Juan Cernadas: «Un servizo de transporte público nocturno podería revivir a movida na costa»

O pub A Gavilla mantén o mesmo espírito, estética e esencia que cando abriu, hai 30 anos


Carballo / La Voz

Poetas, músicos e artistas acudiron o sábado á chamada do pub A Gavilla de Corcubión, que festexou os seus primeiros trinta anos de apertura. Juan Cernadas abría en 1990 un local con espírito transgresor, pero coa idea de recuperar a estética histórica dun Corcubión de pedra. Neste histórico colgan ducias, ou mesmo centos, de postais enviadas por clientes dende os puntos máis recónditos do globo. Unha mostra do cariño que xa viu na Gavilla a icona dunha xeración.

-Trinta anos xa...

-Pois si, abrimos o 17 de febreiro do ano 90. Agora xa non se estila o concepto ese de «bar con solera», pero trinta aniños xa están moi ben [ri].

-E hoxe, coa mesma esencia.

-Tratamos, polo menos, sen cambiar practicamente nada.

-Con que visión nace A Gavilla?

-O edificio en si xa é bastante especial, pois sabiamos que unha das paredes era a parte traseira do Pazo de Altamira, un pazo do século XV. Entón, tratamos de destapar os contrafortes e facer un bar, nun principio; pero pouco durou, porque ao poñer música a xente xa empezou a tomalo como se fose un pub. Tratamos de mesturar moitos tipos de música: galega, rock, pop español... Menos regaetton... [ri].

-Estar porta con porta cun vello pazo xa é un distintivo importante.

-Pois si. Daquela, cando abrín, era un rapaz novo de 23 anos que estudaba maxisterio en Santiago e, á vez, era músico nunha orquestra. Remodelamos unha casa que estaba practicamente en ruínas para mostrar, tamén, como é o Corcubión antigo, histórico.

-Tremenda inversión para un estudante...

-Si, coa axuda inestimable dos meus pais [ri] e tamén da miña muller e dos meus fillos, que aínda que non se dedican a isto, teñen tamén botado unha man en tempo de apuro.

-Este sábado festexaron o aniversario por todo o alto.

-Asi foi, e agradezo, ademais de aos asistentes, a todos os que colaboraron: fixeron María Lado e Borja Insua un espectáculo de sombras fantástico; estiveron tamén Suso Bahamonde, Serxio Iglesias, Álex López, Elías Outes e unha banda coa que tocou temas de sempre...

-Despois de tanto tempo xa irán por aí fillos dos clientes orixinais.

-Xa o verán pasado veu un que dixo ser o neto dun cliente que viña aquí tomar as copas!

-Clientes, local e xerente foron envellecendo de forma parella.

-Esa diversidade de clientes de tódalas idades tamén é por esa xente que se sente aínda moi moza. Envellecer xuntos é unha experiencia moi satisfactoria, de feito este sábado acudiu xente que viñera no seu día á inauguración. Esas cousas encántanme e énchenme de orgullo.

-En que situación está a movida pola zona de Cee e Corcubión?

-Cando abrimos, Corcubión eran primeiras copas e despois rematábase a faena en Cee, na Slava ou no mítico Nerio. Agora a maioría da xuventude vén ao Dados ou aquí, á Gavilla, pois din que lle lembramos aos locais da zona vella de Compostela.

-Como revivir esa marcha nocturna que había antano?

-Eu teño falado con algún alcalde sobre este tema e creo que debería haber algún tipo de transporte público nocturno. Evidentemente, se se bebe alcol non se pode coller o coche, pero é que moitas veces é o único medio de transporte que hai, pois hai moi poucos taxis que operen pola noite. Que fas entón? Non tes posibilidades. Temos reclamado moito, pero se xa o transporte diurno está fatal, cando pides un nocturno... Xa lles dá a risa! Creo que con iso conseguiriamos que a xente da costa se interrelacionase máis e que se reducise o risco de coller o coche pola noite.

-Cal é o segredo da lonxevidade?

-Teño que dicir que presumo moitísimo da miña clientela. Cando tes a porta aberta pode pasar de todo, pero sóbranme os dedos dunha man para contar os malos momentos que houbo nestes anos. Non son quen para dar consellos, pero hai que ter moita paciencia [ri]. Hai quen di que estamos feitos doutra pasta...

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Juan Cernadas: «Un servizo de transporte público nocturno podería revivir a movida na costa»