Os Abella, armadores de veleiros mercantes en Corcubión

Santiago Llovo Taboada, Aquiles Garea

CORCUBIÓN

ALVELA

CRÓNICAS ATLÁNTICAS | O despegue empresarial comezou nos anos 40 do século XIX

18 may 2021 . Actualizado a las 16:29 h.

O primeiro representante da familia Abella, armador de buques mercantes asentado en Corcubión, foi Antonio Abella Balado, natural da localidade de Espinareda, nos Ancares leoneses. Esta orixe non lle impediu ser un dos mais importantes armadores no século XIX do distrito marítimo de Corcubión. Nos primeiros documentos atopados que relacionan a Antonio Abella con Corcubión consta que era comerciante e habitante desta vila. Ao pouco de establecerse casouse cunha veciña chamada Rosa Rodríguez Santillana, coa que tivo un total de 10 fillos. Varios deles faleceron prematuramente e, alomenos tres, foron capitáns da mariña mercante.

Antonio Abella comezou a súa actividade empresarial en Corcubión cunha tenda de teas que despois ampliou a todo tipo de mercadorías, como viño, comestibles, ferraxería e mesmo carbón. O primeiro barco do que se teña constancia a propiedade por Antonio Abella, dedicado ao transporte de mercadorías, foi un galeón ou lancha falcada que se chamaba Amalia. O armador desta embarcación era Juan Caamaño, capitán da mercante veciño de Corcubión, que encargou a súa construción con diñeiro prestado por Antonio Abella e por José Arau (catalán oriúndo de San Feliú de Torelló, provincia de Barcelona, tamén establecido en Corcubión).

En 1834 o armador cedeu a propiedade da embarcación aos prestamistas. No documento de cesión consta o seguinte: «(…) lancha llamada Amalia, que en el día es galeón o falca, por habérsele puesto un falquín, que adquirió en Vigo, (…) la vende para pesca y tráfico de vino, según está surta en el ancoradero de Cee (…)».

Mestre carpinteiro

A segunda embarcación propiedade de Antonio Abella chamábase San Felipe Mártir e era un cachemarín de 25 toneladas e 48 pés de Burgos de eslora. Encargou a súa construción, en sociedade co mencionado José Arau, a un mestre carpinteiro de Cee que se chamaba Juan Arteaga, ao que lle pagaron 2.000 reais de vellón. Botouse ao mar en 1835 e, nese mesmo ano, solicitaron a contraseña de vela latina, para a que prestaron a correspondente fianza ante a autoridade de mariña para dedicalo «al cabotaje de Cantabria». O patrón da embarcación foi o referido Juan Caamaño. En 1837, Antonio Abella vendeu a súa metade neste cachemarín ao outro copropietario, recibindo 4.000 reais.

O seguinte buque propiedade de Antonio Abella era una polacra que tiña por nome Nuestra Señora del Carmen, alias José María. En 1838 mercou, xunto co capitán Manuel Livarona, outro veciño de Corcubión, dúas terceiras partes do buque ao capitán Josef Mitsuf, da matrícula de Camariñas, por 18.000 reais. Meses despois Abella mércalle ao capitán Mitsuf, o terzo que lle quedaba na embarcación por 9.000 reais. Esta embarcación desprazaba 47 toneladas e tiña 60 pés de eslora.

Nese mesmo ano de 1838 Antonio Abella encargou a construción dun bergantín goleta ao mestre carpinteiro de Corcubión Tomás Fábregas. Esta embarcación tiña por nome San Antonio y San Francisco, e foi a primeira adquirida en solitario. Tiña 42 toneladas e 58,3 pés de Burgos de eslora. Custoulle 40.000 reais.

