«Non é un só, senón moitos motivos que se foron xuntando»

bRAIS cAPELÁN CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

José Manuel Casal

Cre que desde a chegada de Terra Galega á alcaldía houbo só «pequenos cambios» no goberno

17 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasaron xa dous días desde que Laura Mariño deixou de formar parte do goberno de Coristanco, tras vinte meses levando as áreas de Cultura, Turismo e Educación. Agora traballará desde a oposición por conseguir o «cambio real» que prometeu o Bloque nas eleccións.

-¿Como explica a súa saída do goberno local?

-Buscaba a saída máis tranquila posible e non dar maior transcendencia a isto. Creo que xa deixei claros os meus motivos. Non é unha decisión que se tome dun día para outro. Hai tempo que as cousas non ían como deberían. Tivemos varias reunións co alcalde para mudar a situación, pero os cambios reais non se deron.

-¿A que se refiren exactamente con «cambio real»?

-Moita xente non ve esa esperanza de maior transparencia, acceso da cidadanía... Iso non se está vendo. Nin sequera houbo ningunha xunta de portavoces nestes vinte meses, nin xuntas do grupo de goberno completo. Non é un só feito concreto, senón moitos motivos que se foron xuntando.

-¿Pensa que o Concello segue a funcionar igual que cando gobernaba o PP?

-Houbo pequenos cambios. Percibimos que na área de Cultura, por exemplo, si que se notaron certas melloras, pero despois non é só unha cuestión de facer máis ou menos cousas, senón unha cuestión de actitude. A falta de organización a nivel municipal segue estando aí, aínda que hai que ser conscientes de que existen problemas endémicos que veñen de atrás. Pero creo que non se puxeron ningún tipo de medidas para, polo menos, encamiñar as cousas.

-¿Chegou a existir unha unión real no tripartito?

-Si que houbo unha intención de todos os grupos de facer máis equipo, pero ese traballo debería corresponde a quen lidera o tripartito.

-¿Como afectou a saída do PSOE do goberno?

-A nosa saída non ten nada que ver coa do PSOE. Naquel momento eu non notara nada que me fixera pensar que puidese pasar aquilo. Foi unha decisión persoal que eu respectei, pero non me gustaron as formas. Pero a saída do PSOE non tivo nada que ver coa nosa.

-¿Amancio Lavandeira tratou de convencela para seguir?

-As cousas teñen que quedarse no seu momento. Dixen que se as cousas non cambiaban, marchaba. A pesar de ter unha dedicación exclusiva, iso non me ía a amarrar ao goberno.

-¿Influiron as diferenzas entre Terra Galega e BNG en Carballo na súa decisión?

-Para nada. Tomamos a decisión de forma autónoma. As dinámicas de cada concello son totalmente diferentes.

-¿Cal vai ser a súa predisposición a partir de agora?

-Temos un compromiso con Coristanco. Hai que facelo desde a oposición, como facemos sempre. O que sexa positivo, sacarémolo adiante.