«O Bergantiños precisaba un cambio profundo, agora estamos ao 80 %»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

BASILIO BELLO

Os carballeses buscarán regresar á parte alta da táboa e aspirar a subir de categoría

03 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Un renovado Bergantiños volverá aos adestramentos o vindeiro 17 de agosto, tras finalizar unha campaña cuns resultados insatisfactorios e deixando ao club nunha posición que dista moito do Bergan que viña de xogar tres fases de ascenso consecutivas. O adestrador, José Luis Lemos (Santiago, 1970), analiza a vindeira campaña, os cambios no cadro de xogadores e como será a Terceira sen o Compostela.

-Como afrontan a tempada?

-Con moitas dúbidas, primeiramente polo formato da competición; pero tamén por toda a situación sanitaria, que de seguro afectará tanto á maneira de adestrar como á de competir. Son moitas dúbidas, pero independentemente de como sexa, temos claro que queremos estar na parte alta da clasificación e xogar polo ascenso. Eses son os nosos obxectivos a nivel deportivo.

-Chegaron a pensar como sería unha tempada sen público? É un factor importante, sobre todo a nivel psicolóxico e anímico.

-É un aspecto moi importante creo que para todo o deporte en xeral e por iso mesmo: por un aspecto máis psicolóxico que do propio xogo. De non haber público -que aínda non se sabe- sería estraño; pese a que hai campos de Terceira nos que non hai tanta afluencia como para que se note moito. En Carballo hai partidos con moi boas entradas, así que a ver se se pode conseguir.

-Sobre todo, para estrear a nova grada que se está a construír.

-Si [ri], sería terrible inaugurar unha grada xusto cando non pode haber público.

-Non teñen aínda unhas indicacións, aínda que sexan preliminares, de como será a liga?

-De momento non temos nin fecha de inicio; apúntase a finais setembro ou comezos de outubro, pero supoño que nas próximas semanas se especificará. Nós estamos pensando en comezar a pre-tempada con tempo suficiente, aínda que despois nos pasemos algo.

-Cando comezan a adestrar?

-Será o 17 de agosto.

-Terán ganas de coller ritmo...

-Si. Sempre que te vas de vacacións do fútbol tes ganas de volver, pero sobre todo nesta situación, pola maneira na que nos fomos e con todo o que sucedeu despois. Temos ganas de volver a facer un pouquiño máis normal a nosa vida e co fútbol formando parte dela, pese a que sabemos que non será como antes.

-Como se presenta unha Terceira sen o Compostela? Houbo tempos nos que pugnaban por uns mesmos obxectivos.

-Creo que se presentará máis aberta. Ao final sempre aparecerá algún equipo para a parte alta da táboa e que pelexe por volver a Segunda B. O Compos, nos últimos anos, era un fixo no play-off e nos primeiros postos; pero, aínda que non estea, sempre aparecerán equipos que pelexarán por estar arriba.

-Onde precisaba o Bergantiños un maior reforzo?

-O equipo necesitaba, baixo o meu punto de vista, un cambio profundo. A tódolos niveis e con diferentes perfís de futbolistas: por aí fomos construíndo este novo Bergan. Quédanos aínda algunha incorporación, pero temos xa o cadro ao 80 %. Tratábase de darlle un cambio a un equipo que viña de facer unhas boas tempadas pero que este ano non rendeu como se esperaba.

-Cal cre que foi o motivo?

-É difícil que eu o valore, ao chegar en xaneiro, despois de dous adestradores e practicamente en postos de descenso. Pero cando un equipo está feito para estar arriba e non comeza ben, empeza a facerse unha bola da que cada vez é máis difícil saír. Esa ansiedade por non verte cos primeiros equipos pelexando polo que era o teu obxectivo acaba pasando factura.

-Cun cadro tan renovado precisará un tempo de adaptación para formar piña.

-No meu caso, estou acostumado a traballar con cadros practicamente novos. Neste caso hai 7 baixas, dos 17 que había, co cal queda unha base importante. Dos futbolistas que trouxemos, por exemplo, tanto a Carlos como a Uzal xa os tiven comigo noutros equipos -en concreto, no Cerceda-, co cal xa sei como traballan.

-Chegou a metade de tempada, pero agora ten ocasión de emprender un proxecto propio.

-Ao final é o que todos queremos: iniciar proxectos nosos e tomar as decisións fundamentais. A esixencia tamén é máxima, pero como adestrador sei que levarei un equipo que partirá entre os favoritos e iso é algo que hai que asumir dende o principio.

-Experiencia en Terceira, tena.

-Si, sobre todo ultimamente tanto co Boiro como co Cerceda, que eran clubs que pugnaron sempre por ascender e por estar na parte alta da clasificación. Esa experiencia está aí. Sempre hai que ser humildes, pero tampouco esconder que o obxectivo é ir a por todas.