Viaxes ao profundo da liberdade, por Rafael Mouzo

Rafael Mouzo Lago

CORCUBIÓN

Ana Garcia

En primeira persoa do profesor e exalcalde corcubionés | En Arxentina tratei moito a Hebe de Bonafine, a nai da Praza de Maio

23 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

No restaurante As Hortensias de Corcubión, a dona, Pepita Rodríguez, que era de orixe muradán, presentoume a Pablo Ramos Álvarez, da mesma orixe, pero nado na Arxentina e quen me contou a traxedia da súa familia no país austral. Pablo Ramos fora deputado no Congreso arxentino e tiña dous fillos. Pablo e Joaquín Sebastián Ramos Mora.

Os dous pertencían a un movemento político denominado Todos por la Patria e, na defensa dos intereses democráticos dese país, o día 23 de xaneiro de 1989, un grupo de militares golpistas chamados Os Cara Pintada, capitaneados polo militar Mahomed Ali Seineldin, xuntáronse no Cuartel da Tablada para intentar darlle un golpe de Estado ó presidente Raúl Alfonsín. E de acordo co que di o artigo 21 da Constitución Arxentina: «Todo ciudadano argentino está obligado a armarse en defensa de la Patria y de esta Constitución, conforme a las leyes...».

A cuestión é que os membros deste movemento Todos por la Patria entraron no Cuartel da Tablada para frear esa asonada e as forzas policiais e militares masacraron, torturaron e fixeron desaparecer a moitos deles/as. Un deles foi Pablo Ramos (fillo) e os outros foron detidos, torturados e vexados.

Eu xa estivera en Bos Aires e xa me contaran as imaxes que daba a televisión, onde se vían os carros de combate pasando por riba dos cadáveres. Dicíanme que moitos tiveran que apagar o televisor.

Eu prometéralle a Pablo que volvería á Arxentina e deume o enderezo de súa nai, Agmar Álvarez. Así foi que me presentei na súa casa e recibiume con moito agarimo. Era unha profesora xubilada e encantadora. Estaba moi chea de pena polo que lle pasara ós seus netos. Un asasinado polo exército de Raúl Alfonsín e outro na cadea por cumprir o seu deber como defensores da democracia. Da débil democracia na que Alfonsin aprobou dúas leis: A de obediencia debida e punto final, perdoando o xenocidio que cometeran os golpistas en 1973.

Nais da Praza de Maio

Foi Agmar Álvarez quen me presentou a Hebe de Bonafine, nai da Praza de Maio, que dedicou parte da súa vida á reivindicar os 30.000 desaparecidos da ditadura, e quen me invitou a falar naquela praza e logo tres elementos foron levándome cara a boca do metro. Foron as nais as que me liberaron daquel grupo que non sei que me quererían facer.

Tratei moito a Hebe de Bonafini e sempre que podía ía á ronda de 24 horas de 10 de decembro, toda a noite ou as manifestacións que facían na praza.

Joaquín Sebastián Ramos estaba preso no cárcere de Caseros. Por mediación do cónsul de España, que era unha persoa eficaz, solicitaba as visitas a Caseros para ver a Joaquín e algún máis. As condicións daquela prisión eran lamentables. Estaban nun décimo piso. Alí permanecían todos os presos sen ningún tipo de garantías nunhas condicións infrahumanas. Entre eles había un xesuíta e outro rapaz español, a quen visitei, tempo despois na prisión Tenerife II, das Illas Canarias.

En 1996 pedín unha entrevista para falar co presidente da Corte Suprema, Ricardo Levene, quen ratificara a sentenza de condena. Tiven unha conversación de cinco minutos porque mandou ós gardas a sacarme de alí porque fun moi duro con el. 

Fixen máis visitas, unha delas prepareina para ir con Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros que facía unha viaxe á Arxentina.

A derradeira ocasión que programei unha visita foi no ano 1994, o 30 de maio. Alí cheguei e unha asistenta social levoume a unha sala de espera para logo verme con Joaquín. Era un cuarto onde había cristais rachados e entraba un frío insoportable. Facíase eterna aquela espera e empecei a sentirme mal. Había un militar de garda e díxenlle que, por favor, chamara a asistenta, que estaba tendo unha hipoglucemia, pois son diabético. Contestación do militar: «Vos lo querés, vos os jodes¡¡».

Glusoca

A boa sorte é que apareceu a asistenta social pensando que xa pasara a visita e, tal como me veu, chamou a unha ambulancia e mandáronme a un centro médico a recibir glucosa. Foi unha experiencia desagradable.

Pasado un tempo, e tendo en conta o convenio do Goberno español co arxentino, Joaquín veu a España para cumprir a condena en Soto del Real. O día 16 de outubro de 1998, no aeroporto estaba seu pai, Pablo Ramos; a súa avoa, Agmar Álvarez; un senador do Partido Popular, que non me lembro do seu nome; María Teresa Fernández la Vega, quen fora secretaria de Estado do Ministerio de Xustiza e un servidor. Deixámolo á porta do cárcere e, como era tarde, fomos a un bar próximo a tomar algo. O senador do PP xa se foi daquela e, ás tres da tarde, escoitando as noticias na televisión anuncian a detención en Londres de Augusto Pinochet.

Bebemos e bailamos

Foi tan grande a ledicia por ese apresamento que alí bebemos con cautela e bailamos un par de horas. Ós poucos meses, Joaquín Sebastián xa estaba libre e vino en Madrid xunto co seu pai, un día que nun teatro da Gran Vía lle facían unha homenaxe a un actor de cine moi coñecido, pero que non lembro ben o seu nome.

E así remato a historia dalgunha das miñas viaxes que fixen nos oitenta e nos noventa por eses mundos cheos de conflitos, sempre na procura da liberdade das persoas. Unhas estiveron cheas de ledicia, pero outras foron acompañadas de moitos traballos e dificultades.

DNI

Rafael Mouzo Lago (Corcubión 1946) exerceu a docencia durante a súa vida profesional na bisbarra e tamén en Bilbao. Dende moi novo tivo inquedanzas políticas e participou en moitos movementos, tanto na Costa da Morte como fóra dela. Foi alcalde de Corcubión durante 24 anos. Fixo frecuentes viaxes internacionais de cariz político ou cultural.