Juan Manuel Rodríguez: «Liñares sempre será un referente, pero as decisións tomaraas o noso goberno»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

ANA GARCIA

«Hai que apuntalar o que está feito sen renunciar a afrontar novos retos», apuntou o novo rexedor de Cerceda

16 feb 2020 . Actualizado a las 20:37 h.

Ten 29 anos, é licenciado en Socioloxía, ten un máster en planificación e xestión de destinos turísticos e é afiliado ao PSOE dende o 2012. Incorporouse ás listas nas municipais de 2015, pero nun discreto posto de suplente. O gran salto deuno en maio de 2019 cando José García Liñares situouno no número dous, accedendo así á carteira de Benestar. A condena por prevaricación administrativa de Liñares abriulle as portas da alcaldía. A agrupación local avalouno e o mércores ratificouno o pleno, convertendo a Juan Manuel Rodríguez García no alcalde más novo da Costa da Morte. Agora afronta retos moi importantes para Cerceda, pero faino co aval da maioría absoluta da que goza o PSOE.

-Que lle comentaron os seus pais cando dixo que sería o alcalde?

-Os meus pais sempre sentiron unha gran admiración por Liñares, pero trato de mantelos á marxe do traballo. Isto foi algo que foi madurando co tempo e creo que eles se foron concienciando pouco a pouco. Agora lévano con normalidade.

-Por que entrou en política?

-Estudaba Socioloxía e a política serviu para canalizar algunhas inquedanza que levaba dentro. A socioloxía, como ciencia social, non deixa de ter no fondo unha gran vinculación coa política.

-Por que o PSOE?

-A nivel municipal, sempre tiven una gran admiración polo que se fixera no meu pobo. Non só na mellora dos servizos sociais, infraestruturas e os investimentos, senón pola capacidade de manter todos estes activos. Moitas veces é máis importante manter o que tes, que acadar novas cousas.

-En abril, cando a Audiencia Provincial aínda non se pronunciara polo recurso de Liñares e, polo tanto, non se sabía se podería presentarse á reelección, vostede xa era a alternativa?

-Non había nada oficial, si que había certo runrún. Cabía esa posibilidade, pero eu sempre me centrei en estar alí onde se me requirise.

-En maio de 2019 foi de número dous, por riba de xente con maior bagaxe e traxectoria política.

-É certo, pero eu represento a unha parroquia [Cerceda] que sempre estivo en postos moi elevados. Pero a min, os números non me din nada, sempre me importou máis o feito de ser e aportar, que de estar e iso sábeno moi ben as persoas que me coñecen.

-Como viviu todo aquilo do rexeitamento do recurso de Liñares por parte da Audiencia Provincial?

-Evidentemente foi complicado. Hai que respectar as decisións xudiciais, pero persoalmente pareceume unha inxustiza. Entristéceme porque por riba de todo eu sinto moito cariño, respecto e admiración por Liñares. Fóra do emocional, todo isto leveino con tranquilidade.

- Ver emocionarse a Liñares na súa despedida...

-Creo que foi pola situación xerada na rolda de prensa. Afloraron sentimentos, son moitos recordos, moitos anos representando ao Concello... As formas, ao mellor, non foron como a el lle gustaría. El fixo moitas cousas por Cerceda, pero eu a Pepe vino ben, tanto antes daquela rolda de prensa, como despois. O que creo que transcendeu daquela emoción é o amor que tiña, e ten, por Cerceda, algo que eu xa imaxinaba, pero estes meses no goberno permitíronme ver de preto que Pepe [Liñares] puxo Cerceda e os intereses dos veciños por riba de todo.

-É un marrón coller agora a alcaldía?

-Non. As cousas pasan e o que hai que facer é mirar cara adiante. Non hai que centrarse no negativo, senón no positivo. Hai moitas cousas polas que pelexar e é un reto de moita responsabilidade, pero tamén de orgullo persoal por ter a posibilidade de representar aos meus veciños. E a nivel de alcaldía, haberá un período de adaptación e de transición, pero se estou aquí é porque creo que estou capacitado para facelo. Pero isto non é cousa só miña, hai un grupo comigo, nos que todos teremos que dar un paso cara diante e facelo o mellor posible.

-Quen a vai levar a partir de agora a súa carteira de Benestar?

-Estamos pendentes da reorganización das áreas de traballo, pero a miña intención é que a leve outra persoa, pero non o podo dicir agora porque depende do que ditamine todo o grupo.

-Ser o alcalde máis novo da zona é unha vantaxe ou inconvinte?

-Unha anécdota, bonita en todo caso.

-Xa ten claro cales serán as súas liñas mestras de goberno?

-Cerceda é un referente no emprego, un concello coa taxa de paro máis baixa de toda a contorna e tamén é un referente en servizos, benestar social... Infraestruturas impropias dun municipio co peso demográfico de Cerceda e, polo tanto, é un concello moi avanzado. Non quero dicir con isto que xa está todo rematado, pero si creo que hai que apuntalar o que está feito sen renunciar a seguir facendo cousas novas. Se teño algo claro é que non sucedo a un alcalde calquera, senón que o fago de alguén que deixou o listón moi alto, cunha sombra moi alongada. O avance e o crecemento de Cerceda non se entenden sen Pepe. Ademais de emprego, as miñas prioridades son os servizos sociais, sobre todo benestar, mellorar as infraestruturas e manter todo o que se acadou ata o de agora.

-Como alcalde novo que é, pensa recorrer á experiencia de García Liñares?

-Hai que deixar clara unha cousa: Pepe ten moitos coñecementos, é unha persoa de moita confianza para nós, que tivo moitos asuntos da súa man. E é unha persoa absolutamente vixente no eido político. Sería moi inxenuo para os que quedamos non escoitalo e non ter en conta a súa opinión, A súa voz será sempre relevante... Eu sempre son dos que digo: escoito o que me din e fago o correcto.. Pero as decisións tomarémolas entre os que conformamos o grupo.

-O seu predecesor anunciou recentemente en La Voz de Galicia a cuarta ampliación do polígono en 428.000 metros cadrados.

-Si claro, é unha prioridade. O rural galego estase desmantelando e hai cuestións que abordar para seguir freando ese despoboamento. E hai que ter claro que sen emprego non se pode fixar poboación. A recualificación dos terreos no Acevedo xa está feita e é fundamental sacar este proxecto cara diante para atraer máis empresas e, polo tanto, máis emprego.