«Entre todos podemos facer un gran de area moi grande»

V. Couto, Á. Palmou CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

A entidade celebra esta noite en Erbecedo a súa cea benéfica anual, no restaurante Casa Sánchez

21 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A xunta local de Coristanco da asociación de loita contra o cancro, que preside Delmira Cameán, celebra esta noite no restaurante Casa Sánchez (Erbecedo) a súa tradicional cea benéfica anual para recaudar fondos.

-¿Van xa moitos anos organizando esta cea?

-Si, xa levamos desde o ano 1998 e sempre foi moi ben, aumentando o número de xente e con moita aceptación. A xunta local de Coristanco constitiuse en xuño do 1997.

-E presidenta desde aquela.

-Si, presidenta desde aquela porque me tocou a min, pero contenta porque teño un equipo extraordinario, fóra de serie.

-¿Cantos socios ten a asociación en Coristanco?

-Ao principio tiñamos socios, pero xa non. Agora só nos movemos coa cena e non hai socios que paguen cotas. O que nos interesa é xente que veña a cea, que participe con nós e que colabora con nós. Hai xente que tamén dá regalos, que colabora cando facemos a cuestación... así que non temos nada de que queixarnos.

-¿Como é participar nunha entidades como esta?

-É un traballo gratificante porque xa sabes a finalidade que teñen eses cartos e que son moi necesarios. A pena é que non poidamos xuntar máis, pero entre todos podemos facer un gran de area moi grande que despois repercute en persoas que o precisan moito. Tamén temos uns médicos extraordinarios que colaboran, como Alfonso Mariño.

-Tamén fan unha cuestación unha vez ao ano.

-Si, facémola o día da Festa da Pataca porque consideramos que é o día que máis xente hai en Coristanco e así hai máis posibilidades de xuntar cartos: 900 ou 1.000 euros.

-¿Como son as ceas?

-Son en Casa Sánchez e o comedor é limitado, pero este ano chéganos ben porque somos moita menos xente porque a cea coincide cun baile en Traba (Coristanco) da asociación de veciños e nin eles nin nós puidemos cambiar o día: en novembro non había máis sábados libres e en decembro tampouco porque empezan xa as ceas de empresa, así que, sentíndoo moito, tivemos que seguir adiante co que tiñamos proxectado. Son cousas que pasan e punto.