Moreira: «Será a primeira vez que xogue nas Eiroas contra o Bergantiños»

Este carballés loita co Barco por xogar a súa sétima fase de ascenso


Carballo / La Voz

O partido xa de por si emocionante de mañá nas Eiroas ás 17.00 horas entre o Bergantiños e o Barco terá o aliciente de que nas filas do equipo rival haberá un carballés e exbergantiñán como é José Antonio Moreira Martínez (1989). Na mañá de onte, falou do que este encontro significa para el.

-Como vivirá este enfrontamento?

-Será a primeira vez que xogue nas Eiroas contra o Bergantiños, que é un equipo co que simpatizo, ao igual que toda a miña familia. Ás veces que me enfrontei a el, nunca puiden xogar por lesión, tanto cando estaba no Celta B como no Cerceda. Será un partido bonito, especial e diferente.

-A súa familia, co seu pai, José Antonio Moreira, que incluso foi adestrador do Bergan, terá o corazón dividido, aínda que a casa sempre tira.

-Si [ri]. Mañá quererán que os puntos viaxen para o Barco e, a partir de aí, que o Bergan gane todos os partidos.

- Como está sendo esta tempada no Barco, onde están a cumprir co obxectivo de atoparse entre os catro primeiros postos que dan dereito a disputar a fase de ascenso?

-Ben, imos cuartos. A tempada comezou moi ben. Agora no 2020 levabamos unha racha irregular, pero a vitoria que conseguimos o outro día en Somozas [1-4] dános alas para seguir pelexando por conseguir un obxectivo bonito que nunca lograron aquí no Barco, pese a que levan varias campañas pelexando por estar no play-off.

-E a nivel individual?

-Estou moi contento, porque son titular e as cousas están saíndo ben. Ao final, vin aquí co reto de facer outra fase de ascenso, que sería a miña sétima cun club distinto.

-Que agarda deste partido contra un rival que xa demostrou en numerosas ocasións que non está onde lle pertence?

-O Bergan ten unha gran plantilla. Ultimamente está conseguindo bos resultados. Logrou un 5-0 contra o Alondras na casa e fixo un bo partido a domicilio contra o rival máis forte da categoría, o Compos [1-0]. Creo que a tempada non lles está saíndo como eles quixeran, porque nos últimos anos xogaron a fase de ascenso, pero as cousas nunca saen como un quere. Creo que agora está indo cara arriba. Xa se viu melloría cando Borja [Facal] colleu o equipo. A imaxe que deron contra o Sevilla foi espectacular, e agora o equipo segue crecendo.

-Que mellor sería que medirse por primeira vez ao Bergan en Carballo cun compañeiro e agora amigo, no banquiño, como foi Facal, non?

-Sería especial, pero sucederon así as cousas. Especial vai ser igual por volver á miña casa, o meu pobo. Será estraño ao principio, pero cando empece a andar o partido, será un como outro calquera.

-Como carballés que é, supoño que con máis razón buscará a vitoria para reivindicarse.

-Sempre que saio a un campo de fútbol quero gañar. Son competitivo. Iso tamén me levou a conseguir as cousas que logrei a nivel individual e colectivo nos equipos que estiven. Dende pequeno se me inculcou ese querer gañar sempre. Ao fin e ao cabo, son tres puntos máis, non teñen un valor extra.

-Ten dito noutras entrevistas anteriores neste medio, que aínda non ve próximo o seu retiro como xogador. Tendo en conta a súa larga formación vinculada ó deporte, verémolo algún día de adestrador?

-Na miña carreira como futbolista, funme preparando. Alí por onde vou, intento sacar tempo para a formación. Xa teño o nivel 3 de adestrador, de modo que podo adestrar a calquer equipo do mundo, e fixen o máster de análise do xogo en Madrid. Pero por agora non me marco data para retirarme. Ao final, se me atopo ben e se os equipos ós que vou ven que podo seguir dando o nivel, seguirei; senón, haberá que tomar outras decisións, e sempre que se poida, que sexan estar vinculado ó fútbol, que ao final foi a miña vida e o que me gusta. Sería bonito.

-Gustaríalle sentarse no banquiño das Eiroas?

-Iso xa se verá [ri], non sei o que pasará. Agora estou centrado na miña carreira, pero si que é certo que o Bergan é o club no que me criei, teño amigos de alí, e sempre lle terei cariño.

-O Barco ten dous centrocampistas sancionados para este encontro. Todo apunta a que con máis razón será vostede titular.

-Hoxe [por onte] é o último adestramento. A ver o que prepara o míster [Manolo Pérez].

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Moreira: «Será a primeira vez que xogue nas Eiroas contra o Bergantiños»