«Hai que satisfacer as necesidades actuais sen hipotecar o futuro»

VERÓNICA COUTO CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

Jose Manuel Casal

Dende o centro de Fonteboa apostan por incidir nas boas prácticas dende a educación e a formación

22 may 2017 . Actualizado a las 13:38 h.

O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa leva en Coristanco dende o ano 1975. Por alí pasaron moitas xeracións de rapaces das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira, Fisterra, Ordes e Xallas maioritariamente. Luis García Fernández (Murias de Aller, Asturias, 1958), contou nos micrófonos de Radio Voz para Ecovoz, en qué consiste este proxecto educativo. Na actualidade imparte Secundaria, Formación Profesional de grao medio e superior, Educación Secundaria de adultos e diversos programas de formación continua e formación ocupacional.

-¿Como definiría o proxecto educativo de Fonteboa?

-Somos un centro de pequena dimensión porque tratamos de aplicar os principios de educación personalizada, entón hai un contacto moi estreito entre profesores, alumnos e familia. O noso proxecto educativo está moi aberto ao entorno produtivo, á economía da zona. Os alumnos que cursan FP a súa finalidade non é só acadar un título. Nós definímonos como centro de promoción rural pola aposta clara polo rural. A partir de aí artillamos todo o sistema pedagóxico de metodoloxía. Falamos da metodoloxía da alternancia, unha especie de formación profesional dual, os alumnos fan períodos de estancia no centro e tamén no medio profesional. Tratamos de vincular o tecido produtivo do entorno á nosa dinámica educativa no centro.

-Todo isto adaptándoo aos distintos niveis...

-Eu penso que toda labor educativa debe estar contextualizada, é un factor moi importante. Hai unhas directrices que tes que seguir pero despois na práctica docente hai que contextualizar. É importante valorizar os recursos do entorno e para iso hai que coñecelo ben, para iso tamén realizamos visitas de estudio. En FP xa é distinto que en ESO porque os alumnos xa realizan períodos de estadía en empresas.

-A relación co medio ambiente é total...

-O tema do medio ambiente é un tema transversal en todo. Non hai unha materia concreta se non que se toca en distintas asignaturas. Hai que educar na responsabilidade persoal no uso dos recursos. Hai que propiciar un desenvolvemento sostible, e satisfacer as necesidades actuais sen hipotecar o futuro, sen comprometelo. Iso é un factor no que dende a educación podemos incidir moito, e iso ten que traducirse na práctica habitual das familias dos alumnos e por suposto na organización do centro. Falamos das famosas 3 R que agora xa se multiplicaron. Primeiro repensar: hai que poñer a xente a pensar, aínda que o teñamos, temos que conservalo. E xa no ámbito agrario falamos da ecocondicionalidade, explotacións sustentables… Os que nos dedicamos á formación temos que inculcar este tipo de hábitos para facer unha sociedade moito máis responsable.

«É importante valorizar os recursos do entorno e para iso hai que coñecelo ben»

«Cada centro educativo pode facer moito polo medio ambiente»

No centro coristanqués traballan man a man coa natureza, porque é o seu campo de estudio, experimentación e modo de vida.

-¿Como poñen iso en práctica?

-Temos unha zona de invernadoiros. 1200 metros de superficie cuberta e outra ao aire libre, na cal hai árbores froiteiras. Temos tamén unha finca de lúpulo. En todas estas zonas seguimos os principios de agricultura ecolóxica, tanto nos temas de fertilización como no tema de tratamento de pragas e enfermidades e aí participan alumnos de todos os niveis. Todo iso ten un efecto multiplicador moi interesante, porque despois unha persoa aplícao á súa actividade. Tamén facemos compostaxe. Por exemplo todos os restos do comedor escolar, despois incorpóranse ao solo. Cada centro educativo pode facer moito polo medio ambiente.

-Falaba antes de colaboración con entidades do entorno...

-Nós colaboramos con todas as entidades que así o solicitan. Participamos en iniciativas como Sabor emprendedor, da Dirección Xeral de Xuventude, na que alumnos de FP acoden á feira de Carballo a vender produtos de pequenos produtores da zona. Tamén imos á Feira de Autónomos de A Coruña. Trátase de utilizar todas estas estratexias para a formación integral das persoas, poñer os alumnos de FP a que se organicen, que leven as súas contas, que se relacionen coa sociedade e ao mesmo tempo que promocionen os produtos locais e as súas vantaxes e valores. Tamén facemos recuperación de apeiros tradicionais, participamos en Voz Natura e premiamos a reciclaxe e re-utilización en concursos.