(Re)habitar a casa da infancia

Mercedes Queixas Zas

CORISTANCO

Mercedes Queizas, na casa da infancia da Laracha da que fala e que describe neste texto.
Mercedes Queizas, na casa da infancia da Laracha da que fala e que describe neste texto. josé manuel casal< / span>

«No xogo da vida o que conta é a porosidade das lembranzas»

29 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Iniciamos esa viaxe íntima en que alguén chama por nós nun fluído casulo amniótico protector uterino que non lembramos e continuámola nunha outra estrutura arquitectónica e emocional que tamén nos constrúe humanamente entre a sucesión de experiencias iniciáticas vividas nos seus cuartos na compaña da familia.

O alto de Cillobre ou o mesto paseo dos plátanos da estrada de Coiro eran o compás nas mans da nena que anunciaban a chegada ao territorio da infancia ceiba das gaiolas urbanas, aquel onde o tempo camiñaba sen que as agullas do reloxo o pautasen ritmicamente.

As rutinas do traballo da casa-panal eran as verdadeiras donas do tempo.

Na Laracha, na parroquia de Torás, a morada da infancia e mocidade, no Empalme, daba nome propio e identidade familiar naquelas primeiras encomendas da avoa, compañeira eterna e sen descanso dun mostrador de mármore branco presidido por un cepo de carballo que incluso na hora do xantar a reclamaba.

-Dille que es da carnicería, neta de Mercedes da carnicería.

Non había mellor carta de presentación.

Desde o descanso da escaleira que fai transitar a casa entre o día e a noite, entre as horas de labor e as de descanso, é preciso voltar ás escasas fotografías en branco e negro para comprender a chegada da cor.

Descubrir unha película tolerada na pantalla lúgubre do cine Avenida, procurar a compaña brincadora da amizade na Miñoteira, recoller o leite fresco con tona en Leborís, mercar o pan arrecendente na de Paxín, o subministro da cociña no Forno e as pipas na de Negreira coas que acompañar tardes con proxectos de futuro ilusionante na praza principal cuxo nome prefiro non transcribir.

O sabor das filloas triscantes para saudar o entroido ou as natillas con nubes de neve gratinadas das tardes dos domingos?

O arrecendo das orellas no cestón de vimbio sempre descuberto polos netos larpeiros na véspera do día principal ou a cita semanal coa inmensa pota dos rixóns a coceren lentamente na incombustíbel cociña de ferro?

A vista inquieta ante os paquetes envoltos en papeis de cores ordenados na mesa da galería cada seis de xaneiro ou ante a chegada primaveral das andoriñas ao niño do patio que agardaba como símbolo protector do lar. A ollada transformada coa experiencia da vida que aprende a conciliar para sempre a visión do alegre e conversador cuarto da festa, presidido polos mobles de castiñeiro centenario, e do silente e lutuoso primeiro velorio do fogar?

A escoita do primeiro bruar da pólvora festeira e dos gaiteiros do pasarrúas anunciador da chegada do 15 de agosto. O ritmo do traballo pulsado, desde todas as mañanciñas, nos golpes da macheta? A pegada táctil da morte no corpo chamuscado do porco, nas mans amasadoras da zorza para encher os centos de chourizos que logo descansarían no afumadoiro, as mesmas que apreixaban con forza, ás agachadas, o pasamáns das escaleiras para baixar á canchaperna desafiando a advertencia do avó.

O paso do tempo pervive insculpido nas lembranzas que nunca pediron permiso para ficar, mais continúan vivas como precisos bisturís para non nos extraviar no que non somos, para non andarmos os días de incógnito. Os fotogramas de onte e antonte sucédense, como capas sedimentarias, nunha prórroga infinita nos sentidos corporais que se resisten a prescindir da memoria das pegadas enraizadas, mais que tanto axudan a entender na madurez da pel.

É preciso deter o paso ante tanto bulir alleo e ollar de fronte o retrovisor para te reencontrar co teu territorio físico referencial e poder mirar cara adiante.

No xogo da vida quen manda é o tempo mais o que conta é a porosidade das lembranzas.

Mercedes Queixas Zas (1968) é licenciada en Filoloxía, ten varios libros publicados de ensaio e exerce a docencia no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco. Forma parte tamén do consello directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Reflicte ela mesma neste texto a súa fonda vinculación tamén co municipio da Laracha, onde está a súa morada da infancia.

«As rutinas da casa-panal eran as verdadeiras donas do tempo»