Guerra civil
Tivo que abandonar as parroquias fisterrás por supostos «problemas veciñais» e vai ir para Santiago en outubro de 1930, como capelán do Asilo das Oblatas. A pesar de que estivo menos de dous anos na cidade compostelá, a súa actividade foi moi intensa, tanto relixiosamente (foi nomeado Cronista da Orde Terciaria dos Franciscanos) coma no campo literario. En xuño de 1932 envíano para Betanzos, como capelán do Asilo de Ancianos Desamparados García Hermanos, onde estará ata que volve á súa comarca. A Guerra Civil colleuno como ecónomo de San Cibrán de Vilastose, en Muxía, pero en 1940 xa estaba de novo nas Mariñas, pois aparece como capelán das monxas de Meirás (Sada), onde nese mesmo verán oficia unha misa á que asiste Carmencita Franco. Aquí botou polo menos dous anos, ata que nos sorprende a súa presenza como capelán da Comunidad de Hijas de Nuestra Señora de Cangas de Morrazo no momento da súa morte, o 8 de febreiro de 1945.
Este percorrido pola súa traxectoria profesional como sacerdote vai ter moita importancia tamén no campo literario, pois boa parte da súa produción reflicte os lugares nos que habitou. Como dixemos foi un autor moi prolífico, pois del temos constancia da publicación de 150 poemas, dos que 104 son en galego e 46 en castelán, ademais de tres contos breves en galego. E todo nun espazo de pouco máis de sete anos, pois as primeiras referencias son de 1928, cando comeza a publicar na revista bonaerense Finisterre, voceiro da asociación de emigrantes fisterráns. Será a mediados de 1929 cando inicie a colaboración na súa publicación de cabeceira, que vai ser o xornal El Compostelano. No desaparecido medio santiagués vai editar un total de 127 poemas (catro deles repetidos), dos cales 86 son en galego e 41 en castelán. Eses 86 poemas en galego convérteno no autor que máis poemas publicou na nosa lingua neste xornal entre 1925 e 1936, segundo os datos que ofrece Xulia Marqués no seu libro A Literatura galega no xornal El Compostelano (1920-1946), no que tamén elabora unha pequena biografía de Matías Escariz. A colaboración con este periódico foi ininterrompida ata marzo de 1935. Con todo, en 1941 aparecería un poema titulado A Galicia (O derradeiro Adiós de Pérez Lugín) coa seguinte anotación: «Optó al premio Pérez Lugín» -galardón creado pola Asociación da Prensa da Coruña para premiar o mellor traballo literario que enxalzase a Galicia-, pero que non era senón unha versión dun anterior titulado O derradeiro adiós de Murguía. En El Compostelano tamén publicaría entre 1931 e 1934 outros escritos en castelán referidos a cuestións relixiosas, moitos deles agrupados baixo os títulos xenéricos de Carta a un Terciario Franciscano ou Carta a un infiel.