Alejandro Lamas: «O Mercado Medieval de Corcubión ten repercusión en toda a comarca»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

CORCUBIÓN

MARCOS RODRÍGUEZ

A VIVA VOZ | A 21.ª edición, que comeza hoxe, salvouse in extremis. Ás 20.30 desta tarde, recreación do Desembarco. Postos abertos desde as 12.00

28 jul 2023 . Actualizado a las 23:16 h.

E aos 20 anos, unha revolución. Ben podería dicirse isto do Mercado Medieval de Corcubión, que dende hoxe ás 12.00 ata o domingo permitirá viaxar a tempos pasados. Non foi doado, apenas unhas semanas tivo a nova organización do encontro, pero xa está aquí: 21.ª edición. Fala Alejandro Lamas, voceiro do equipo que asumiu in extremis os preparativos do Mercado, cun completo programa e animación constante.

—A edición máis estresante?

—Para min, sen dúbida. Sabiamos que era difícil, é unha festa que se planifica con dez meses de antelación. Se conseguimos que este mercado fose realidade foi grazas á colaboración da veciñanza de Corcubión e de máis alá, xente de toda a comarca que non parou de chamarnos preguntando como podía axudar.

—Nalgún intre houbo dúbidas?

—Moitas. Foi hai cousa dun mes e unha semana que recibiamos a noticia de que a asociación que viña organizando nos últimos doce anos a festa decidía non dar o paso adiante. É unha cita con complexidade. Na parte orzamentaria comezabamos de cero. E se non fose xa pouca dificultade, dábase a situación especial de que o goberno municipal estaba en funcións, por ese problema cun voto, co cal non se podían tomar certas decisións. Máis aínda, unha subvención que habitualmente vén para o Desembarco, aínda non estaba aceptada, nin o está a día de hoxe [mércores], porque a Deputación tamén estaba en funcións.

—Os mercados medievais proliferan, pero o de Corcubión é distinto. Ten sustento histórico.

—Podemos falar de dous factores que fan especiais este mercado. Por unha banda, o contexto histórico, que queda reflectido no Desembarco das tropas de Rodrigo de Luna [1457], e que este ano, como unha das principais novidades, celebraremos ás 20.30 [hoxe, venres], cando ata o de agora se viña facendo de noite. Farase na praia que está no centro do pobo, é un anfiteatro natural idóneo, no medio do mercado, co cal evitamos desprazamentos, sacar a toda a xente para levala ata Quenxe, que é onde se viña facendo. Que sexa un espectáculo con luz diurna tamén nos permitirá xogar con outros elementos. Segundo factor: Corcubión é o concello máis pequeno da provincia, temos un casco histórico ideal para estes eventos e ao estar todo tan recollido fai que medio pobo estea dentro do perímetro do mercado, coa xente implicadísima, é raro atopar un veciño que neses días non adorne a súa vivenda ou se vista de época.

BASILIO BELLO

—É un mercado case comarcal.

—Aínda que non en primeira liña coma este ano, tiven ocasión de colaborar na organización outras veces, e sempre nos sorprendía cando iamos distribuír carteis que, aínda afastándonos de Corcubión, quedaban encantados. Dicíannos que era unha das fins de semana con máis reservas, en hoteis, restaurantes... Está centrado en Corcubión, pero ten repercusión en toda a comarca. Son férreo defensor de que temos que visualizar a Costa da Morte como un todo, aproveitando a singularidade de cada concello para sacar músculo en conxunto.

Ana García

—Vostede é licenciado en Químicas, empresario das novas tecnoloxías, afeccionado ao folk... pero sobre todo corcubionés. De onde lle vén esa faceta de implicación?

—Sempre pensei que o pobo se fai entre todos. Somos o concello máis pequeno, o que menos recursos ten, e na medida en que cada veciño poidamos aportar o que estea nas nosas mans fai que medremos como conxunto. Alguén tiña que tomar as rendas do mercado, xuntámonos seis amigos e decidimos dar o paso: esta é unha festa importante, e mesmo estamos preto de que o Desembarco sexa de Interese Turístico.

—Perdeuse algún mercado?

—Creo que a primeira edición. Estaba en Madrid, non sabe a envexa coa que recibía as chamadas de familia e amigos polo ben que o estaban pasando. Despois fun sempre un incondicional, e espero seguir séndoo moitos anos.

—Unha última curiosidade, fóra do mercado. Cúmprense dez anos daquela súa Pandeireta Pro.

—Foi unha diversión, lanzabamos unha nova liña de traballo vinculada ao desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles. Eu tocaba a pandeireta, e foi unha chiscadela, unha forma de diferenciarse por parte dunha empresa galega dedicada ás app. Aquela pandeireta para tablet, unha pequena travesura, unha campaña desenfadada, tivo logo un uso real.

Programa para hoxe

Apertura de postos do mercado xa ás 12.00 (novidade). Inauguración e izado do pendón ás 18.00. Coral Airixiños de Quenxe ás 19.00, pasarrúas con Gaeloc ás 19.30, espectáculo de cetrería ás 20.00 (tamén volve este ano), pasarrúas con Dakka Nakhil ás 20.15, representación do Desembarco ás 20.30, de novo pasarrúas musical ás 21.45 e teatral ás 22.30 con Ágora Teatro, e finalmente concerto de Gaeloc (23.00).