A Academia defende á moza de Muxía que querer mudar o apelido

Juan Ventura Lado Alvela
J. V. LADO CEE / LA VOZ

CORCUBIÓN

JORGE PARRI

Karina Pereira recibiu onte o apoio de ducias de manifestantes na presentación dos escritos ante o rexistro de Corcubión

04 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A moza muxiana Karina Pereira, que quere mudar o seu segundo apelido de «Rey» a «Rei» para empregalo na súa forma en galego recibiu onte diante do Rexistro Civil de Corcubión, onde lle fora negada esta posibilidade, o apoio de ducias de manifestantes reivindicando este dereito, entre eles o de presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Mario Maceira, e de distintos representantes políticos da órbita nacionalista, como Bieito Lobeira.

A máis diso, a propia Real Academia Galega emitiu un comunicado que clarexa distintas cuestións, tanto legais como lingüísticas, e que pon en cuestión a actuación de determinados funcionarios neste tipo de casos. «Todas as persoas de Galicia teñen dereito a vivir en galego, a expresarse na súa lingua en todos os ámbitos da súa vida. Parte deste dereito é o de empregar os seus apelidos nas formas en galego», sinalan dende a Academia para a que o argumento de que a forma «Rey» pertence «ao acervo nacional» se sitúa «no ámbito das opinións ideolóxicas particulares e non ten base científica nin legal». De aí que inste «ao Rexistro Civil de Corcubión a aceptar a petición da solicitante».

Por outra banda, explica que o orixe do apelido pode estar en moitos casos ligado á creación en Compostela no ano 1492 do Hospital Real por parte dos Reis Católicos. A Inclusa dese centro acolleu mesmo ata o século XIX a numerosos nenos de pais incógnitos, que eran despois criados, previo pago, por mulleres pero estaban baixo a protección do rei.