«A miña intención é poder lembrar aos antigos mestres»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

Jose Manuel Casal

FESTA DA PATACA | A regueifeira Lupe Blanco será a pregoeira desta edición, unha celebración á que a coristanquesa garda moito cariño

16 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Lupe Blanco (Coristanco, 1980) é bisneta do regueifeiro Blanquiño do Muíño Seco. Como non podía ser doutro xeito, a copla lévase no sangue e agora é esta coristanquesa a que mantén viva esta tradición, case esquecida. Mañá será a encargada de dar o pregón na Festa da Pataca.

?Non é vostede novata nisto de ser pregoeira.

?Pois o certo é que xa levo uns cuantos, si! Este ano tocoume o do Día da Muiñeira e tamén o da festa medieval de Rioboo. O de mañá será xa o terceiro que vou a dar nesta tempada.

?Pero o máis especial, quizais.

?Para min, dende logo. Non só porque son de Coristanco, senón porque sempre lle tiven moitísimo cariño á Festa da Pataca. Para min é un verdadeiro orgullo. Un pouco por meu bisavó, que tamén era regueifeiro e cantou durante moitos anos nesta festa.

?¿Xa comeza a notar a presión de xogar na casa, ante os veciños?

?Polo xeral non me custa moito regueifar, pero entendo que ese día, ao quererte lucir algo máis e desexar facelo o mellor posible, poida estar algo nerviosa. Aínda así, a regueifa baséase en cantar sobre algo que viviches e que coñeces ben, polo que para min, dende logo, será moi sinxelo cantar sobre a pataca.

?¿Preparou algo o discurso, ou deixarase inspirar no mesmo día?

?Pois non. Vai a ser totalmente improvisado e cantado. Hai evidentemente certos aspectos que hai que ter en conta, pero non teño nada escrito. Todo será improvisado ese día.

?Será, canto menos, un pregón do máis singular e orixinal.

?Eu, polo que teño falado coa xente, está bastante contenta porque será distinto ao estilo que se viu noutros anos. Moi animado e con moita alegría.

?¿Que tal se portan os veciños?

?Pois recibo moitísimo cariño por parte de todo o mundo. Xa por meu avó sentían moito aprecio e agora, que eu tamén canto, trasládanmo a min.

?¿Como comezou na regueifa?

?Pois non levo nin sequera un ano cantando, pode dicirse que son practicamente unha novata. Xurdiu case como unha broma entre amigos, o tema de coplarnos uns aos outros. Ao principio escribíaas na miña páxina de Facebook, pero despois funas empezando a cantar.

?A regueifa non é un xénero demasiado habitual.

?Non, de feito a miña intención é poder lembrar aos antigos mestres deste xénero, que agora mesmo xa non queda ningún. Nos últimos tempos, estaba case abandonado nesta área de Bergantiños, o seu berce, polo que ver á xente interesada de novo por isto é moi bonito.

?Cousa difícil, isto de regueifar.

?Vese complicado, pero a práctica faino todo. O máis importante é ir collendo vocabulario e ter sempre moi clara a última palabra que queres dicir en cada verso. A partir de aí vai saíndo todo con moita fluidez e naturalidade.

«Cando a xente goza da regueifa é cando hai conflito»

Ademais de ofrecer todo un espectáculo de improvisación, un dos aspectos dos que máis goza Lupe Blanco é da ensinanza, sobre todo ao máis cativos.

?¿Como se ve dando clase?

?Pois gustaríame moito que por parte dos concellos se axudase a darlle un impulso a isto. Este ano fixen un obradoiro para os nenos no colexio de Coristanco e a experiencia non puido ser mellor. Agora mesmo estamos cun proxecto coa Fundación Pondal.

?¿Como foi a experiencia cos nenos?

?Moi boa. Failles moitísima gracia cando te ven en acción. Ademais, espabilan moito a mente ao ter que buscar palabras que rimen entre si. Leveime unha gran sorpresa coa capacidade que teñen moitos nenos para improvisar e ter retranca como os adultos. Saben en todo o momento o que queren dicir e, sobre todo nesta zona de Bergantiños, entenden perfectamente en que consiste a regueifa, que non é máis que picar ao compañeiro e meterse un pouquiño con el.

?Sen retranca non hai copla.

?É o máis bonito. Cando a xente goza máis da regueifa é cando hai ese conflito entre dúas persoas, cando cantamos entre dous e nos metemos un co outro.

?¿Levará compañeiro ao pregón ou irá soa?

?Pois neste caso non. Hai que facelo un pouco solemne, que a ocasión meréceo ben. Aínda así, con alguén haberá que meterse un pouquiño, claro está.

?¿Xa ten decidido con quen?

?Pois haberá que dicirlle algo ao Concello. Educadamente, iso si. Pero con toda a polémica que se viu nos últimos meses, algo lle ha de caer. Aínda así, teño claro que ese é o noso día, o da nosa festa, e que tampouco é o momento para criticar ou ser demasiado duros. Trátase de pasalo ben, disfrutar e que a xente se sinta moi orgullosa do pregón e do que se fará pola festa. Para min será un día moi bonito e de estar coa familia e amigos.