¿Si ou non ás batidas? Un ecoloxista e un gandeiro e cazador abordan a cuestión

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CORCUBIÓN

ANA GARCIA

ENTREVISTAS | Paco Perú eJosé Manuel Castro participaron onte nunha mesa redonda na Capela do Pilar de Corcubión

24 feb 2019 . Actualizado a las 09:46 h.

Francisco Santiago López, Paco Perú (á esquerda na imaxe) naceu no 1965 en Lima. É diplomado en Graduado Social e preside a asociación Boca de Sapo de Corcubión. No outro lado da balanza (á dereita na imaxe) atópase José Manuel Castro Castro. Ten 25 anos e reside no Ézaro. Traballa na planta de Ferroatlántica de Cee, pero séntese gandeiro e é un amante da caza. A súa afición pola gandeiría venlle dunha das súas avoas. Posúe unha pequena explotación de 20 ovellas e unha vaca. Leva dende os seis anos vinculado a este sector, e chegou a ter varios exemplares de cabalos mostrencos. 

A Capela do Pilar de Corcubión acolleu onte unha xornada sobre o futuro do monte na Costa da Morte. Abordouse, sobre todo, a necesidade de realizar, ou non, batidas selectivas para o control poboacional de determinadas especies, como o xabaril, o raposo ou o lobo. Foi un encontro no que ecoloxistas, gandeiros e cazadores expuxeron os seus diferentes puntos de vista.

«Antes das batidas hai que facer un estudo rigoroso»

Francisco Santiago López, Paco Perú (Lima, 1965) é presidente da asociación Boca de Sapo de Corcubión.

-Que opina das batidas controladas?

-Antes de falar de caza controlada hai que facer un estudio rigoroso do censo das diferentes especies salvaxes e cinexéticas existentes na Costa da Morte. Sinxelamente, non hai un estudo feito por profesionais, por biólogos. É prioritario facer un estudo, por separado, sobre as poboacións de xabarís, raposos e lobos e, unha vez analizados estes censos, poderíase facer certos controis de poboacións.

-Entende a postura dos gandeiros da bisbarra?

-Claro que a entendo, porque é xente que vive diso, da gandería, da agricultura e do monte. É un traballo duro, que require de moitas horas. Como a pesca, os gandeiros e agricultores merecen todo iso é máis, pero tamén hai un plan de axudas previsto. A Unión Europea dedica cada no 50.000 millóns de euros en axudas ao campo. Galicia, Asturias ou Cantabria benefícianse moito destas axudas e indemnizacións por danos. E tampouco defendo unhas batidas xenéricas, cada especie e cada caso é único.

-Como ve o papel das mancomunidades de montes da Costa da Morte?

-Perderon o protagonismo que tiñan hai moitos anos. O problema é o abandono que sofre o monte. Hai un elevado grado de dispersión e envellecemento poboacional. A xente emigra e o monte queda abandonado. Aquel papel vertebrador das mancomunidades de montes perdeuse, e non so iso, senón que quedaron tuteladas polas Administracións, que na práctica exerce de xestor público de algo que é privado. De feito, algúns mancomuneiros da bisbarra comentáronme que queren recuperar a xestións dos seus montes, como facían antes, e niso están. Pero o que está a acontecer na Costa da Morte é o resultado dunha política de dar as costas ao monte. O monte deixou de ser rendible, xa non quedan especies arbóreas autóctonas o prezo do solo baixou e agora as empresas compran o alugan terreos a baixo prezo para plantar eucaliptos, que se converteu na única especie rendible, deixando ao marxe as especies autóctonas. Estamos a converter o monte nun monocultivo de eucalipto.

«Os primeiros en protexer a fauna somos os cazadores»

José Manuel Castro Castro ten 25 anos e reside no Ézaro.

-Por que está a favor das batidas controladas?

-Son cazador e a caza gústame. Pero tamén hai que dicir que se non é polos cazadores algunhas especies desaparecerían dos nosos montes.

-Como argumenta esta postura?

-Moi fácil, no coto de Cee soltáronse un ano medio milleiro de coellos. A maioría deles morreron. Tamén repoboamos os monte con perdices, faisáns... Somos os primeiros en protexer a fauna. E se, por exemplo, non hai coellos, tampouco haberá raposos. Pero tamén hai unha cuestión de seguridade. Xa non falo de gandeiros ou agricultores, senón de accidentes de tráfico por atropelos de xabarís, que nesta comarca estase a dar moito. Todo iso débese a sobrepoboación de certas especies.

-Hai tantos exemplares de xabarís, lobos e raposos como se di dende algúns sectores?

-De raposos, non tanto, pero na zona de Dumbría vese moito xabarín e lobo. Eu tiña bestas bravas [cabalos mostrencos] no monte, Un ano matáronme todos os poldros menos un, que mo deixaron moi ferido, e dous cabalos adultos. ¿De que serve ter animais e coidalos se logo non tes forma de que te axuden polas perdas? Pasa o mesmo coa gandería. Se os lobos matan unha vaca soamente cobras a axuda se tes o crotal. Se os lobos me levan unha ovella e non teño a súa identificación non cobro un só euro. Ademais, tárdase moito en recibir as axudas. Por una perda sufrida en decembro de 2018 non a cobras ata finais deste ano.

-Que papel cre que deberían adoptar as mancomunidades de montes nestes casos?

-Terían que ter un papel relevante, pero a realidade é que, en moitos casos, pérdense en temas administrativos, axudas e cobro dos eólicos. Eu, por exemplo, cumpro os requisitos esixidos nos estatutos para entrar na mancomunidade de montes do Ézaro, pero, polo que sexa, non me deixan entrar. Non xogan o papel que deberían, non só para a xestión de cotos e o monte, senón para evitar a perda do monte. O monte está completamente abandonado, xa non queda cabana cabalar, non hai bestas bravas que limpen o monte e serven de alimento para as especies salvaxes, non se fan queimas controladas, non se fan desbroces, non se arranxan as pistas. Non se fai nada e así estamos.