura por cousas coma esa. Non mesturaba xoguetes de distintas escalas nin de distintas etapas temporais. Un romano e un astronauta non podían estar no mesmo xogo. Un boneco de 20 centímetros e outro de dez, tampouco. Era un neno alemán.

-¿As reunións de Nadal dan para inspirar monólogos? Aquilo do cuñado, os avós... tolemias varias.

-Agora xa se fan menos, porque chega un punto no que a familia se diversifica. Pero si... precisamente o ano pasado gravei para Comedy Central un especial que era un pouco antiNadal, desmontando tradicións. Este ano, con Pantomima Full, fixemos un especial de Nadal de Movistar sobre o típico flipao que ten a axenda megaapretada: os churros, a lotería en doña Manolita, ver o Belén de non sei onde...

-¿Como se portou o 2017?

-Foi un moi bo ano. Profesionalmente, ata arriba de traballo e penso que o 2018, polo menos ata agosto, vai ser igual salvo catástrofe. Abrimos vías laborais novas, o canal de Pantomima Full ten moitísimo éxito, agotamos entradas nas funcións, na xira que estamos facendo énchese sempre... Falo en plural en alusión a Alberto Casado, colaboramos xuntos hai tempo. Fixemos un programa propio para Comedy Central... Persoalmente tamén foi un bo ano: puiden ter tres semanas de vacacións no verán -había como catro anos que non as tiña-, agora dez días no Nadal... Un 2017 moi divertido.

-¿Ten a base fixada en Madrid?

-Si, levo alí case dez anos, que son os que se cumpriron en decembro dende que gañei o programa de TVE co que empecei a destacar na profesión (El rey de la comedia). Tanto polo teatro como por traballar en televisión de guionista e iso... Toda a profesión se concentra en Madrid. Alí está o mercado no que teño posibilidades. Así que, si, en Madrid estou instalado, salvo no verán, que é agobiante.

-¿Cre que Galicia ten algo para ter tan bos contadores de contos?

-Cada rexión ten a súa escena, pero si creo que somos un pobo con sentido do humor. Hainos que a traspasan, coma en Galicia David Amor, Oswaldo ou Miguel Lago, e tamén xente que prefire establecerse aquí, con moitísimo éxito. O noso humor gusta e eu son dos que pensa que si se entende fóra, salvo que sexan referencias moi locais. Temos ademais un punto negro que a min me fai moita graza.

Para cotillas...

¿Cal é o seu turrón? De neno era Suchard, pero este Nadal foi un de pistachos. Mercouno miña nai.

¿Árbore de Nadal, belén...? Vivo só e non poño árbore na casa. A graza está en facelo en familia, ou con nenos, pero para miralo un só ata me parece algo triste. Como decoración, teño plantas todo o ano.

¿Viño branco ou tinto? Pola miña procedencia teño que ser forzosamente de branco e de tinto [ri]. Son nacido nunha casa de viños e non se lle pode facer ascos a nada, pero prefiro os tintos, incluso con peixe. O branco, si, para aperitivo.

¿Peixe ou carne? Marchei da casa con 18 anos e cando volvo teño unha especie de regresión na que son tan inútil como o era naquel entón. Como non axudo a nada, tampouco me queixo. Aínda así, sempre que veño a Galicia aproveito a comer peixe, por moito que digan que «el mejor pescado se lo llevan a Madrid».

¿Uvas dentro ou fóra da casa? Ceamos na casa, pero este ano conseguín comer 4, porque unha tía miña comíaas esaxeradamente rápido e deume a risa. Logo comín as outras, pero acabei ás 00.06.

¿É de Papá Noel ou Reis? Cando era pequeno Papá Noel non tiña tanto auxe, así que digo que era e son de Reis.

¿É de regalar, de recibir...? Gústame regalar e creo que fago bos regalos [terían que pronunciarse os aludidos], aínda que lle dedico menos tempo do que me gustaría. Tamén me gusta recibilos, claro. Son incluso xeneroso comigo todo o ano: se algo me gusta, autorregálomo.

¿Comidas especiais da casa? Cando veño varios días miña nai saca o seu trío de ases: tortilla, merluza á cazuela e albóndegas. É tópico, pero resulta difícil atopar unha boa tortilla en Madrid. Acabo frustrado. Hai quen di que as hai, pero iso é porque dentro da mediocridade que coñecen... ¡Non saben das patacas de Coristanco nin dos ovos da casa!