Os franceses en Ponteceso, curas e fidalgos en apuros

JUAN FÉLIX NERIA PÉREZ

CORCUBIÓN

Cedida

A zona occidental da Costa da Morte protagoniza este episodio histórico, pero tamén outras parroquias o sufriron

28 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A violenta irrupción das tropas napoleónicas constitúe un dos episodios máis salientables da historia contemporánea da Costa da Morte. Foi entre xaneiro e xuño de 1809 cando, na persecución do xeneral inglés John Moore, en tan só unha quincena ocuparon Galicia. Corcubión e Cee, Camariñas e Paizás, A Ponte Olveira e Baíñas foron escenarios, en maior ou menor medida, do paso dos invasores gavachos por estes lares. Gran mérito adorna a memoria do profesor ceense Francisco Mayán, que exhumou a documentación inédita relativa á francesada na súa vila natal e arredores; sen esquecer o estudo de Jurjo Lado e Jurjo Otero acerca da batalla da Ponte Olveira.

Tamén nas terras do actual municipio de Muxía se fixo sentir a invasión. Así, nun desordenado fondo de documentación parroquial de San Martiño de Ozón puidemos ler unha breve nota, nunha letra e ortografía endiañadas, de interpretación bastante confusa e firmada por un tal Manuel de Santos: «Mujía. A 1 de junio de 1809. Dijo el comandante de esta partida por haber recibido 6 cañadas de vino del Coto de San Martín del Son [Ozón] para sustento de la tropa y por tanto manda que la parroquia se lo abone bajo las divinas penas… [ilexible] de los traidores de la patria».

En Bergantiños

Neste episodio histórico é indiscutible o protagonismo da zona occidental da Costa da Morte, pero está aínda por facer a pequena crónica da presenza francesa noutras parroquias. Fronte ao coñecemento exhaustivo que temos da invasión na actual comarca de Fisterra, na de Bergantiños escasean as noticias referentes á francesada. Pero habelas hainas… Non falamos de grandes fitos históricos, pero si de incidencias que, para os que as sufriron, deberon de causar preocupacións e quebrantos. Nos libros parroquiais emerxen ás veces, máis ou menos evidentes, as pegadas dos invasores, que causaron perturbacións en dúas parroquias do actual concello de Ponteceso.

Co gallo da santa visita realizada en 1817 á freguesía de San Xoán de Xornes, no libro de fábrica consta que «los recibos y más documentos se hicieron de menos cuando la invasión de los franceses que ocuparon la casa del cura algunos días, buscando a este por la constancia que mostró por el Rey y Patria», é dicir, polo pérfido Fernando VII, con xustiza chamado Rei Felón, o maior desvergoñado que pousou rexias nádegas no trono de España. O curato de Xornes exercíao Andrés García Canosa, a quen parece que os franceses lle tiñan ganas, e que foi párroco polo menos ata outubro de 1841. Así mesmo, lemos: «Porque este libro de fábrica se halla en hojas sueltas desde el folio 7 al 17, y su papel en blanco para seguir por haberlo destruido los enemigos franceses, el Señor Visitador decreta y manda que uniéndolo y aumentándolo lo ponga como corresponde dentro del mismo término. Ordena que el párroco, Andrés García y Canosa, publique esta visita».

Absolutismo

Ao visitador moito agradaría, dende logo, o celo absolutista deste cura de Xornes, unha conduta, por outra bada, lóxica e normal no clero español. Este visitador é presentado así no documento: «Don Vicente María Aguiar, Sumiller de cortina y oratorio de Su Majestad con ejercicio, Caballero de la Real y Distinguida Orden Española de Carlos Tercero, condecorado con la Cruz del Ejército de la Izquierda, y con el Escudo de Proscripción por la Francia como cabezas de Patriotas en Galicia en defensa de los Derechos del Señor Don Fernando Séptimo, que Dios guarde…» e algúns outros méritos, cargos e dignidades que non veñen ao caso.

