Un puntal para o relevo na gandería

xoán r. alvite MAZARICOS / LA VOZ

CORISTANCO

alvite

Oscar Blanco herdou unha explotación de seu pai, da que saen uns 5.000 litros de leite ao día

23 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non só lle gusta o que fai, senón que di sentirse orgulloso de ser gandeiro. Incluso nun momento delicado coma o actual, no que os prezos do leite apenas lles alcanzan para cubrir os custes de produción, Óscar Blanco presume de poder vivir da profesión que elixiu. «Claro que as cousas podían ir mellor. Iso é evidente. Pero xa case estamos afeitos a vivir nunha crise permanente. O prezo do leite é parecido ao que había hai 20 anos e, sen embargo, o prezo do penso, a luz ou o gasóleo chegou a duplicarse neste período. A pesar de todo, creo que esta é unha profesión que ten moito futuro e moito que dicir», apunta.

Este optimismo inquebrantable xustifícase, como el mesmo recoñece, no gran apego que ten pola súa terra e por unha profesión que sempre lle tocou vivir de preto. «Sempre tivemos vacas na casa e a min, a verdade, sempre me gustaron moito. Por iso, cando acabei a miña formación -completou un ciclo no Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa de Coristanco- optei por incorporarme á explotación, primeiro compartindo a titularidade e agora tomando o relevo de meu pai», explica.

Na actualidade xestiona unha granxa situada no lugar de Lago, da que saen máis de 5.000 litros diarios de leite grazas ás 120 vacas frisonas que ten en produción. Trátase dunha cantidade que non prevé aumentar a curto prazo porque, ao seu entender, neste momento hai que incidir máis en aspectos como a mellora dos custes de produción que en volume: «Tal e como están as cousas, igual é máis importante producir barato que producir moito. Creo que temos que facer o posible por ser o máis eficientes porque, lamentablemente, pouco podemos facer por mellorar o prezo do leite. Así que temos que traballar duro no que depende de nós».

Necesaria renovación

Neste sentido, Óscar Blanco eloxia o excelente labor que fixeron os moitos mozos que, ao igual que fixo el no seu momento, se incorporaron á actividade agrogandeira na comarca durante a etapa máis recente. «Aquí houbo un salto cualitativo importantísimo nos últimos anos derivado da moita xente nova que optou por dar un paso á fronte e traballar na gandería, xa non só como titulares de granxas, senón tamén como técnicos de campo. Entre todos estamos sentando as bases para que teñamos un futuro prometedor, porque se fan as cousas con moito criterio. Agora mesmo, estamos ao nivel ou incluso por enriba de calquera granxa de Europa no referente a volume de produción ou calidade xenética do gando», explica o profesional.

Precisamente esa savia nova que empeza a fluír polo agro barbancés foi o xerme do que hoxe é a asociación Gandeiros de Mazaricos que preside o propio Óscar Blanco e que pasa por ser a maior agrupación de produtores de ámbito municipal que existe, a día de hoxe, en Galicia. Nos dous anos que leva en funcionamento, a súa actividade dirixiuse fundamentalmente á reivindicación e á promoción do sector, así como tamén ao eido da formación dos profesionais do campo.

Obxectivos que coinciden cos da Semana Gandeira de Mazaricos que, xunto co Concello, Africor Coruña e EusonMazaricos, organiza a entidade gandeira, e que se desenvolverá na localidade entre o vindeiro día 27 e o 3 de decembro. «É unha actividade que xa vai pola décima edición e á que, ano tras ano, se lle foron incorporando propostas variadas, tentando sempre implicar ao maior número de persoas e colectivos -apunta Óscar Blanco- dada a importancia que o sector gandeiro ten para a economía do noso municipio».

Ademais da xornada técnica que terá lugar na mañá do sábado ou da poxa de xovencas frisonas do domingo, a Semana Gandeira de Mazaricos dará cabida a distintas actividades tan dispares como cursos de cociña, exposicións ou concursos de fotografía, relatos curtos ou doces lácteos. O programa completo pode consultarse na web www.semanagandeirademazaricos.gal.