«Se a moción vai adiante irémonos coa cabeza moi alta e as mans ben limpas»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

Ana García

Amancio Lavandeira, alcalde de Coristanco, sinala que os últimos dous anos de esforzo e sacrificio pagaron a pena e que non dubidará en presentarse como candidato á alcaldía nas vindeiras eleccións, no 2019

13 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Semana convulsa para a política coristanquesa e, en especial, para Amancio Lavandeira (Coristanco, 1966), alcalde por Terra Galega). Sinala que se mantén en pé grazas ao apoio dos veciños e doutros representantes políticos da zona, malia que están sendo xornadas complicadas.

-Días difíciles os desta semana, trala moción de censura presentada.

-Moi difíciles. No fondo o que sinto é mágoa porque todo o esforzo que se fixo nestes dous anos non vaia a chegar ou repercutir directamente na xente do pobo ou que, se o fai, pode que non sexamos nós os que o poidamos ver de primeira man, dende a alcaldía.

-¿Séntese apoiado pola veciñanza coristanquesa neste proceso?

-Totalmente. Son moitas as persoas me están amosando o seu apoio e o seu rexeitamento á moción. Mesmo votantes do PP, que non entenden este proceso e que din sentir vergoña e malestar por poñer de alcalde a unha persoa que apenas tivo votos e que, ademais, nin sequera ten o carné de socialista.

-¿E no referido ao resto de políticos da comarca, recibiu algunha mensaxe?

-Tamén, contactáronme voceiros de diferentes forzas políticas dándome o seu apoio e amosando a súa desconformidade coa barbaridade que se está a cometer.

-¿Mesmo representantes socialistas?

-Si, incluso xente do propio partido me deu palabras de apoio e cariño.

-¿Que fará se non se paraliza o proceso, e Gerpe logra finalmente facerse coa alcaldía co apoio do PP?

-Se a moción vai adiante irémonos coa cabeza moi alta e coas ben mans limpas, algo que tamén é moi importante. Igual non todos o poden dicir, pero eu considero que si. Creo que o fixen o mellor que puiden e que loitei contra vento e marea. De todos modos, estou moi satisfeito do logrado até o de agora. A débeda era o que máis nos preocupaba e afectaba á veciñanza e foi algo que logramos reducir en só dous anos de mandato.

«Non me arrepinto de nada, pero dóeme profundamente cando as cousas non saen ben»

Lavandeira asegura que, malia a ser días complicados, a situación non merma a súa ilusión.

-Botando a vista atrás e facendo un balance destes dous convulsos anos, ¿pagou a pena para vostede chegar á alcaldía?

-Supuxo un enorme sacrificio persoal: estar coa cabeza alerta as 24 horas. Non me arrepinto de nada, pero dóeme profundamente cando non saen as cousas ben e cando se poñen este tipo de atrancos ao labor que un quere sacar adiante de xeito honrado.

-¿Como están os ánimos na agrupación ?

-Esta situación non merma nin as nosas forzas nin a nosa ilusión. Gustaríame destacar o gran esforzo dos meus compañeiros de Terra Galega, que o están dando todo de forma altruísta, xa que non contan con ningún tipo de dedicación, pero que están regalando o seu tempo, que é o máis prezado que ten unha persoa. Eles si que fan unha boa doazón e non como outros, aos que se lles enchía a boca dicindo que doaban o seu soldo.

-¿Verémolo de novo encabezando a lista de Terra Galega no 2019?

-Si, sen pensalo. Foron dez anos de proxecto político -oito na oposición e dous de mandato- nos que loitei por sacar adiante un concello no que creo firmemente e que levo no corazón. Ben é certo que houbo moitas complicacións, pero pagaron a pena. En dous anos presentareime de novo porque creo no noso proxecto.