Carta aberta a Suso

Ramón Vilar Landeira

CERCEDA

MARCOS CREO

07 ago 2022 . Actualizado a las 19:59 h.

Suso, escríboche esta carta porque debes sabelo de primeira man. A xente anda algo nerviosa: a maior, a máis moza e tamén a que quere selo. Son conscientes de que este primeiro sábado de agosto non é un día máis. Todo o mundo está poñendo o seu granciño de area. Non é para menos, o Rodís Fútbol Club, con pandemia mundial polo medio, preséntase en sociedade tres anos despois da súa refundación.

Van xa oito meses dende que emprendeches a gran viaxe e, aínda que sabiamos que era inaprazable, a saudade é grande. Négome a que esta sexa unha carta triste, porque ti non o eras. Prefiro lembrar esa gargallada inconfundible que se espalla coma un batallón de paxaros amigos. Foches bo e xeneroso, incluso cando a vida escribía coa súa peor caligrafía.

Es parte dunha xeración que nunca renunciou ás súas orixes. Que se mantivo unida mentres na parroquia, coma en tanta outras, campaba a desesperanza e a falta de autoestima. Mais sabías (sabemos) que, incluso nos tempos de invernía e tellas caídas, é importante terlle un carreiro aberto á primavera. E iso intentamos transmitírllelo, con maior ou menor éxito, aos que viñan detrás.