Colexios da comarca súmanse á homenaxe a Celso Emilio Ferreiro

á. p. carballo / la voz< / span>

CORISTANCO

Celebrarán mañá con poemas o centenario do nacemento do autor

11 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O chamamento feito desde a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística para celebrar o primeiro centenario do nacemento do escritor Celso Emilio Ferreiro tivo eco na Costa da Morte, onde serán varios os centros educativos que se sumarán mañá a esta iniciativa que ten por lema RecitandoCelsoemiliO.

Ás 12 horas do día 12, do mes 12, do ano dous mil 12, os participantes farán un alto nas súas tarefas habituais para realizar un recitado público do poema Deitado fronte ao mar, publicado inicialmente no libro Longa noite de pedra. Ademais, desde a coordinadora animaron a todos os participantes a realizar nos días previos a esta data outras actividades en torno a eses versos e a Celso Emilio Ferreiro, coma a musicalización do poema, a gravación de vídeos inspirados nel ou a realización de pancartas. Asemade, mañá farán un envío masivo a través das redes sociais do lema da iniciativa. «Desexamos renderlle homenaxe pública cunha acción de carácter colectivo que simbolice toda a forza e enerxía que transmite a súa palabra, símbolo permanente de valores de solidariedade e xustiza universais, pero tamén de compromiso cívico coa cultura e a lingua de Galicia», explican os seus promotores.

No caso da Costa da Morte xa confirmaron a súa participación centros como o colexio Alcalde Xosé Pichel, de Coristanco, onde os alumnos de terceiro ciclo de primaria e de terceiro e cuarto da ESO tomarán a palabra no recitado colectivo, ou o Milladoiro de Malpica. No segundo caso os estudantes, de terceiro a sexto de Primaria completarán a lectura con outros poemas de Celso Emilio Ferreiro. Tamén se sumarán á proposta no colexio muxián de Os Muíños.