Plumas con mando | O noso compromiso

Juan Manuel Rodríguez

CERCEDA

Ana Garcia

Escribe o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez | O derrube da torre de refrixeración da térmica de Meirama pecha unha etapa e abre outra igual de ilusionante

18 dic 2022 . Actualizado a las 19:57 h.

O derrubamento da torre de refrixeración da antiga central térmica de Meirama pecha a nivel simbólico unha etapa, nun espazo que se está tramitando como polígono industrial. Dende que tomei posesión, en febreiro de 2020, circunstancias alleas á xestión do Concello fixeron que o mandato non fose aburrido. Decidimos afrontar coa mellor das disposicións as consecuencias do covid-19, os efectos do peche da central térmica ou a alza dos prezos causada en parte pola Guerra de Ucraína. Supoño que a iso lle chaman resiliencia. Cos recursos públicos que mantivemos, tratamos de impulsar unha política ao servizo da xente. A mellora en accesos, a mobilidade peonil mediante múltiples quilómetros de beirarrúas ou sendas e a habilitación de espazos e edificios con significación fainos sentir especialmente orgullosos. Pero tamén a posta en marcha das axudas á natalidade, a maior dotación económica para o servizo de axuda no fogar, o feito de non deixar a ninguén tirado ante o covid-19 ou a estreita colaboración cos centros de ensino público (e en consecuencia investimento). Fomos capaces diso e moito máis, nunha Cerceda que dende o inicio da pandemia incrementou o alumnado en 48 nenas e nenos, mentres Galicia perdeu máis de 4.000 no último curso.

Pero o Concello de Cerceda é capaz de desenvolverse tanto como a economía o permita, de aí a orientación dos nosos pasos nos últimos anos. O cambio de sistema de parte do polígono do Acevedo, de cara a completar a súa xestión e cooperar coas empresas alí situadas, é un exemplo. Outro é a defensa do terreo da antiga central térmica como espazo para o solo industrial xa previsto dende hai máis dun ano. Unha zona con 58 hectáreas das cales a metade se encamiñaría cara as futuras plantas de biogás e hidróxeno verde, dous proxectos que me consta que están ben vistos dende a Xunta e o Goberno central. A gran ilusión xerada polas cifras de emprego hai que canalizala a través dun factor fundamental: a formación. É esencial que a mocidade se oriente ás oportunidades que vai brindando o territorio. Os datos de investimento proxectado son extraordinarios se sumamos tamén á central hidroeléctrica reversible e os parques eólicos. Con respecto a estes últimos, hai que comprender o seu papel como parte estrutural da transición enerxética, importante para o presente e o futuro. Pero sempre digo que existe unha problemática autonómica que é preciso corrixir: o plan sectorial eólico, dado que a regulación vixente está inadaptada ás condicións actuais. Precisamente nestas semanas, coma noutras ocasións, o Concello está elaborando informes e alegacións, empregando técnicos e recursos económicos para protexer aos núcleos de poboación e a soberanía local. É algo do cal se teñen que dar conta as Administracións con competencias para a aprobación dos parques (a Xunta por debaixo dos 50 megavatios, e o Goberno central por enriba). Galicia ten que apostar moi forte pola eólica, e dígoo moi claro, pero de modo que non sexa un agravio.

Oportunidades

No actual contexto, o privilexio case exclusivo do noso concello é ter oportunidades de emprego e crecemento económico excepcionais, polas que se leva traballado moi duro. As Pontes e Cerceda están nun momento ante o cal se xogan ser vilas de referencia para as próximas décadas. Queremos deixar unha Cerceda máis grande, que aproveite a creación de riqueza e emprego de cara a medrar e seguir desenvolvendo todas as cuestións de interese público. Ese día a miña misión estará cumprida, polo que a determinación é total. Invitamos a todas as persoas a remar nesa dirección, en positivo. Anímovos a buscar na versión dixital da Voz de Galicia a columna que firmei hai máis de dous anos nesta mesma sección, a cal se titulaba «A industria para nós é esencial». Define os pasos que viñemos dando nos últimos tres anos e medio. Fomos capaces de soster o mesmo discurso durante este tempo.

Creo que o compromiso e o mantemento do argumentario son dous factores que hoxe fan máis falta que nunca en política. Sobre todo para quen, coma nós, xestiona as institucións. Cando quen goberna conserva a súa posición con palabras e feitos, acrecenta dúas máximas: a identidade e a credibilidade. Quero que saibas quen son, e traballo para que creas en min.