ABC de Corcubión, unha asociación centenaria

Chema Rei Lema

CORCUBIÓN

.

A maior entidade da comarca en Arxentina cumpre hoxe, xustamente, 100 anos de historia

26 ago 2022 . Actualizado a las 09:06 h.

O 26 de agosto de 1922 é a data oficial de constitución dunha das grandes asociacións de emigrantes galegos en América. Ese día, nos salóns da sociedade El Hogar Gallego, na rúa Venezuela nº 1155 da cidade de Buenos Aires, nacía o que se ía coñecer como «Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión», ou máis popularmente ABC de Corcubión.

Sendo estritos, ese día nacía a «Sociedad Cultural y Agraria de los Hijos de los Ayuntamientos de Cée y Mugía», que fora o obxecto da reunión convocada por unha serie de veciños destes dous concellos. Mais a esa asemblea fundacional acudiron tamén persoas de municipios veciños que deron en propoñer que se ampliase a asociación a todo o partido xudicial. A directiva provisional, presidida por José Quintáns Pazos, acordou analizar esta proposta, que axiña se tornou incuestionable. Na asemblea do 27 de xaneiro de 1923 aprobaríanse os estatutos da nova sociedade, que pasaba a chamarse «Sociedad Cultural y Agraria de los Hijos del Partido de Corcubión», á vez que se elixía a primeira xunta directiva oficial da entidade, que estaría presidida polo fisterrán Casto María Insua.

A consecuencia negativa desta ampliación da asociación vai estar no desacordo duns cantos muxiáns, que deciden non ingresar nela e fundan nese mesmo mes de xaneiro a «Sociedad Agraria y Cultural del Distrito de Mugía». En 1926 vai haber outra escisión logo da expulsión de seis socios fisterráns da entidade «corcubionesa», entre eles o primeiro presidente. Estes fisterráns tamén van fundar unha asociación municipal, neste caso na cidade de Avellaneda, á que lle puxeron por nome «Finisterre en América» (aínda en funcionamento).

Os primeiros obxectivos marcados pola SCA do partido de Corcubión veñen dados na súa denominación: a mellora agraria e educativa dos seus lugares de orixe. Contarán co apoio dunha asemblea de delegados en Galicia, presididos polo avogado e xornalista Pepe Miñones Bernárdez, que propoñen construír unha ou dúas granxa escolas, idea que axiña se volve imposible por razóns económicas.

En 1927 a entidade vai cambiar oficialmente de nome polo de «Asociación Benéfica y Cultural del partido de Corcubión». Así, abandonaba un dos seus fins, o agrario, e vai centrarse no campo educativo. En febreiro de 1929 aproba en asemblea construír unha escola en cada un dos oito concellos que compoñen o distrito xudicial, para o cal efectúan un sorteo da orde en que se van levar a cabo. Consideran que nese momento poden comezar coas tres primeiras, e os lugares afortunados van ser Nemiña (Muxía), Pasarela (Vimianzo) e Suarriba (Fisterra), aínda que enseguida se suma unha cuarta en Estorde (Cee). A escolla non foi casual, pois tiñan que ser lugares afastados da capital municipal. Entre 1931 e 1932 estaban en funcionamento as catro escolas grazas ao representante da ABC en Galicia, o mestre de Corcubión Juan Díaz Fernández (figura que segue sen ter o recoñecemento que merece na vila corcubionesa), que se encargou de xestionar a construción dos edificios e a posta en funcionamento. A guerra civil dinamitou o proxecto e non se puido completar a idea inicial, pero as catro escolas levantadas pola ABC colócana como a entidade galega na Arxentina que máis edificios escolares construíu.

Xunto coas escolas, outro feito polo que pode estar orgullosa esta entidade é pola revista Alborada, voceiro da sociedade que saíu por vez primeira en agosto de 1925. Nos 197 números desta publicación non só se pode facer un percorrido polo século de vida da asociación, senón que serve de testemuño fiel das noticias acontecidas tanto na «parroquia de aquí» coma na «de alá». Foron os seus directores principais Casto María Insua, Antonio Díaz Novo, Antón Zapata García e Xervasio Paz Lestón.

