Xabier Domínguez, Drok: «Abriremos unha etapa de diálogo con todas as forzas políticas»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CORCUBIÓN

Ana García

Eleccións 28M | O candidato do BNG foi o gran vencedor da noite electoral en Corcubión

30 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis coñecido por Drok, Xabier Domínguez Traba (Corcubión, 1975), vén de ser o máis votado nas eleccións do domingo ao mando do BNG. Non acadou os cinco edís que lle darían a maioría, pero agarda abrir un período de conversas co resto de formacións para formar goberno.

—Foron a forza máis votada. Esperaban ese resultado?

—Estaba dentro do noso obxectivo, pero para ser a primeira vez que me presentaba dende o BNG, foi unha sorpresa, e aínda estou emocionado cos resultados. Había moito tempo que non eramos a lista máis votada e foi ilusionante.

—Chegaron a ver no horizonte eses cinco edís da maioría?

—Nalgún momento vislumbrouse, pero sendo realistas, sabiamos que era complicado.

—Que cren que desencadeou ese cambio de cor máis apoiada?

—Xa se falou en campaña que, despois de oito anos de mandato socialista e de gobernos en coalición, había ganas de cambio. Iso era o que nos remitía a xente, o que notabamos na rúa. Nós montamos unha candidatura forte, con xente preparada e con moita ilusión, para ter a oportunidade de traer ese cambio.

—Fálenos das persoas que o acompañan neste novo equipo.

—O noso número 2, Paco Perú, é unha persoa tamén novata en política, pero moi implicada co BNG e con temas relacionados co medio ambiente e o ecoloxismo. Lois Lado, de sobra coñecido, aportaranos a experiencia que nos pode faltar aos que entramos novos. E María Bella, a nosa número 4, está moi vinculada á cultura e cremos que nos poderá axudar a rexenerar ese tecido cultural tan importante.

—En que áreas considera máis urxente traballar?

—Hai que traballar, por exemplo, en servizos sociais, sobre todo en informar debidamente á cidadanía sobre os servizos que ofrecemos e que así teñan acceso a eles. E en canto a urbanismo, cómpre darlle máis forza á oficina do ARI, para incentivar á xente a que rehabilite as súas vivendas no casco histórico e que así sexa máis atractivo para a veciñanza e para os visitantes.

—Nun escenario sen maiorías, tocará negociar.

—Ábrese a etapa do diálogo. Tomarémonos uns días e despois non teremos inconvinte en falar coas diferentes forzas. Cremos que podemos aspirar a ter un goberno forte, e se quedamos en minoría, esperamos poder contar co bo facer do resto dos grupos, que seguro que todos poñerán a súa parte para mellorar Corcubión.

—Estivo sobre a mesa a opción de presentar candidatura con Sempre Corcubión. Hai sintonía?

—É unha das vías. É certo que tiven conversas con eles para confluír nunha mesma forza, pois o propio candidato, Alfredo González, tivo vinculación co BNG. Estamos seguros de que con Sempre Corcubión non haberá problema para dialogar.