Juan Manuel Rodríguez, alcalde de Cerceda: «Hai unha débeda histórica con Cerceda polos millóns perdidos co Plan Miner»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

Ana Garcia

BALANCE DO ECUADOR DO MANDATO: «Estaremos vixiantes para que se cumpra o plan de transición xusta», di o socialista. Así se pronuncian, doutro lado, os portavoces da oposición (PP e BNG): non son as súas palabras positivas

26 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O socialista Juan Manuel Rodríguez García (Cerceda, 1990) é alcalde cercedense dende o 12 de febreiro de 2020: colleu o bastón de mando apenas un mes antes de que o Goberno decretara o estado de alarma e confinamento por culpa da pandemia. O rexedor cualificou este primeiro ano do que é o seu mandato -o ecuador computando o ano que estivera con anterioridade José García Liñares- de forma «moi positiva».

-Como valora a relación institucional cos representantes da oposición?

-Correcta. Son dos que digo que hai que separar o persoal do político. E teño unha cousa clara: os meus rivais políticos non son os meus inimigos. Ante todo, o máis importe, é o respecto.

-Que destacaría do seu mandato?

-Habida conta da situación xerada polo covid, este goberno foi capaz de manter o seu nivel de investimentos en obras e o mantemento de todas as infraestruturas. Falamos de que nun ano acometemos e licitamos tres millóns de euros en actuacións. Atendemos unha poboación máis empobrecida pola pandemia, estivemos máis preto dos nosos veciños e reforzamos os departamentos de Servizos Sociais. E todo iso, cun peche da central térmica que, entre outras cousas, supuxo unha perda de postos de traballo e de ingresos municipais, xusto no momento que máis recursos facían falla para atender todas as incidencias derivadas do covid.