Da pataca ao boniato

José Gil Facorro A OPINIÓN DO EXPERTO

CORISTANCO

30 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos últimos meses levamos escoitando falar moito sobre a batata, ou tamén coñecida pola maior parte da xente como boniato. Esta planta da familia das convolvulaceas, diferenciase en moitos aspectos da pataca. Nin ten a mesma folla e flor, nin produce tubérculos nin se colleita da mesma forma.

A batata é un cultivo que se aproveita polas súas raíces engrosadas e é moi empregada na alimentación humana, para o gando, como materia prima na industria da pastelería e repostería e, incluso, para a obtención de bebidas alcohólicas, dada a súa riqueza en azucres. Sen embargo, o interese actual desta planta vén por outros usos que tamén poden resultar moi apetecibles para a economía local e o desenvolvemento do eido rural na Costa da Morte.

Esta planta encontra o seu mellor hábitat en climas con alta humidade (80-85 %) e temperaturas cálidas (21 grados centígrados), sendo a temperatura mínima de crecemento 12 grados. Por este motivo o país de maior produción do mundo é China, aínda que collendo os meses de abril a setembro, a Costa da Morte sería un lugar apropiado para o seu cultivo e explotación a grande escala. Precisa uns solos con profundidade e textura grosa (franco-areosa), soltos e con bo drenaxe, pero adáptase tamén a solos arxilosos sempre que se cultive en cabalóns.

Outro punto a favor deste cultivo na nosa bisbarra -se ben no caso de Termo-Biológicas farase en bandexas- é que tolera perfectamente os solos ácidos dende un PH de 4,5 sendo o óptimo un PH de 6. En canto as súas necesidades nutritivas, trátase dun cultivo moi esixente en potasio e pouco en nitróxeno, sendo correcto un abonado con relación 1-2-3 (9-18-27) a razón de 500 quilogramos por hectárea.

A mellor época de plantación para a nosa zona sería entre os meses de abril e maio, para poder aproveitar así a calor do verán e a auga de reserva das choivas de primavera. A batata é un cultivo que funciona ben en rotación coa pataca de cedo e precedendo á cebola ou tomate. A densidade de plantación é de 30.000 plantas por hectárea para uns cinco meses máis tarde obter unha produción aproximada de 20 toneladas, e unha media de 2,2 pezas de 300 gramos por planta.

Polo que respecta ás pragas e enfermidades, é un cultivo pouco experimentado no noso entorno, pero do que se ten constancia é da súa sensibilidade as pragas de rosquilla negra e o verme do arame e polas enfermidades do virus do mosaico da batata e polo Fusarium, nada que non sexa coñecido por calquera agricultor.

Fixación de poboación

Este cultivo non se pode ver como unha ameaza para a pataca, xa que máis que collerlle terreo, pode axudar á diversificación das explotacións agrarias, poñer a cultivo zonas baldías e, incluso, entrar nas rotacións de cultivos coa propia pataca, para así mellorar a calidade de vida e o tecido industrial da Costa da Morte e contribuír ao mesmo tempo á fixación e rexuvenecemento da poboación no medio rural.