A periodicidade da revista foi minguando conforme pasaba o tempo e medraban os problemas económicos, pero sempre que saíu fíxoo cunha calidade superior, ou cando menos igual, a calquera das publicacións que se editaban entre a colectividade galega na Arxentina, tanto na maquetación coma nos contidos. Abonda como exemplo sinalar que nas súas páxinas se publicaron máis de 1.100 textos literarios, un 60 % en lingua galega.

.

A guerra civil e a chegada de Castelao

A guerra civil española, como dixemos, truncara os obxectivos marcados e a ABC vai modificar o seu modus operandi. En 1938 absorbe a «SAC del distrito de Mugía» logo de que as dúas entidades viñesen colaborando na axuda ao goberno republicano no conflito bélico. Coa incorporación muxiá logra mercar en 1940 un local propio para acoller a sede, situado na rúa Venezuela 2164, moi preto de onde se fundara. Ese mesmo ano chegara a Buenos Aires como exiliado Castelao, e a ABC de Corcubión, con Perfecto López como figura xa destacada da entidade, vaise poñer de lado do rianxeiro na loita por devolverlle a España o goberno legalmente constituído en febreiro de 1936. Republicanismo e galeguismo van ser os sinais de identidade da ABC durante as vindeiras décadas.

.

A posguerra española trouxera canda si un aumento da emigración á Arxentina, cousa que se viu reflectida nesta asociación, que durante os anos corenta e cincuenta aumentou considerablemente o número de afiliados. Este aumento da masa social (e polo tanto da económica) posibilitoulles alugar un campo de recreo nas beiras do río da Prata, no partido de Vicente López, que deron en chamar Campo Corcubión. En 1962 puideron por fin mercalo en propiedade e hoxe é un dos activos máis importantes da entidade, coa celebración alí de numerosas festas e actos culturais.

As décadas de 1960 e 1970 trouxeron unha brusca diminución da emigración dos galegos á Arxentina, que buscaron primeiro en Venezuela e máis tarde en Europa novos camiños. Isto, unido á crise sufrida polo país austral, levou a que entidades coma a ABC se resentisen. Moitas delas buscaron nas fusións a solución para continuar activas, e a asociación corcubionesa estivo a piques de facelo en dúas ocasións: unha en 1971 cun proxecto de crear unha grande entidade da provincia da Coruña, e unha segunda en 1983 co intento de fusión coa sociedade «Sada y sus Contornos», que levou a un conflito xudicial que practicamente paralizou a actividade oficial da ABC durante varios anos. Os seus dirixentes decidiron camiñar en solitario, e tras destacados presidentes como Manuel Suárez Trigo, Elías Senlle Canosa ou Manuel Pazos Martínez, chegaron ao século XXI. A visita máis ou menos interesada de moitos alcaldes a terras bonaerenses cando os nosos emigrantes tiñan dereito a voto nas eleccións municipais puxo no foco a esta entidade para moitos dos galegos que descoñecían o traballo de tantos anos desta entidade. Despois volvería o esquecemento.

A chegada á presidencia de Carlos O. Ameijeiras en 2007 supuxo unha revitalización para a asociación, con moitos proxectos novos e un constante traballo co que se logrou a renovación de moitas das súas instalacións ao tempo que se emprendía unha liña de colaboración con entidades de Galicia e con viaxes constantes dos seus membros á nosa terra. Por esta liña o futuro parece asegurado.

Este 26 de agosto de 2022 fanse cen anos da creación da máis grande institución que temos no partido xudicial de Corcubión e unha das maiores que tivo e ten Galicia na Arxentina. Os grandes actos de celebración do centenario vanse adiar para finais da primavera austral, en novembro. Agardemos que os galegos «da parroquia de aquí» consigamos estar á altura «da de alá» e honrar como merece á ABC de Corcubión nesta simbólica data.