«O mar non é noso, é de todo o planeta»

V. Couto / C. Viu CARBALLO / LA VOZ

CORCUBIÓN

Ana Garcia

A xubilación do presidente do cabido, José Domínguez Buiturón, abre unha nova etapa en Corcubión

20 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

José Domínguez Buiturón xa non se presentará de novo ás elección porque se xubila. Desde que empezou á fronte da Confraría de Corcubión moitas cousas cambiaron. Pasaron de estar nun local do ISM a ter lonxa propia, a máis importante da Costa da Morte na venda de polbo. Ademais o patrón maior é un gran defensor da frota artesanal fronte ao arrastre.

-Canto tempo leva á fronte da confraría?

-Moito, 27 ou 28 anos.

-E agora xubílase.

-O día 29 deste mes deixo todo, que veña a xente máis nova, todo ten un principio e un final.

-Pensou que pasaría tanto tempo?

-Sinceramente, cando empecei de patrón maior na miña vida pensei que pasaran tantos anos. Metinme e pensei que sería cousa duns meses e que viría outro. Era novo, tiña ilusións, gustábame moito o mar desde cativo e quería facer cousas. Un ano foi atrás do outro e ben.

-Como cambiou o mundo da pesca neste tempo?

-Cando empezamos a confraría era un espazo que nos tiña cedido o ISM. Estivemos de marabilla porque non nos cobraban nada. Tiñamos catro lapis e catro bolígrafos e máis nada. Foi todo a base de traballar e meterlle ganas. Puxemos unha persoa a traballar alí, cotas aos barcos... Tiñamos que ir vender o polbo ás portas das conxeladoras e optamos por facer unha lonxa, aínda que empezamos cun punto de venda autorizado. O principal eran os prezos. Daquela había 100 pesetas (0,60 euros) entre vender en Ribeira ou directamente ás empresas. Agora temos os prezos como Ribeira, Muros, A Coruña ou calquera, aínda que ao principio compañeiros meus non crían que dese resultado. Estamos moi orgullosos do que fixemos e os que veñen atrás teñen que mantelo. Non lle debemos nada a ninguén nin aos provedores, nin a Portos, nin da carnada... Ao mellor non fixemos todo ben, pero si o mellor que puidemos e soubemos, e con iso é co que quedo. No tempo que estivemos sempre tentamos defender a pesca artesanal.

-Unha das teimas foi precisamente as protestas contra o arrastre.

-Cando empecei de patrón maior querían invadirmos a ría de Corcubión e a de Sardiñeiro co salmón, unha cousa vai tirando doutra, pelexamos coa Administración e conseguimos cortar ese proxecto. Despois empezamos a denunciar o uso da dinamita polo cerco. Houbo ameazas a esgalla. Ese sector hoxe non loita por utilizar explosivos, senón para ter máis cotas, sinal de que a dinamita non valía para nada. Non tiraban un cartucho, senón cestos e cestos de vimbio cheos, bumba, bumba, bumba! Así tódolos días e para nada, só para esquilmar os nosos caladoiros. Creo que conseguimos erradicar bastante este tema e agora estamos con outra práctica de pesca, o arrastre, que creo que tamén é ilegal, pero xa lle chegará o seu día. Hai que dicirlle a toda a xente que o mar non é noso, é de todo o planeta. Temos que coidalo para que os nosos fillos e os nosos netos saiban o que é comer peixe salvaxe.

-Inverno tras inverno temos falado dos problemas de seguridade que hai no porto.

-Precisamente teño solicitada unha reunión coa conselleira do Mar. Conseguimos as firmas de todos os alcaldes da zona e tentamos loitar tanto desde a confraría como desde o Club Náutico. A día de hoxe o noso é un porto terceiromundista, non temos unha infraestrutura, non temos nada. O problema é que non hai sitio para meter barcos, para protexerse do mal tempo... O sábado teño previsto cambiar a cadea de amarre do barco porque xa van vir os temporais de outubro e cada vez que se anuncia unha baixa de mar xa veñen os nervios a todos os patróns. Os que teñen lanchas están co mesmo problema, teñen que ter un garaxe ou unha horta para telas no inverno. Quédame unha espiña aí, sen poder solucionar.

-Como ve o futuro?

-Mal, gústame que a pesca sexa o máis selectiva posible. Desde o Prestige o arrastre empezou a utilizar a arte peláxica e na lei está prohibida. Dixen que se estaban esquilmando os caladoiros. Pedimos que se aplique a lei dos descartes e tamén que volvan poñer as vedas do arrastre.