«Son un alcalde elixido legalmente, a secretaria non informou en contra»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

BASILIO BELLO

O novo rexedor coristanqués é, aos seus 26 anos e dende o venres, o mandatario máis novo de Galicia

27 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos seus 26 anos é o alcalde máis novo de Galicia. Enxeñeiro técnico en Obras Públicas e graduado en Enxeñería Civil, Abraham Gerpe Muñiz acadou este venres o bastón de mando no Concello de Coristanco co apoio dos seis concelleiros do PP, quen, unha vez rematado o pleno anunciaron a súa marcha do partido. Foi unha sesión polémica na que Terra Galega e PSdeG-PSOE anunciaron a adopción de medidas para tratar de impugnar este acordo. Mentres, Gerpe di estar tranquilo e preparado para asumir este reto.

-A presentación do recurso, a última hora, contra o decreto de expulsión por parte do PSOE, tíñaa ben amarrada.

-Non é certo. Empecei a desconfiar un pouco do escrito do PSOE cando non me chegou ningunha notificación a casa, nin que ninguén do partido me dixera que me ían botar, sen respectar as decisións da militancia. Ao revisar o escrito observei que era moi raro porque o PSOE non pode argumentar iso. A moción de censura non se fixo para premer a Amancio a negociar. ¿Que sentido ten negociar cun alcalde que ten tres concelleiros? Ademais, o escrito ten unhas sinaturas sen compulsar ni dilixenciadas. Non aparece a data da firma, que en documentos oficiais é obrigatorio por lei. Amancio insistiu, en ata tres ocasións, que tiña que ir eu para os non adscritos, que a secretaria prevaricaba... Pero a secretaria non advertiu nada irregular no recurso.

-Estraña un pouco que a secretaria non dixera nada e que delegara na mesa de idade.

-A secretaria non podía dicir nada en contra porque era perfectamente legal. Eu, a día de hoxe, estou no grupo municipal socialista porque non existe ningunha expulsión. O documento que se presentou no Concello por parte da xestora e a agrupación provincial é ilegal porque a lei di que o documento haino que presentar por vía telemática e ademais o escrito non se axusta á legalidade. Dende o punto de vista xurídico, incluso no Constitucional, ganariamos sempre porque un partido político non te pode expulsar dun grupo, priva ao cidadán da súa liberdade, porque lembro que os cidadáns elixíronme a min, non ao PSOE.

-Pero vostede forma parte dun partido político, dunhas siglas, aínda que non sexa militante.

-Pode ser, pero un partido político non te pode expulsar dun grupo político.

-Pero o PSOE o expulsa como voceiro.

-Pero non pode, non hai unha lei que permita iso.

-¿Considérase un alcalde elixido legalmente?

-Por suposto, sen lugar a dúbidas. A secretaria municipal confírmao ao non emitir ningún informe advertindo dunha suposta ilegalidade. Non informou en contra. E a secretaria é a asesora legal do Concello.

-¿Que valoración fai do pleno do venres?

-Amancio Lavandeira limitouse a facer o que viña facendo, que son os ataques persoais en lugar falar de cuestións políticas. Estivo ben Laura Mariño (BNG). Pero non podemos criticar persoas e Terra Galega criticou a persoas, non cuestións de índole política.

-O paradoxo é que pasou de ser socio de goberno de TeGa a promotor da moción de censura.

-Nunca fun promotor da moción de censura. Iso é outro erro.

-Pero a sinatura é a súa.

-Eu firmo, pero en base ao que me mandou o partido. E pregunto: ¿Se non a firmo, expúlsanme tamén?

-¿Que lle din os veciños de todo isto que está a acontecer?

-Son moi agradecidos e trátanme de forma excepcional.

-¿E aos que pensan que será un alcalde monicreque en mans de seis concelleiros do PP?

-Que lean a lei.

-¿E a lei que di?

-A lei di que nun concello de menos de 10.000 habitantes goberna o alcalde. Poño unha similitude. Amancio Lavandeira gobernou e tivo que buscar apoios no seu momento no BNG e no PSOE para acadar sete votos. Daquela, ¿Amancio Lavandeira era monicreque noso?

-Vostede en Radio Voz dixo que podería gobernar a golpes de decretos de alcaldía.

-Iso é o que fixo Amancio Lavandeira en todo este tempo. Só hai dous temas que requiren do pleno no Concello de Coristanco: os plans de obras e o orzamento. E vaise negociar cos 13 concelleiros e ningún concelleiro vai votar en contra das obras. E con respecto ao orzamento, Amancio non aprobou ningún sendo alcalde.

-¿Chamárono xa do PSOE?

-Non.

-¿Chámalle a atención que os edís do PP anunciaran a marcha do partido tras rematar o pleno?

-Si, non o acabo de entender, porque non houbo ningunha advertencia durante un pleno dunha legalidade abrumadora. Supoño que o fan porque dende o PSOE magnificouse todo pola rama política en vez de pensar primeiro nos veciños.

-¿Tomou xa algunha decisión como alcalde?

-O luns se saberá a primeira decisión que vou tomar. Non podo adiantar nada, pero será unha boa noticia.

-¿Vai cobrar soldo do Concello?

-Mantéñome nos meus trece, mentres que o Concello estea endebedado eu non vou cobrar, e non estou facendo demagoxia política, como fixo Amancio Lavandeira, quen dixo que estaban as contas saneadas. Se están saneadas, ¿por que hai xente que leva tres anos sen cobrar? ¿Por que a concelleira Verónica Facal non cobrou por asistencia aos plenos?

-¿Vai deixar a súa faceta profesional pola alcaldía?

-Vou traballar polos veciños e sen cobrar do Concello, pero conciliareino coas miñas obrigas profesionais.

-¿Sente que traizoou ao votante do PSOE?

-Iso sería se fora casa por casa prometendo un cambio que non fun capaz de acadar, se non, non. E hai que lembrar que o PSOE está en mínimos históricos en Coristanco, e a peor non imos ir, creo que isto será un revulsivo.

-¿Baixar os impostos forma parte das súas prioridades?

-É que xa os baixamos. Fomos o PSOE e o PP xuntos, a finais de 2016 e entrarán en vigor no 2018 cando tiñan que facelo no 2017. Amancio Lavandeira incumpriu unha orde do pleno e, polo tanto, ordenarei unha comisión de investigación de por que non se fixo e determinar as responsabilidades oportunas.

-Pero a suba de impostos foi no 2012 e gobernaba o PP.

-Tamén Amancio Lavandeira di que aumentou os ingresos sen subir os impostos e que acadou un remanente de 4,3 millóns de euros.

-¿Teme que os edís que agora o apoian sexan os que lle dean as costas nun futuro?

-Pero é que eu vou gobernar con 13 concelleiros, no co apoio de seis.

-Algúns xa lle dixeron no pleno do venres que non o ían apoiar.

-O fermoso da política é que ‘donde dije digo, digo Diego’. Xa verá como moitos cambiarán de opinión, incluídos os de Terra Galega.