«O trazado da futura Vía Verde conserva a pegada do que foi»

A asocaición Dacabalo organiza para hoxe e mañá unha ruta ecuestre pola antiga vía de tren a Santiago


CARBALLO / LA VOZ

Unha quincena de xinetes dos arredores de Coruña iniciarán hoxe a expedición ecuestre Escornabois 2020, seguindo o trazado parello ao leito do río Lengüelle, a antiga vía de ferrocarril a Santiago que pasaba por Cerceda, e futura Vía Verde. Co patrocinio do Concello cercedense e a colaboración dos centros hípicos O Bosque da Estrela e Club Hípico de Morás, reuniranse en torno á unha na vella estación de Meirama. Dende aí irán abríndose paso. Mañá, sobre as 19.00, contan con estar en Compostela. O xornalista xubilado Santiago del Valle, lucense de nacemento e residente na Coruña dende finais dos setenta, preside a entidade organizadora desta proposta que reivindica a protección e recuperación da paisaxe cultural asociada á antiga vía de tren e ao seu entorno.

Esta Vía Verde, ademais, enlaza co Camiño Inglés a uns cinco quilómetros de Santiago, cerca do polígono do Tambre. Dende a entidade indican que ofrece unha boa opción para chegar ata Compostela, pero que tamén pode ser unha interesante alternativa de retorno para os peregrinos desa ruta, ou para aqueles que despois de chegar a Santiago por outros Camiños queiran rematar a experiencia chegando ata o mar.

-Que cometido ten Dacabalo?

-Somos unha entidade pequena, de xente afeccionada a andar a cabalo e, ademais, interesada na recuperación de rutas naturais e históricas. Empezamos a traballar xa aló polos anos noventa e fomos pioneiros na identificación do que hoxe é o Camiño Inglés, antes de que fose recoñecido oficialmente. Contribuímos a ese recoñecemento. Ás nosas expedicións chamámoslle Escornabois: tomamos esa icona, a do vacaloura, unha especie en extinción, simbólica e asociada a efectos benéficos en moitas culturas. Coñecemos o entorno da Vía Verde, e de aí este Escornabois 2020. É o trazado da antiga vía de tren ata Santiago e leva máis de vinte anos abandonada, sen funcionar. Levantaron raís e travesas e hoxe hai zonas que a xente usa e outras que son case unha selva. Hai lugares nos que, por toxos de metros, perdes un quilómetro de Vía Verde. Fixemos un estudo, limpamos algún treito e o que faremos será seguir este itinerario e, cando sexa preciso, algún camiño auxiliar.

-Como é esa ruta?

-Segue o río Lengüelle, é unha ruta moi bonita na que se dá a circunstancia de que, máis ou menos á metade do camiño, está a Presa de Castenda [entre os concellos de Ordes e Tordoia]. Foi unha presa histórica, un lugar onde se bañaban os veciños das parroquias próximas, algo de sempre. A apenas un quilómetro da presa naceu precisamente Isabel Zendal [a enfermeira que levou a vacina da varíola a América]. Esa presa rompeu hai dez anos, nunha enchente do inverno e cremos que non custaría moito arranxala: sería a recuperación dun espazo natural. O que defendemos é a recuperación da Vía Verde e do seu entorno, da súa paisaxe cultural. Unha ruta feita a partir dunha vía de ferrocarril que se converte noutra cousa conserva a pegada de toda a historia do que foi, os túneles, as pontes... Tamén nesa pegada están lugares como a Presa de Castenda, un espazo de séculos. Ese é o obxectivo. Deixaremos unha sinalización básica, por se alguén quere animarse, e tamén o difundiremos vía Internet, para animar á xente a que a faga. A calquera que lle guste o trekking ou andar en bici de montaña ten aquí una ruta estupenda. Por suposto, tamén a cabalo, máxico.

-Hai xa moito tempo que se fala da futura Vía Verde, mesmo hai só uns días, cos concellos implicados encomendándolle á Deputación as obras precisas.

-No 2000 xuntáranse para decidir recuperala. No 2008 volveron reunirse e encargaron un proxecto. No 2018 decidiron a quen... Estamos no 2020... Hai dúas cuestións: unha é unha recuperación integral, con áreas de descanso, que é o que habería que facer e sería perfecto, pero mentres tanto unha limpeza básica xa permite gozar da ruta. Nós imos facelo moitísimo, dende logo.

-Á ruta que comeza hoxe pode sumarse algún xinete ou trátase dun grupo pechado?

-Se alguén quixese acompañarnos nalgún tramo, para coñecer a ruta, non habería problema, pero non podemos ampliar demasiado o grupo por cuestións loxísticas.

-Tiveron boa acollida en Cerceda?

-Si, o Concello patrocina esta iniciativa, pareceulles moi interesante. Incluso poida que nos veñan despedir á antiga estación.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«O trazado da futura Vía Verde conserva a pegada do que foi»