A profanación de libros sacramentais

Nos libros sacramentais quedan tamén indicios destes feitos. No de bautizados, observamos unha interesante advertencia do cura, ocupando toda unha páxina e cunha letra de gran tamaño: «Nota, y la es de que cuando entraron los franceses en esta casa en mi busca para asesinarme el día siete de junio de este año de 1809, y no habiéndome encontrado, no solamente me han robado cuanto tenía sino que han puesto y escrito en este libro proposiciones escandalosas, contra la religión, y sus ministros, por cuyo motivo la he tildado [riscado] como se ven, y lo firmo a 29 del mes y año de arriba. Andrés García Canosa». Mais todo é moi estraño, xa que o parágrafo anterior, riscado efectivamente, foi tamén escrito e asinado por el, e do que podemos ler deducimos que é exactamente o mesmo que escribe despois en letra grande. Unha trapallada do cura para xustificar algunha falta inconfesable, quizais o abandono temporal da súa parroquia e o conseguinte desleixo na xestión dos libros sacramentais. Algo hai indiscutible: as liñas riscadas non foron escritas por francés ningún. Quizais o párroco arrancou as follas lixadas polos asaltadores e escribiu en letra ben aparatosa o mesmo que escribira en letra pequena na páxina anterior, para que a súa peripecia persoal pasase desapercibida. Mágoa non poder ler hoxe que escribiron eses súbditos de Napoleón. Digamos ademais que, entre o 23 de marzo e o 16 de xullo, non hai partidas de bautismo, un tempo bastante dilatado e sen dúbida relacionado coa ausencia do sacerdote. Sexa como for, o asunto non deixa de ter o seu punto de sospeita.

Vacío en las defunciones

Por outra banda, e a propósito do pasamento dunha tal Manuela da Rama o 16 de xuño de 1809, o párroco escribe no libro de defuntos: «Mujer que ha sido de Josef Rodríguez de los Reyes, mis parroquianos a cuyo auto asistió don Bernardo Rodríguez patrimonista de esta parroquia según me informaron su marido, herederos y otras personas, sin que dicho patrimonista me anunciase cosa alguna de retirado de esta parroquia por haberme fugado de los franceses que entraron en mi casa robándola, dejando las puertas abiertas, habiendo estado yo dicho cura ausente más de un mes sin que dicho patrimonista hubiese recogido los libros, diciendo misa en una capilla privada y la parroquia carecer de ella». Probablemente é a capela do pazo da Fonte, coa advocación de Santa Lucía e de fermoso retablo pétreo con estípites, aínda ben conservado grazas á sensibilidade da súa propietaria, tamén chamada Lucía. Máis tamén podería ser a capela de san Antonio no lugar do mesmo nome -xa moi preto de Buño- e hoxe desaparecida.

Na visita de 1831 incídese igualmente nun aspecto derivado das alteracións provocadas polos franceses: «Y atendiendo al mal estado en que se halla este libro se sirvió mandar que se folie todo y se encuaderne». E tamén entre marzo e xuño, case entre os mesmos días e se cadra polo mesmo motivo da incursión, hai un baleiro de información: da partida de defunción do 13 de marzo pásase á do 16 de xuño.

Tamén a parroquia de Pazos viviu perturbacións

Hai xa algún tempo, contamos nestas páxinas como a bisavoa paterna da insigne escritora Emilia Pardo Bazán negociaba en 1847 co párroco de Pazos, Rafael Ares y Torres, o pago dunhas misas atrasadas por culpa do desleixo do seu defunto marido.

A devanceira de dona Emilia

Joaquina Ribera y Pardo Osorio, que así se chamaba a fidalga devanceira de dona Emilia, posuía o pazo de Rebordáns, na freguesía pontecesá de San Salvador de Pazos. A familia gozaba de rendas tamén en Cores, Brantuas, Malpica ou Ozón, alén de noutros lugares de Galicia. Pois ben, cando o párroco lle solicita documentación para satisfacer as débedas, ela escríbelle que «respecto al allanamiento de fincas que me indica con la explicación que me pide, es del todo punto imposible, por cuanto mi archivo [o do pazo pontecesán] está en muy mal estado y los documentos se hallan mal tratados a consecuencia de haber estado enterrados los papeles cuando fue la invasión de los franceses». Tamén neste caso os gavachos causaron estragos no patrimonio documental, segundo afirma Joaquina, da que non temos por que dubidar… ¿Ou si?

Tanto Pazos como Xornes, parroquias contiguas, non distan moito do camiño que, atravesando A Pontedona sobre o río Anllóns, penetraba en Bergantiños desde as terras do interior, o cal podería explicar en parte a presenza francesa. Nos libros sacramentais de Cereo -veciña de Xornes-, non constan indicios de que os invasores provocasen perturbacións, pero non por isto deberiamos descartalas. Saian á luz estes episodios esquecidos de tan importante feito histórico. Si: Bergantiños padeceu tamén a súa pequena francesada.