Perfecto López, imprescindible descoñecido

«Partindo da máis absoluta miseria, acadou en Bos Aires unha fortuna impensable»


En partindo do principio de sermos descoñecedores da nosa contorna, aínda o somos moito máis daqueles territorios e persoeiros afíns á nosa identidade na emigración. A aparición do libro Perfecto Lema. Un vimiancés na Galiza ideal (Editorial Galaxia) do filólogo Xosé María Rei Lema abre unha fenda de luz para vermos con maior claridade o legado dos nosos emigrantes para a construción do país tanto de aquén como de alén mar.

Nada sabiamos da figura de Perfecto López, O Tato da Valiña. A lectura, en dúas sentadas, do presente volume deixounos perplexos perante o ben documentado percorrido biográfico e social deste ilustre vimiancés nado na aldea da Toxa, freguesía de San Vicenzo.

Partindo da máis absoluta miseria, acadou en Bos Aires unha fortuna impensable grazas á súa enorme laboriosidade no mundo da automoción. Del dixo Ramón Otero Pedrayo que era «barbaramente rico». Esta posición económica foi táboa de salvación para moitos emigrantes da Costa da Morte que encontraban acomodo en canto poñían pé na quinta provincia galega.

Castelao

O seu papel no ámbito sociocultural e no do apoio incondicional á estrutura política do exilio brilla con luz excelsa no seu currículo biográfico. Protector do exiliado Daniel R. Castelao, presidente da ABC de Corcubión, creador da editorial Citania e un sennúmero de iniciativas inimaxinables das que Rei Lema dá conta polo miúdo. Do peto deste vimiancés saían miles de pesos para soster en pé todo isto e moito máis. Non debemos esquecer tampouco que el foi o portador, desde o país, da terra galega coa que se cubriu o cadaleito de Castelao no cemiterio da Chacarita ou quen levou a Manuel Puente para publicar o orixinal da Historia de Galiza de Ramón Otero Pedrayo.

Perfecto López de Xosé María Rei Lema é un libro imprescindible para despedirmos este 2018. Digamos de lectura obrigada nos últimos alentos do ano. Itinerario cronolóxico ben ameno pola vida dun intermediario fundamental tamén para a construción da resistencia no país nas distintas vertentes ideolóxicas.

Grazas a esta fenda de luz, desde agora, xa temos máis motivos para levarmos tatuado os trazos identitarios das terras de Vimianzo na nosa pel coma se fosen berce nativo.

O testemuño dunha cartografía megalítica, o val amurallado do castro das Barreiras, o medievo de resonancias irmandiñas no ben conservado Castelo, as badaladas de ribeira dos Batáns de Mosquetín, as esculturas naturais abrollantes da serra de Pena Forcada e, como non, a pegada deste home que tanto acudía co seu haigha ás romarías da Costa da Morte coa compaña de Pepe Mouzo como sentaba na famosa «xuntanza de Calo» con Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo e Fernández del Riego, entre outros, para atar cabos entre o galeguismo do interior e do exterior.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Perfecto López, imprescindible descoñecido