Viaxe no tempo

Vicente de Lema ONDA MAINA

CORCUBIÓN

25 jul 2018 . Actualizado a las 01:19 h.

Nesta terra dos silencios hai ben particularidades das que gozar. Acontecementos únicos, xenuínos, enraizados na historia desta bisbarra sempre apartada do balbordo das cidades. Os feitos dos séculos marcan e atraen ao mesmo tempo. Esta pasada fin de semana, Corcubión conmemorou a vitoria do pobo no asalto sufrido por parte do prelado Rodrigo de Luna en 1457. E logo, o Mercado Medieval. Nesta vila ocorre coma en Vimianzo, onde as súas celebracións históricas están baseadas en feitos reais. Fazañas ou sufrimentos que quedaron enmarcados no selo psicolóxico da comunidade. O Asalto, ou mesmo o acto do pasado domingo pola noite, son acontecementos que converten o castelo nun espazo cultural que tamén ten unha ampla proxección de cara ao turismo e á economía local e incluso comarcal. Un centro de actos de gran relevo con enorme percorrido de futuro. Pois Corcubión, igual. En si mesmo é un escenario, un espazo para a recreación do pasado, unha praza e unhas rúas polas que camiña a ilusión de viaxar a séculos gastados. Eses que todos podemos imaxinar, pero só as reproducións nos presentan como o máis parecido posible á realidade. ¿A quen non lle gusta cabalgar no cabalo do tempo? Foi unha fin de semana moi celebrada en todo o pobo, que reverdeceu cos visitantes ledos paseando, rindo, admirando e percorrendo as páxinas da historia. Cando as cousas se fan con fundamento é difícil que fracasen. Mesmo os veciños se converten en actores desta fabulosa viaxe á ilusión. É tempo agora de seguir dándolle fondura ao proxecto de pobo con piares ben profundos. A súa volta ao medievo non pode quedar nunha efémera fin de semana.