Camiñando, desde as aulas, cara un mundo máis respectuoso co entorno

María Meizoso CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

Cedida

Ecovoz | O colexio de Cerceda, que participa no programa Recíclate con Sogama, organiza durante o curso diferentes iniciativas

21 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Como director do colexio plurilingüe da Silva, en Cerceda, asume a súa responsabilidade no tocante á educación medioambiental dos alumnos que acceden cada día ás aulas do centro. Máis por convición que por obriga explica que cada curso, a través do equipo de dinamización da biblioteca, defínense os pasos a dar, as iniciativas que centrarán a súa actividade durante os meses que se prolonga o curso académico. E queda claro que as tarefas que comprometen e conciencian, aínda máis, aos seus alumnos impregnan a maioría das ideas que xorden e que se acaban desenvolvendo.

Este ano, o colexio é un dos que participa no programa Recíclate con Sogama. Ata o de agora, lembra Rodríguez, «tivemos dúas charlas informativas sobre reciclaxe». A primeira, en outubro: «Fixémola coincidir co Día das Bibliotecas». Nese contacto, relata, «representantes de Sogama faláronnos do programa que teñen eles e que nos leva a insistir na idea de reducir, reciclar e reutilizar».

A segunda celebrouse en xaneiro. Nesa ocasión, a cita centrouse na funcionalidade do contedor marrón. Carballo, A Laracha e Cerceda —municipio no que se sitúa o centro— foron as localidades pioneiras en instaurar o sistema de recollida de residuos orgánicos domésticos. 

A patrulla eco

O CEIP Celso Emilio Ferreiro da Silva conta coa súa propia brigada de control medioambiental. A patrulla eco está integrada por alumnos de cuarto e quinto de primaria, que «dúas veces á semana encárganse de recoller nas distintas aulas o que outros rapaces depositan en mini containers. Pasan cinco minutos antes dos horarios de lecer e lévano ata unha illa con tres containers básicos que nos cedeu Sogama e que está colocada na entrada principal do colexio».

A patrulla seguirá en funcionamento durante todo o curso, pero as iniciativas medioambientais impulsadas polo centro educativo non se limitan a esa idea. A finais de marzo, chegará Rosco ao rescate. Misión salvar a natureza. A sesión, impartida pola Casa Grande de Xanceda, «estará protagonizada por un ourizo que se chama Rosco e que loita por salvar a natureza impulsando certas cuestións como a polinización ou a biodiversidade».

Antes de Rosco, chegará O Entroido e no colexio xa teñen previsto utilizar materiais reciclados para elaborar os disfraces que se van confeccionar.

«Os rapaces son os primeiros en pedir nas casas que se recicle, son un fantástico exemplo» 

O concepto ecoloxista, a etiqueta que define cando algo é sostible vai moito máis alá do que a priori un pode pensar. No colexio Celso Emilio Ferreiro apostan pola economía circular do modo máis amplo, tamén desde o punto de vista da arquitectura e da mobilidade dos seus alumnos. O proxecto de crear unha aula postcovid é só un exemplo da visión integradora do centro. Tal e como explica Rodríguez, «entra dentro do plan de arquitectura pedagóxica». Así, da man do arquitecto Fermín Blanco, o sistema Lupo do Centro de Formación e Recursos (CFR) da Coruña xa se deixa sentir coa remodelación dunha das aulas do colexio. Cal é a finalidade? «Trátase de establecer como deben ser as aulas dun futuro relativamente próximo», subliña o director. No seu caso, aproveitarán que gozan no exterior de moito espazo verde. «Abrimos a aula cunha porta de saída máis ampla e, ao tempo, tamén poderiamos usar os patios como aulas». Ademais, teñen previsto remodelar os espazos interiores para que as mesas individuais dean paso ás hexagonais e incluso octogonais.

Toda a comunidade educativa vólcase nos proxectos medioambientais que impulsa o centro e Rodríguez presume diso: «Esta é unha comarca moi dispersa e os rapaces son os primeiros en pedir aos pais que se recicle na casa. Son un fantástico exemplo».