Cochiño, París de Noia, Los Satélites e moito máis o vindeiro 25 de xullo en Cerceda
CERCEDA
O Concello organiza unha nova edición, a 28.ª, da súa tradicional celebración gastronómica: das 14.00 horas en adiante, festa todo o día
08 jul 2026 . Actualizado a las 13:09 h.O calendario de celebracións estivais da Costa da Morte e mesmo de Galicia, sobre todo se de gastronomía se fala, xa non se entendería sen a Festa do Cochiño de Cerceda. A cita, organizada polo Concello en colaboración con Turismo de Galicia, Galicia Calidade, Turismo da Deputación da Coruña e Mancomunidade de Ordes, chegará á súa 28.ª edición o vindeiro sábado 25 de xullo, coma sempre no lugar do Acevedo, á beira do parque acuático Aquapark.
O xantar popular, a base de cochiño como produto estrela, churrasco, polbo e outros produtos da cociña galega, botará a andar a iso das 14.00 horas, cun custe de 15 euros por ración, e tiques á venda dende hoxe mesmo ata o 21 de xullo: de 09.00 a 21.00, no Viveiro de Empresas do Acevedo. Nunha verbena madrugadora, Los Satélites e París de Noia comezarán ás 20.00 horas a súa actuación, se ben moito antes haberá xa animación a cargo de Faíscas da Pontraga e da charanga Santa Compaña. O programa deixa tamén sitio para a artesanía, co mercado Brota do Norte, mentres que os máis pequenos terán inchables gratuítos. Dende un par de días antes, 23 de xullo, poderanse facer as marcas de parcelas para as carpas.
«A Festa do Cochiño é xa un clásico do noso verán e un motivo de orgullo para todo o municipio. Falamos dunha celebración que leva case tres décadas reunindo á xente arredor da nosa gastronomía e das nosas tradicións, e ese é o mellor reflexo do arriago que ten entre a veciñanza», apunta o rexedor, Juan Manuel Rodríguez. Pode revivir a edición do 2025 neste álbum.