O Circuíto Correndo pola Costa da Morte afronta a recta final este sábado en Corcubión ás 17.30. O técnico de deportes, Carlos Pazos, dá todos os detalles
11 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Carlos Pazos Ríos (Santiago, 1980) cumprirá en xaneiro 10 anos como técnico de Deportes de Corcubión. Pero, antes, ten un gran labor por diante: a organización da que será a penúltima proba do Circuíto Correndo pola Costa da Morte. Non obstante, a carreira pedestre de Corcubión leva xa unha longa traxectoria. A que se celebrará este sábado no núcleo urbano da vila a partir das 17.30 horas será a décimo sétima edición.
-Adoita participar nas probas do circuíto?
-Non, porque estou lesionado. Hai catro anos tiven un accidente. Pero xa antes non o facía, ou sexa que non me serve de escusa [ri]. Só a nivel organizativo. O que fun sempre foi moi futbolista.
-Como van as inscricións para a pedestre do sábado?
-A última vez que mirei, a cifra estaba en 575 deportistas, polo que esperamos pasar das 600 inscricións. Cada ano estase incrementando a participación nas probas. Na de Corcubión, dende que comezou o circuíto, foi de 50 en 50 persoas para arriba cada ano.
-A quinta edición do marco que engloba estas carreiras populares está chegando á súa fin. Que valoración fai?
-Estamos vendo que o circuíto vai moito máis alá do ámbito deportivo. Sobre todo, no aspecto turístico. A xente, indo ás carreiras, coñece os lugares, e despois repite experiencia. Isto último é algo moi curioso, pois coa cantidade de probas de atletismo que hai en Galicia parece ser que nós somos os elixidos. Sobre todo, de familias enteiras, que era o que se buscaba.
-Qué percorrido se atoparán os corredores en Corcubión?
-Dende sempre, a nosa proba era a máis dura do circuíto, porque ao ser unha vila pequena, para facer a ruta de 10 quilómetros tiñamos que ir por moitas costas. Entón, o ano pasado decidimos facer un percorrido máis urbano e, polo tanto, máis suave. Iso si, segue habendo algunha costiña que outra. Pero tanto para os deportistas como para os afeccionados é máis atractivo, pois pásase dúas veces pola praza. Os da proba de 3 quilómetros teñen que darlle dúas voltas a un traxecto de 1.600 metros, e os da longa, deben facer o mesmo, pero sobre un tramo de 5.000 metros. Por veces, pasan polos mesmos lugares.
-Por que recomenda vostede asistir a esta proba?
-Porque no concello de Corcubión temos unha fachada marítima espectacular. Os atletas van ir polo paseo marítimo, onde hai unhas vistas impresionantes e unha praia que, se o tempo nos acompaña, estará chea. O casco urbano é patrimonio histórico, todo de pedra, polo que vai ser unha carreira moi bonita.
-E sobre as camisetas que caracterizarán esta proba, que nos desvela?
-Van ter moito éxito, pois van ser de cor branco e azul, ligado un pouco a que a camiseta do Corcubión tamén é así e ao Deportivo, máis do mesmo.
En detalle
- Mañá, ás 23.59
Inscrición
Debe apuntarse en www.championchipnorte.com antes de que remate o prazo.
- Sábado, ás 17.30
Celebración
As probas disputaranse de forma continuada a partir deste horario, sendo a última ás 19.00.
- Corcubión
Lugar
As distintas carreiras discorren polo núcleo urbano da vila, bordeando o mar.