Eduardo Pondal en Corcubión: o vínculo familiar da tía Josefa

JUAN FÉLIX NEIRA PÉREZ

CORCUBIÓN

Hai 150 anos, o bardo pontecesán pasou unha temporada do inverno na vila de San Marcos, según lle explica a Murguía

18 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Grazas a dúas cartas enviadas ao seu prezado amigo Manuel Murguía, sábese que Pondal pasou unha temporada en Corcubión no inverno de 1867. «Hace ya unos cuantos días que estoy en Corcubión», dille na primera delas, datada o 6 de febreiro. Sete días máis tarde, remítelle a segunda. O contido de ámbalas dúas presenta o maior interese, xa que non abordan cuestións persoais e intranscendentes, senón aspectos relativos á historia e arqueoloxía galegas. Non esquezamos que Murguía xa publicara dous dos catro tomos da súa Historia de Galicia, e que polo tanto nada relacionado co devenir histórico da nosa terra lle era indiferente.

Primeira carta

Na primeira carta, Pondal cóntalle ao amigo a súa «excursión al cabo de Finisterre» e a súa visita ao emplazamento do mítico templo do Ara-Solis dos romanos. «Yo estuve ayer sobre las supuestas ruinas del supuesto templo. Están en la misma punta del cabo; mas yo no he visto en las menudísimas piedras que tenía a la vista más que unas piedras de una obra de fábrica grosera», apunta decepcionado. E aproveita para criticar ao historiador Benito Vicetto polas súas afirmacións en relación ao Ara-Solis, que este considera «un templo al Sol», o cal para o poeta non deixa de ser unha «afirmación disparatada». «Groserías históricas de Vicetto», conclúe o pontecesán, que lamenta «su desdichada historia de Galicia».

Na segunda misiva, máis breve, inclúe Pondal a «inscripción que dice aquí hallarse grabada en una piedra natural del monte Pindo… Ni yo ni nadie de este pueblo supo descifrarla. V., que tiene en estas cosas vista más penetrante, descubrirá su verdadero sentido y la época a que pertenece». É obvio que o bardo aproveita a viaxe á vila de San Marcos para actuar como informante do amigo historiador, fornecéndoo de datos de interese para os seus estudos históricos: «En mi afán de dar a V. todos los datos que me sea posible, envío a V. todo lo que se me presenta». Despídese Pondal «con afectos a Rosalía y un beso a Alejandrita», que tiña 8 anos.

Ata aquí todo o que sabiamos da relación do poeta con Corcubión. Mais… por que pasa unha tempada, de polo menos un mes, na histórica vila? Concurría algunha outra circunstancia, alén das inquedanzas arqueolóxicas, que Pondal reflectirá na súa obra? Moitas son aínda as lagoas na súa biografía, como revelan os datos inéditos que aquí se aportan, pois había a noticia da súa nutrida familia e parentela en Muxía e Laxe, mais non dos vínculos familiares en Corcubión.

Non lle faltaría hospitalidade ao poeta, que contaba entón 32 anos. Unha pescuda exhaustiva nos libros parroquiais de Santa María de Laxe e San Marcos de Corcubión permiten saber que unha tía materna de Pondal, Josefa Abente y Chans, casara en 1829 en Laxe, de onde era ela, co corcubionés Antonio Freire de Andrade, apelidos case todos máis ou menos documentados aínda na vila. O matrimonio pertencía, como cabe supoñer, á elite social, xa que o licenciado Antonio -«natural de la Villa de Corcubión»- era «profesor en Leyes» pola Universidade de Santiago, segundo consta no seu expediente universitario; é necesario advertir que a expresión profesor non significa aquí docente, senón alumno que profesa nunha disciplina, neste caso no Dereito Civil no que se graduou de bacharel. Antonio era, en fin, «licenciado abogado de los Reales Consejos, vecino de la Villa de San Marcos de Corcubión», conforme consta na súa partida de matrimonio.

A tise pulmonar levou a Josefa con 54 anos, en 1860, non moi vella pero si prolífica, dado que pariu doce fillos, xa que logo doce curmáns de Pondal, aínda que algún xa morrera tamén á altura de 1867, cando visita Corcubión. Varóns foron oito, entre eles Florestano José Gregorio, Jesús María Leandro, Constantino María Franco (morto tamén de tise en 1869), Gerardo Tomás María, Salustiano José María (de novo a tise en 1870) e Ricardo.

Posición social

Dá fe do estatus social da familia o feito de que un dos fillos, Florentín María, recibiu na pía bautismal o nome do seu padriño, Florentín Fraile, que era entón «Alcalde Mayor de esta Villa y su Partido»; a madriña era a súa muller, María Santos Carrera -apelido este de sona en Corcubión-, ámbolos dous naturais de Valladolid. Igualmente, os tíos de Pondal apadriñaron a unha tal Jovita Juana María de Haz y Pou, apelidos cataláns que remiten tamén á flor e nata da sociedade corcubionesa, xa que a nena era filla de Carlos de Haz y Oliver e Francisca Pou, residentes en Corcubión pero naturais da vila de Calella, en Girona; isto é, os Freire de Andrade-Abente creaban vínculos cos fomentadores cataláns, establecidos desde un século atrás en Fisterra e Corcubión para explotar a salgadura da sardiña.

Cabe sinalar, asimesmo, que outro fillo, Antonio Esteban José, foi cura patrimonista de Santo Estevo de Lires, e precisamente un ano antes das cartas de Pondal era xa párroco desta parroquia ceense. Por certo que en 1890, un párroco apelidado Andrade, quizais este fillo ou outro familiar, sinala que as cinzas de Josefa foran «trasladadas al nicho nº 6 de mi propiedad, en el Panteón letra A»; sete anos máis tarde pónselle unha lápida de mármore.

Tivo tamén Pondal curmás corcubionesas: Concepción Josefa, María Purificación Francisca, Juana Paulina e María del Carmen Camila. E o poeta compartiu coa súa curmá Juana o mesmo padriño: Eduardo Abente, cura párroco de San Amedio de Bamiro, tamén el poeta, aínda que nada se conserva da súa obra, salvo quizais dúas estrofas gravadas na súa tumba e nun banco de pedra, e das que xa se falou nestas páxinas hai tempo.

Moi arroupado

En fin, moi arroupado tería que sentirse Pondal en Corcubión. Da información coa que se conta non parece que estivera na vila debido ao pasamento de ningún membro da familia.

Non lle faltaría onde aloxarse nin tampouco a quen demostrar as súas inquedanzas culturais e as súas dotes de poeta. Imaxinámolo no salón da acomodada casa familiar, entregado ao parladoiro co tío Antonio -a tía xa morrera- e con algúns curmáns, transmitindo os saúdos familiares da «pequena Ponteceso» e de «Laxe a areosa».

Sirva esta modesta aportación para coñecer novos datos da biografía do poeta do que se celebra este 2017 o centenario do seu pasamento. Quedan aínda moitas zonas escuras da súa vida por alumear no futuro.

«Non lle faltaría hospitalidade ao poeta, que contaba entón 32 anos»