O lento camiño cara a fin da violencia no fútbol da Costa

Brais Capelán Á REVIRAVOLTA

CORCUBIÓN

JORGE PARRI

20 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Que no 2017 se continúe a falar da necesidade de erradicar a violencia do mundo do deporte -e especialmente do fútbol- fala moi mal dos futbolistas, adestradores, directivos e afeccionados en xeral que asistimos cada fin de semana a un campo, xa sexa de Primeira División ou de Segunda Autonómica de xuvenís. Por sorte, o fútbol da Costa da Morte non estivo implicado nos últimos casos de agresións verbais e físicas do deporte rei. Falo dun vídeo que circula polos medios dixitais dunha brutal liorta entre dous pais cando asistían ao encontro dos seus fillos en Canarias. Tamén hai outro exemplo que nos colle moito máis cerca -no tempo e xeograficamente-, que son os insultos racistas dun grupo de afeccionados, que non deberían nin tan sequera ser mencionados como tales, cara Carlos Sánchez, dianteiro do San Martín arousán, que chegou a asegurar que xa non ten ilusión de xogar ao fútbol.

Na Liga da Costa esta mesma tempada xa houbo varios incidentes que deben servir para seguir alerta. Apenas hai que remontarse dous meses para comprobar que os problemas non se foron, seguen moi presentes na Costa da Morte. Tanto en novembro como en decembro houbo dous incidentes que implicaron directamente ao mesmo equipo: o Camariñas. Tal e como reflicten as actas, os seus afeccionados estiveron implicados en dous altercados nos encontros ante o Castriz e o Corme. Poden ser sucesos illados, por suposto, pero a directiva non pode botar balóns fóra -nunca mellor dito- e debe valorar o tema en profundidade. Igual que o deben facer o resto de equipos e, incluso, desde a propia Federación, cuxa falta de iniciativa en moitas ocasións pode ser o peor precedente. Non se pode repetir o sucedido no Muxía-Corcubión da fase de ascenso do pasado ano. Xa caeu algunha mazá podre, confiemos en librarnos de toda a praga.