Soños feitos realidade

francisco javier lema

CORCUBIÓN

José Manuel Casal

«A imaxe dun lobo non se borra xamais. A súa face, a súa mirada, o seu trote...»

04 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Convivo nun pobo pequeno, tan pequecho que case nos coñecemos todos. Vivo nunha vila belida e marabillosa. É un fermoso porto, cunha praia hoxe urbana. Sitúase no extremo sur da Costa da Morte. Ten como brazos da ría ao Cabo Fisterra e o monte Pindo. Como sentinela, á Illa Lobeira. Nela pódese desfrutar tanto do mar, coma do monte. Aquí nacín nos 60, nunha familia de catro irmáns e uns pais admirables, cariñosos e traballadores. Medrei entre amigos, na rúa, xogando á churra, á partida e ao fútbol nas leiras. Algúns tiñamos certa tendencia a ir ver ós coellos ao Prado do Monte ou poñer trampas para coller torcaces, rulas, pardais e verderolos, en Archilos. Tamén fun dos que papei a OJE, a Vía Crucis e ata a misa do Galo do Nadal. Por aquel tempo, acercabámonos ata o Cuartel da Garda Civil cando traían nos remolques dos Land Rovers os lobos abatidos, para dar conta deles na «Junta de Exterminio de Alimañas». Chamaba a atención a robustez do seus corpos, sobre todo o pescozo, as espesas pelambreras e a formidable dentición, cuns cairos sobresaíntes.

Migrei a Santiago e León para a miña formación académica, pero Corcubión sempre o levei dentro. Viña cando podía. Nos veráns sempre subía á Moa do Pindo e ía á Illa Lobeira. Contemplaba con frecuencia andoriñas e araos, hoxe desaparecidos. Compaxinei os meus estudos co fútbol, xogando no equipo do pobo case trinta anos. Fun por letras ata COU coa intención de matricularme en Dereito pero ao final puido máis a miña vocación e entrei en Veterinaria. Rematando a carreira, finou o meu pai e prometinme facerlle honra. Licencieime neste mesmo ano e dezaseis despois dediquei parte do meu tempo libre, e algo máis, á vida pública municipal. Tiña cumprido dous grandes retos.

Desde que tiven certa autonomía, viaxei cos amigos a coñecer a fauna dos grandes espazos naturais da Penísula Ibérica (Ancares, Picos de Europa, Ordesa, Doñana, Cazorla...). A fascinación que sentía cando observaba aos grandes depredadores e a influenza que sobre min exercían os programas de Félix Rodríguez de la Fuente, convertéronme nun adicto e incansable naturalista. Na Costa da Morte desapareceran as grandes aguias, os osos e os linces. Descoñecía o estatus poboacional de falcóns, azores, tartarañas, lagarteiros, miñatos,... Oía falar do lobo, pero parecíame que era imposible avistalo e menos estudalo. Supoñía que habería poucos porque non existían herbívoros silvestres para a súa depredación. Cando empecei a exercer como veterinario clínico tiven que atender algún caso de poldros e ovellas feridas polos lobos na zona de Buxantes, Bardullas e Touriñán. Coñecín a quen tivo dous lobos en catividade: un morréralle de Parvoviros e do outro desfíxose porque atacaba as ovellas dos veciños. Entón, empecei a ter datos directos da súa existencia. Aínda así parecíame un soño imposible.

Os meus tres primeiros lobos

Non foi ata o 1996 cando puiden tocar e explorar a un lobo morto. Grazas ao meu gran amigo de sempre, case un irmán, que mercaba gando nas aldeas, conseguiu que vira e manipulara un lobo, un verdadeiro Canis lupus signatus. Non daba creto. Fora abatido a pleno día cando intentaba atacar unhas ovellas. Tiña impactos de postas no tórax e na cabeza. Pero o verdadeiro despegue no estudo deste cánido foi nos monte de Soneira. Coa desafortunada desaparición dunha nena autista no monte Faro, outro amigo e naquel momento profesor no instituto de Vimianzo, mostroume os restos dun lobato abatido por disparos de perdigón que tiñan encontrado na desesperada busca da rapaza. Ademais contoume da presenza frecuente dos depredadores neste montes, cheos de bestas e poldros. Comecei, naquel entón, unha singradura que aínda perdura, de saídas ao campo para espreitar o lobo. A miña insistencia deu froito. Un sábado que marchei ata estes montes, encontreime cunha egua morta no parto e o poldro non nato ao seu lado. Unha semana despois volvín e atopeinos medios comidos. Fixen unha espera a unha distancia prudencial. Despois dunhas horas, cunha forte sarabiada e un frío que pelaba, entrou a comer un carnívoro. Pronto me decatei de que era un raposo, un macho grande coa pelaxe de inverno. Fermoso. Non deixaban de vir corvos, pero do lobo, nin rastro. Cansado, levantei a espera. Fun ladeira abaixo ata unhas ruínas das casetas dunha antiga mina. Xa o sol entrelucía nas nubes que quedaba ás miñas costas. Parei. Pousei os aparellos e a mochila. De pronto, a uns centos de metros ladeira arriba, na zona da egua parcialmente devorada, vin dous lobos deambulando. Non, ¡eran tres! Cos anteollos non parei de miralos. Os meus tres primeiros lobos en vivo e en directo. Entón acendín a cámara de vídeo e comecei a gravar. O nerviosismo e a emoción eran infinitas. Aínda é hoxe o día que me segue pasando cando vexo un lobo. A imaxe dun lobo non se borra xamais. A súa face, a súa mirada, o seu trote, é algo característico e peculiar. Despois viñeron máis avistamentos. Pegadas, excrementos, restos de presas,... foron completando datos para definir unha manada forte e o seu territorio. Chegáronse a ver ata sete individuos xuntos. Era o punto de partida.

Logo rexistrei novos territorios, novas manadas, ata completar entre 8 ou 10 territorios nunha superficie de 1.100 quilómetros cadrados da Costa da Morte. Hoxe en día facémolo en grupo, con biólogos especialistas, usando técnicas contrastadas. Varios lobos foron radiomarcados con colares GPS-GMS que dan unha información real da súa localización. Vanse obtendo datos fiables dos seus hábitos alimenticios, da conduta, das súas cochas, dos seus ritmos de actividade, dos seus lugares de cría... Incluso estase a facer un mapa xenético para poder establecer a pureza xenética dos lobos que habitan a Costa da Morte. É máis, estanse perfilando métodos indirectos para poder coñecer de que manadas procede cada individuo que marca un territorio. A verdade é que nunca pensei chegar a ter tantos datos sobre os lobos da nosa terra, pero tamén sei que falta moito por coñecer. Os gandeiros mírannos coma se fosemos intrusos, inimigos, que lle damos de comer e soltamos lobos, pero nada máis lonxe da realidade. Apaixónannos os lobos e nesta zona dunha gran dispersión humana no medio rural, o lobo foi capaz de sobrevivir e adaptarse nunha convivencia próxima co home, que necesita dun estudio profundo e científico, para intentar dar solucións para a súa xestión. Outro soño cumprido, feito realidade. O tempo vai pasando. A satisfacción dun traballo feito, dunha ilusión cumprida, vai encamiñando a cada persoa na necesitade dun descanso, dun letargo que relaxe as ansias propias da esencia do ser humano, que non vén sendo outra cousa máis que o coñecemento do que nos rodea.

Francisco Javier Lema Fuentes. Naceu en Corcubión no 1964. Veterinario de profesión, foi alcalde do 2003 ao 2007 e do 2008 ó 2015. É un apaixonado naturalista, como aquí detalla.