As Escolas Agra Regueiro de Baio e o escudo de cemento


En cumprimento da Lei da Memoria Histórica, a asociación de Veciños Tabeirón de Baio aprobou a eliminación do escudo franquista que ata agora preside a fachada do edificio das Escolas Agra Regueiro. Mágoa que un libro que sobre o canteiro e poeta baiés emigrado na Arxentina, Xosé Collazo (1880-1962), escribiu Xosé María Rei Lema, non estea aínda publicado (unha editorial de Vigo teno na lista de espera) pois nel nárrase polo miúdo a interesante historia da construción destas escolas. Deste edificio que, pola súa forma, lembra claramente a estrutura das veciñas Torres do Allo, desde hai tempo me chamaron a atención tres cousas: primeiro, que levase o nome dun mestre e non dun político ou dun xerifalte do réxime franquista; segundo, que os veciños doadores (da «parroquia de aquí» e da «de aló», é dicir, a dos baieses emigrados na Arxentina) se atrevesen a poñer no centro da fachada, con letras ben grandes, a frase aclaratoria «costeadas por el pueblo», e que a consentisen as autoridades franquistas; e terceiro, que o escudo franquista da aguia «imperial», se esculpise en cemento e non en pedra, sendo como era Baio parroquia con sona de bos canteiros. Da investigación levada a cabo por Chema Rei tomo os seguintes datos: a idea de homenaxear a José Agra Regueiro (mestre de Baio de 1887 a 1912) xa viña de 1930, ano en que, por iniciativa de Xosé Collazo -republicano convencido-, se constituíu un comité para erixirlle un busto preto da casa do mestre. En 1932 considerouse que era máis útil construír unha escola que levase o seu nome, e seguramente estaría feita nesta década de non ser pola sublevación militar de 1936, que ocasionou a guerra civil e a ditadura posterior. Os emigrados na América seguiron xuntando pesos arxentinos nos anos corenta, pero aínda habería que esperar á década de 1950 para empezar a obra (¡máis de vinte anos de atraso por culpa da rebelión e da guerra!). O vimiancés Perfecto López, ‘o Tato’ -galeguista, íntimo colaborador de Castelao-, trouxo da Arxentina a maior parte dos cartos, e os veciños de Baio venderon as mellores pezas dun monte comunal. A inauguración foi o 27 de xuño de 1954, nun acto multitudinario presidido polo gobernador civil da provincia e o presidente da Deputación. O importe total da obra, 500.000 pesetas, «fue costeada por el vecindario de Bayo y por algunos residentes en América», como se recolle en La Voz de Galicia (29-6-1954). O único que puxo o Ministerio de Educación para as denominadas «Escuelas populares Agra Regueiro» foron uns miles de pesetas para material escolar, como recoñecería publicamente en 1992 -na homenaxe que o pobo de Baio lle fixo ó arcebispo Maximino Romero Lema-, quen daquela era o ministro do ramo: Joaquín Ruiz-Giménez. Nin con esta «esmola» a destempo a imposición do escudo estaba xustificado. Está claro que foron os emigrantes na Arxentina, membros da sociedade ABC de Corcubión e simpatizantes na súa maior parte da causa republicana, os que impuxeron o nome da escola e seguramente tamén a frase «delatora» da fachada. No asunto do escudo nada podían facer, pois o Réxime tiña que xustificar dalgún xeito que tamén colaborara. Esa marca ou cuño foi o escudo, pero o estraño é que este se realizase en cemento e que isto non se considerase denigrante para o brasón patrio. Porque, algún persoeiro, político ou non, aceptaría que o «honrasen» erixíndolle unha estatua de cemento? Parecería unha burla do tempo do entroido. Ademais do nome das escolas (José Agra fora pai de Alfredo Agra, o representante das esquerdas en Baio durante a II República) e da lenda da fachada non sei se desde o comité dos emigrantes non se suxeriría algunha cousiña máis, que, sorprendentemente, tamén logrou salvar a dura censura gobernamental.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

As Escolas Agra Regueiro de Baio e o escudo de cemento