«Sorpréndeme que en pleno 2018 se poña unha placa por falar en galego»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CORCUBIÓN

Ana Garcia

A maxistrada coristanquesa Carmen Pose, a primeira en redactar unha sentenza en galego no xulgado carballés, recibirá mañá un recoñecemento público, aínda que cre que o uso do galego na xustiza debería «normalizarse»

11 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non debería ter que descubrirse unha placa nun xulgado, di Carmen Pose, porque unha maxistrada escriba as súas sentenzas en galego, senón que debería ser unha situación completamente «normalizada» que cada quen redactase os seus textos na lingua que emprega habitualmente, na que máis comodidade atope.

Con todo, mañá (13.00 horas) o xulgado de Carballo será escenario dun recoñecemento cara a maxistrada coristanquesa Carmen Pose por redactar as primeiras sentenzas en galego. Maxistrada dende hai oito anos, pasou tres en Carballo e na actualidade exerce de xeito activo no xulgado número 1 de Corcubión.

-¿Compracida coa homenaxe que recibirá mañá?

-Si, aínda que a min -unha persoa que mamou o galego dende sempre- non me deixa de sorprender que en pleno 2018 se poña unha placa por falar en algo que a min me sae natural. Con todo, entendo cal é a intención do acto e entendo que para nada son eu a protagonista, senón que debe ser o propio galego.

-Quizais actos como este senten precedente entre outros xuíces e se animen a seguir o seu exemplo.

-Máis que sentar precedente o que debería lograr é que se naturalizase o uso do galego (falado, e tamén escrito) na xustiza, pois é un sector que ten unhas características realmente peculiares.

-E vostede, porén, foi a primeira en dar un paso adiante en Carballo e optar polo galego.

-Eu quedei abraiada, pero parece que si, polo menos dende que hai un rexistro. Sorprendeume especialmente ao tratarse da comarca de Bergantiños, que é eminentemente galego falante. O meu nome en realidade está xa noutra placa, na de Cambados, xa que se está levando a cabo unha campaña en todos os xulgados para fomentar o uso do galego.

-¿É o galego unha lingua que se empregue realmente e con asiduidade no seu sector?

-Na xustiza sucede algo moi curioso, e é que antes de que comece o xuízo hai moita xente que fala galego, pero ao que dá comezo case todo o mundo emprega o castelán. Tamén hai que dicir que existen dous condicionantes que inflúen neste respecto, e é que durante anos estudamos manuais e manuais en castelán; e por enriba temos unhas palabrexas, uns «tecnicismos» bastante complicados e que custa o seu traballo traducir.

-¿Quedan aínda restos de diglosia, dun certo prexuízo?

-Si, aínda que ás veces eu creo que é inconsciente. Parece que entras no xulgado e o que che sirve para falar na casa, xa non sirve para falar nese ámbito. No meu caso, pois resultaríame moi artificial chegar a un traballo e falar nun idioma que non é o meu, sería difícil, como se me convertese nunha persoa distinta.

-Vostede redacta en galego, ¿pero qué hai do resto de funcionarios de xustiza?

-Nós traballamos cun sistema informático chamado Minerva, que funciona como unha base de datos. Hai un trámite guiado a través desta plataforma que é integramente en castelán, e sen posibilidade de bilingüismo. Deste xeito, todos os trámites que chegan ata min, serán en castelán. A miña sentenza, que eu teño que redactar nun documento aparte, si pode ir en galego. Entón eu non podo pedir a un funcionario que escriba a súa parte en galego porque sería un abuso, xa que cada un é libre de escribir na lingua que queira. E tamén porque, aínda tendo vontade de facelo, terían que mandar cada unha das resolucións que saen do trámite guiado ao servizo de tradución lingüística da Xunta. Se a xustiza vai xa lenta, imaxina facer todo iso.