Foi a partir da década dos 40 do século XIX cando veu o verdadeiro despegue empresarial de Antonio Abella como armador de buques mercantes de altura. O 1 de maio de 1846 solicitou formalmente licenza para construír un buque destinado ao transporte de mercadorías ao comandante militar de mariña de Corcubión. O encargado da súa construción foi o mestre carpinteiro da localidade de Muros José Malvárez, quen por 80.000 reais construíu en Corcubión unha embarcación de 123 toneladas e 77 pés de Burgos de eslora. Este buque chamouse Unión. Vinte anos despois fíxoselle unha profunda modificación na nave, pasando a chamarse Nueva Unión, cambiando o seu aparello polo de bergantín goleta.

En 1850 fixo provisión de madeiras para construír, tamén en Corcubión, a súa nova e máis grande embarcación mercante. Púxolle por nome Ancares, homenaxeando deste xeito as súas orixes. Tiña 170 toneladas e 88 pés de Burgos de eslora (aproximadamente 26 metros). O carpinteiro encargado da súa construción foi o mestre muradán Manuel Lojo Sendón, que se desprazou a Corcubión para dirixir os traballos. Durante os meses que pasou en Corcubión o mestre Lojo coñeceu á que sería a súa dona, María Abella Rodríguez, filla do armador.

Bergantín

En 1853 mandou construír o bergantín Sagitario. Tiña 98 toneladas de desprazamento e 77 pés de Burgos de eslora (23,47 metros). A pesar da súa pouca tonelaxe, esta embarcación acostumaba facer viaxes a Cuba e norte de Europa.  Tamén neste ano 1853, mercou unha embarcación ao veciño de Cee Ramón Gómez. Trátase do cachemarín goleta Ramoncito, de 30 toneladas e 47 pés de Burgos de eslora.

A viúva toma o mando do negocio

Antonio Abella Balado morreu en Carballo a finais de setembro de 1858. A partir dese momento, a súa viúva, Rosa Rodríguez Santillana, consta como armadora dos barcos familiares. No documento de partillas do patriarca, asinado por todos os seus herdeiros en 1860, consta que á data do seu falecemento era propietario, entre outras propiedades, dunha casa na Calle Real de Corcubión, unha cabaseira no atrio da capela de San Antonio, e catro embarcacións mercantes. En primeiro lugar menciona que era propietario da metade do bergantín Ancares. O seu capitán neses momentos era Antonio López Vaamonde. En segundo lugar, a metade do bergantín Sagitario. O seu capitán era Manuel Abella. Dáse a circunstancia que as outras metades destas dúas embarcacións eran propiedade de Francisco Rodríguez Abella. Esta persoa, probablemente familiar dos Abella de Corcubión, era un empresario de éxito en Compostela. Entre outros negocios tiña unha curtiduría na localidade de Lavacolla, pertencente á parroquia compostelá de San Paio da Sabugueira. Precisamente él costeou a actual igrexa parroquial.

En terceiro lugar, o documento de partillas de Antonio Abella menciona que era propietario da totalidade do bergantín Unión. O seu capitán, Ramón Rivas Barral, era  marido doutra filla do defunto chamada Dolores Abella Rodríguez. E por último, tamén era da súa propiedade a totalidade do cachemarín Ramoncito, capitán Vicente Fuentes. Todos estes barcos eran da matrícula de Corcubión e a partir do falecemento de Antonio Abella foron explotados por medio dunha sociedade familiar composta pola súa viúva e fillos.

Estes catro buques tiveron sortes dispares: dona Rosa Rodríguez, xunto con Francisco Rodríguez Abella, o outro copropietario, venderon o bergantín Ancares  en xaneiro de 1861. O comprador foi o veciño de Barcelona Antonio Borrell, e o importe da venda 4.600 pesos fuertes. Previamente a familia Abella xa vendera o cachemarín Ramoncito a un veciño de Muxía chamado Vicente Fuentes. As outras dúas embarcacións da familia Abella  neses momentos naufragaron: o Sagitario na costa africana en 1864 e o Nueva Unión en Santander en 1873. Sobre estes naufraxios e sobre os capitáns da familia Abella imos falar nunha seguinte entrega.