O ribeirense Xosé Antón Parada, gañador do Premio Plácido Castro de Tradución
CORCUBIÓN
Foi recoñecido polo seu Código de Hammurabi
10 sep 2023 . Actualizado a las 23:48 h.O Premio Plácido Castro de Tradución, considerado un referente no sistema literario galego, vén de recoñecer o traballo do ribeirense Xosé Antón Parada pola súa obra Código de Hammurabi e outras compilacións legais de procedencia babilónica.
O galardón, que lle será entregado nun acto que terá lugar o vindeiro día 29, foi concedido ex aequo a Antón Parada e Eva Almazán. No caso do escritor ribeirense, o xurado destaca a excepcionalidade e dificultade da tradución directa dende unha lingua tan afastada ao galego como o acadio. Sinala ademais que foi realizada con enorme meticulosidade e numerosas anotacións complementarias, e resalta o feito de que se trate dunha obra fundamental na historia da humanidade.
O Premio Plácido Castro de Tradución é concedido pola fundación do mesmo nome e esta é a súa vixésima edición. O acto de entrega do galardón, dotado con 2.000 euros, celebrarase en Corcubión.