O castelo do Príncipe, unha xoia da historia

víctor m. castiñeira castro

CORCUBIÓN

A primeira pedra colocouse un 4 de xullo de 1740 polo enxeñeiro militar Carlos Voysin

19 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

No sistema de defensa da liña de costa, as armadas tiñan o seu lóxico complemento na configuración portuaria. Esta debía permitir ás escadras as necesarias labores de mantemento e abastecemento, para o que se fixo imprescindible a fortificación de parte da mesma, especialmente da zona de fondeadoiro. Os avances da arquitectura renacentista, da xeometría e as matemáticas non serían alleos á defensa do territorio. En 1583, Felipe II crea a Academia de Matemáticas, Arquitectura Civil e Militar, desde a que se desenvolvería a fortificación abaluartada. O sistema acabaría por perfeccionarse en función das necesidades e adaptándose á orografía do terreo ata conseguir uns tipos de construción moi estudados e trazados con exactitude, nunha constante evolución da complexidade do sistema defensivo.

Durante os reinados de Felipe V e Fernando VI, terá lugar o intento de dotar á Coroa dun maior poderío naval seguindo as directrices do Marqués de Ensenada, quen conseguirá reordenar e organizar con óptimos resultados a Real Facenda, a Xustiza, a governación de Ultramar e, sobre todo, a Mariña, dado que esta última era imprescindible para manter o dominio colonial español e a defensa das súas costas diante dos ataques de ingleses e franceses. Grazas ó seu impulso construíronse os tres grandes arsenais de Ferrol, Cartaxena e Cádiz.

Ademais, a posición xeografía da costa galega permitía ter puntualmente informada á Flota de Indias e ós territorios americanos diante dos posibles ataques ingleses. E tamén facilitaba o coñecemento dos contactos de Londres con Xibraltar e con outros enclaves do seu extenso imperio. Por iso, e dada a súa valía desde o punto de vista militar, será necesario un mellor coñecemento dos nosos portos e rías con estudos en Pontevedra, Tui, A Coruña, Camariñas e Corcubión.

A estrutura defensiva da costa galega que no século XVII tería como prazas fortes as cidades de A Coruña, Vigo e Ferrol, ampliarase agora coas fortalezas de Ribadeo e Cedeira polo norte; Camariñas, Fisterra, Corcubión e Cee, no centro; Marín e Baiona nas Rías Baixas e A Garda, Goián, Amorín, Tui e Salvaterra na fronteira portuguesa.

A primeira pedra do Castelo do Príncipe colocouse un 4 de xuño de 1740 polo enxeñeiro militar Carlos Voysin, tan só un par de meses despois do apresamento polos ingleses do navío español La Princesa moi preto do Cabo Fisterra. Lembremos que un ano antes comezara a Guerra do Asiento ou da Orella de Jenkins que deixaría nas nosas augas varios enfrontamentos de importancia no ano 1747, entre eles o ataque ó navío El Glorioso, que cargado con 4 millóns de pesos de prata foi capaz de esquivar os diferentes abordaxes das naves británicas e poñer a salvo o seu cargamento en Corcubión.

Este suceso podemos poñelo en relación coa opinión do enxeñeiro Juan de la Ferriere, quen seguindo as ordes da Real Xunta de Fortificacións non dubidaba da necesidade de «construir baterías en la ría de Corcubion para el resguardo de los navios de Su Magestad y sus vasallos que transitaren por el cabo de Finisterre... donde o por falta de viento o por otros fines, y hazer el corso en las embarcaciones del Norte que siempre vienen a reconocerle, (es necesario tener) algunos abrigos resguardados para las nuestras con la retirada segura por no averla en aquellos parages». Calculaba tamén que na mesma poderían resgardarse entre 16 e 18 navíos de guerra.

Houbo tamén varios proxectos para ampliar o sistema defensivo da entrada a Corcubión e Cee coa reparación de dous fortes antigos denominados de Santa Cruz no estremo da ría no lado corcubionés e a batería do Fornelo no ceense, pero dado o seu mal estado de conservación descartaríase o seu arranxo. O enxeñeiro Diego de Bordick en 1739 prefería no seu lugar a construción de dúas novas, unha no Cabo de Cee e outra na Punta Galera «aunque se limitassen de siette a ocho cañones gruessos cada una, por motivo que queriendo evitar las Loveras no ay mas que un rumbo para entrar en el corriendo sur-oueste-noreste entre el cabo de Cee y el baxo del Carromero pequeño, con la circunstancia de que la nave govierne bien para passar en medio»... A súa idea era que estas baterías poderían entorpecer a entrada na ría dos brulotes e barcos corsarios co que as naves españolas poderían poñerse a salvo no máis «misero parage de toda la Galicia».

No informe previo á edificación dos castelos do Cardenal e Príncipe, faise unha descrición da entrada da ría e porto de Corcubión incidindo en que «para su seguridad y preserbar de los vageles enemigos, que se refugian en el, e ympedir tambien la entrada, es mui a proposito construir dos baterías en el medio; la primera en la punta del cantelo (Corcubión), mentras que en el parage llamado la punta de la Comboa (Ameixenda) en frente de la precitada bateria distante de ella 500 tuesas mas o menos, se puede construir otra en forma de porcion circular segun el terreno para contener hasta 12 piezas, observando que siendo este parage dominado de las vecinas alturas, es necesario cubrirla con los quarteles y almacenes..., haciendo un parapeto encima de sus murallas y un pequeño foso y un puente siendo tambien combeniente hacer un pequeño retrincheramiento delante de la puerta de entrada para cubrirla... Esta bateria será capaz para un buen efecto por descubrir vien y ser baja, que en alta mar no serán los tiros mas elevados que dos tuesas y su abordo dificultoso por las peñas que la circumbalan; lo que se percibe mejor por su plano y perfil».

Os traballos definitivos non comezarían ata o ano 1744, sendo a culminación dos mesmos en 1755 obra doutro enxeñeiro francés, Carlos Lemaur seguindo as trazas de Francisco Llobet. Lemaur, que estudara na Real Escola de Matemáticas de Paris, deixou numerosas obras por todo o territorio peninsular non só militares senón tamén no ámbito civil. En Galicia, a máis famosa é o pazo de Raxoi, mandado construír polo arcebispo compostelán en 1766 na Praza do Obradoiro.

O castelo do Príncipe montaba 12 pezas de artillería noutras tantas troneiras dirixidas cara o mar e ó amplo adarve que ten, ascendíase por unha rampla ou por dúas escaleiras de pedra; existindo tamén espaldóns resoltos con arcos rebaixados. Un gran edificio que dirixe as súas ás cara os semibaluartes do hornabeque, contiña os servizos loxísticos (dependencias para a guarnición que acadaba os 88 soldados, almacéns e polvorín).

Se ben na segunda metade do século XVIII e primeiros anos do XIX houbo unha incesante actividade bélica e corsaria, a derrota española en Trafalgar primeiro, a invasión napoleónica e a independencia de boa parte das colonias en América que lle seguiu, farán que o papel estratéxico das nosas costas vaia perdendo relevancia polo que a finais do XIX o castelo, ó igual cá outras tantas fortalezas, deixaría de pertencer ó Estado tras poxa pública. A finalidade para a que fora construído non tiña agora tanto peso e os escasos restos do imperio de Ultramar español acabarían desaparecendo pouco despois coa perda de Cuba, Filipinas e Porto Rico en 1898.